A folga do sindicato de maquinistas Semaf, convocada para os días 10, 12, 14 e 16 deste mes de xuño, está a causar numerosos problemas na rede ferroviaria galega, en especial nos servizos de longa distancia. Problemas aos que este venres, un dos días da semana que máis demanda teñen eses servizos, engadiuse unha avaría na estación de Zamora. Aos servizos que non chegaron saír das súas estacións engadíronse demoras de ata dúas horas en varios dos convois que si circularon dentro dos servizos mínimos decretados polo Ministerio de Fomento.
Segundo a empresa, só o 9% dos maquinistas secundaron a folga, o que viría confirmar, visto o número de incidencias, que o cadro de persoal non ten a amplitude suficiente como para poder afrontar imprevistos
Unha das reivindicacións que levaron os maquinistas á folga, en particular en Galicia, é o constante recorte do seu cadro de persoal, ata o punto de que xa antes destes paros Renfe levaba varias semanas tendo que transportar os seus pasaxeiros en autobús en determinados traxectos pola falla de condutores. Maquinistas, por outra banda, que non poden ser empregados pola empresa de xeito discrecional nunha ou noutra liña xa que por seguridade deben estar habilitados tanto para circular cun tren determinado como para facelo por cada treito concreto polo que van pasar. Este venres a empresa cuantificou o seguimento da folga en só un 9%, o que viría confirmar, á vista dos numerosos incidentes rexistrados en toda a rede, a denuncia dos propios maquinistas de que o cadro de persoal non ten a amplitude suficiente como para poder afrontar imprevistos.
A avaría do cambiador de ancho de Zamora bloqueou dous trens con orixe e destino en Lugo durante dúas horas
Aínda que a folga comezaba oficialmente este venres, xa este xoves víronse afectados varios servizos, como un Alvia Madrid-Pontevedra que saíu de Chamartín con dúas horas de atraso. Pero este venres ademais avariouse a primeira hora da tarde o cambiador de ancho da estación de Zamora, o dispositivo que permite aos trens pasar da liña de AVE que chega ata alí desde Madrid á liña convencional que entra en Galicia. O incidente bloqueou dous Alvia entre Lugo e Madrid, un en cada sentido: o que circulaba cara Galicia acumulou un retraso de 153 minutos e o que ía cara Chamartín de 115 minutos.
Pero a folga afectou a moitos outros servizos, segundo os datos que a propia Renfe foi facilitando nas redes sociais, non sempre a bordo dos trens. Este venres un Alvia Ferrol-Madrid pasou por Puebla de Sanabria con 73 minutos de demora, un A Coruña-Barcelona fíxoo por Valdeorras con 63 minutos de atraso, ou outro Pontevedra-Madrid saíu de Ourense con 51 minutos de demora.