A fusión entre Oza e Cesuras pode ser inconstitucional

Feijóo, flanqueado polos alcaldes de Oza e Cesuras, en Raxoi © Xoán Crespo

Será o Tribunal Constitucional o que decida sobre a fusión dos concellos galegos de Oza dos Ríos e Cesuras, aprobada definitivamente en xaneiro de 2013. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu unha providencia na que considera que o artigo 32 da Lei de Administración Local de Galicia de 1997 pode ser "contrario á Constitución" ao determinar que as unións voluntarias de concellos se aprobarán co voto favorable das dúas terceiras partes da Corporación mentres que existe unha lei estatal, a Lei de Bases de Réxime Local, que di que abonda cunha maioría absoluta.

O TSXG emite unha providencia na que considera que o artigo 32 da lei de administración local pode ser "contrario á Constitución"

Xa que logo, a fusión entre estes dous concellos, coa que Feijóo quixo simbolizar unha iniciativa que pretende espallar a outros municipios, podería ser inconstitucional. O TSXG emitiu esta resolución tras a impugnación do acordo de fusión que realizou o PSOE -o recurso do BNG está á espera- e solicitou ao Ministerio fiscal e ás partes que presenten alegacións sobre a pertinencia de expor a cuestión de inconstitucionalidade ao tribunal. No entanto, o Superior condidera que é necesario que se pronuncie o Constitucional, polo que acabará expoñéndolle a cuestión.

Ao haber unha contradición entre unha norma estatal e unha autonómica, en caso de maiorías é a estatal a que prevalece. Neste caso habería que anular a disposición galega e é o Constitucional quen o pode facer porque o TSXG non pode inaplicar unha lei dunha comunidade autónoma sen antes eliminar o que contradi a norma básica. Así o entende a Consellería de Presidencia da Xunta, que nun comunicado subliña que "o TSXG non pode sen máis inaplicar a lei galega, senón que debe expor a cuestión de inconstitucionalidade ante o Constitucional".

A lei galega exixe maioría de dous terzos para as unións voluntarias de concellos, pero coa lei estatal -que foi a aplicada- abonda a maioría absoluta

Presidencia sinala que esta providencia do Superior é o "paso previo para que o Constitucional confirme de novo que a maioría aplicable é a maioría absoluta e declare neste punto que debe prevalecer a Lei de Bases de Réxime Local". Porque a Xunta defendeu a fusión acolléndose e defendendo unha lei estatal e non a súa propia lei autonómica, que é máis restritiva aínda.

A cuestión é vital porque se o Constitucional conclúe que prevalece a estatal e anula o artigo da lei galega, o TSXG desestimaría os recursos expostos e ratificaríase a fusión. Pero no caso contrario, daríase validez á maioría de dous terzos e no pleno no que se aprobou a fusicón, en xaneiro de 2013, tan só o PP votou a favor da unión, cos votos en contra de socialistas e BNG. Neste caso, non sería válida a fusión.

Non obstante, os precedentes parecen indicar que se anulará o artigo da lei galega para dar validez á lexislación estatal e ao requirimento da maioría. En definitiva, e como lembra a propia Xunta, confirmar a inconstitucionalidade do artigo da lei galega equivalería tamén a confirmar a legalidade da fusión. Así o advertira o Consello Consultivo en 2013, que puxera a lei estatal como referente. 

O PSdeG cre "gravísimo" que a Xunta deixase de aplicar a súa lei e o BNG pide a dimisión do alcalde do concello fusionado

“É un feito inédito e gravísimo que o Goberno galego deixara de aplicar a súa propia lei”, asegurou o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Julio Sacristán, que criticou que o Executivo de Feijóo, malia contar con informes xurídicos que xa apuntaban esta posibilidade, “deixara de aplicar a súa propia lexislación para querer converterse no Tribunal Constitucional, que é o que debe dirimir agora a constitucionalidade o non do proceso”.

O BNG, pola súa banda, xa anunciou que está estudando presentar alegacións no prazo requirido polo TSXG.  “O que mal empeza mal acaba”, manifestou a concelleira Estefanía Busto, que acusou o PP de “forzar a lei facendo interpretacións distintas nos dous concellos para sacar adiante a fusión como fose, e as consecuencias vannas pagar as veciñas e veciños”. “Diante do auto do Superior sobre a fusión, o mínimo sería que o alcalde dimita", asegurou. 

Os alcaldes de Oza e Cesuras, na presentación dunha gardería compartida © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.