A fronte ampla está máis preto de se concretar en Galicia. O Consello Político de Esquerda Unida (EU) deu este martes á noite o seu visto e prace a unha coalición con Anova. E fíxoo cunha enorme maioría e coa única oposición dun voto en contra e dunha abstención entre os seus 40 compoñentes. Aínda que todo queda a expensas de que os militantes de EU referenden o acordo o vindeiro día 13, o apurado dos tempos obriga agora a unha "coalición técnica" que só sería rota se as bases da formación que lidera Yolanda Díaz se botasen atrás a última hora. Non semella probable.
Daquela, a fronte ampla que propuxera Yolanda Díaz en Praza hai xa ben meses -e cuxa luva recollera o voceiro de Anova, Xosé Manuel Beiras, en varias intervencións públicas- está a piques de materializarse. Nela, a formación nacionalista e mais a coalición de esquerdas serían as principais cabezas visibles, á espera de que Compromiso por Galicia (CxG), que rexeitou nas últimas semanas rotundamente a súa integración con forzas "non centradas no país", se decida.
Compromiso medita agora unirse á coalición de esquerdas xunto a Anova e EU
A opción de que a formación liderada por Xoán Bascuas se integre finalmente na fronte ampla non está aínda descartada, logo de que Espazo Ecosocialista, pero tamén outros sectores, vexan agora nunha gran coalición a mellor opción de cara ás vindeiras eleccións autonómicas do 21 de outubro. Logo da reunión do seu Consello Político este martes á noite, CxG aclara nun comunicado que serán "varias as propostas sometidas a consideración das agrupacións comarcais que se celebrarán este mércores e xoves". Todo, a pesar de que o pasado sábado Compromiso deixara clara oficialmente a súa aposta por un acordo con forzas co seu centro de decisión no país.
A necesidade de conformar unha posible coalición antes do venres apura os tempos, malia que Compromiso mantén polo momento o seu calendario electoral e segue a marcar o vindeiro domingo 9 como o día elixido para celebrar as primarias, onde terían que elixir candidatos, algo que agora queda a expensas da decisión que tomenos seus órganos comarcais en canto á posibilidade de confluír na fronte ampla. As reticencias á contundencia dos principios "anticapitalistas" semellan agora un atranco menor. De feito, representantes de Anova, EU e CxG teñen previsto manter conversas este mércores para apurar as posibilidades de unión electoral.
Anova e Esquerda Unida traballan xa nun programa claramente de esquerdas
Á coalición poderían unirse outras formacións minoritarias como Esquerda Anticapitalista. De feito, EQUO Galicia xa está confirmada como outra das patas da fronte ampla.Logo da aposta afirmativa da súa asemblea pola unión electoral, máis do 70% dos seus afiliados e simpatizantes que participaron na consulta sobre as vindeiras eleccións aprobou integrarse na fronte ampla.
Polo momento, son os partidos liderados por Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras os que traballan xa nun programa claramente de esquerdas que non parece que vaia traer problemas entre as dúas formacións, á espera da unión ou non doutras á Syriza galega. Máis adiante será a hora de tratar o tema das listas e da elección de candidatos ás eleccións. César Santiso, concelleiro de EU na Coruña e responsable de comunicación, xa advertiu na súa conta de Twitter que a coalición pretende ser "o alicerce dunha fronte hexemónica que sexa quen de derrotar a PPSOE".