A galega, segunda poboación da UE peor representada na Eurocámara

Vista da Eurocámara en Estrasburgo dende a Presidencia © Parlamento Europeo

"Fronte aos estereotipos habituais, en Europa ser pequeno é, comparativamente, unha vantaxe institucional". É unha das conclusións que tira o Centro Maurits Coppieters no seu estudo The Ascent of Autonomus Nations, no que este organismo ligado á Alianza Libre Europea analiza a representación da Unión Europea nas institucións comunitarias, un indicador no que Galicia non sae especialmente ben parada. Non en van, a fundación, presidida polo tamén director da Fundación Galiza Sempre, Xabier Macías, conclúe que a poboación galega é a segunda peor representada no Parlamento Europeo, a única institución elixida por sufraxio directo da poboación da Unión.

"Os estados de menor tamaño teñen mellor representación e máis poder de influencia na Comisión e no Consello", pero tamén no número de eurodeputados e deputadas, destacan dende Galiza Sempre ao valoraren o informe. Esta, explican, é a razón da "limitada representación padecida pola cidadanía con gobernos subestatais como o galego" fronte aos "habitantes dos pequenos estados independentes da UE". Así, Galicia, que ten 800.000 habitantes máis ca Eslovenia, "ten a metade de escanos no Parlamento Europeo". "O noso país conta en 2012 cun eurodeputado por cada 700.000 habitantes". Mentres, os cidadáns e cidadás de Eslovenia teñen "un por cada 250.000", por por riba da media, stiuada nun representante para cada 600.000 persoas.

 "A situación era aínda peor na data de elaboración do estudo", sinala a fundación, xa que daquela aínda non se incorporara "a cuarta eurodeputada galega, a nacionalista Ana Miranda (BNG)". Neste contexto, o Centro Maurits Coppetiers conclúe tamén que, nunha ampliación da UE a 34 estados, "Galiza sería a nación máis beneficiada", xa que "chegaría a triplicar a súa representación" na Cámara, escollendo nove escanos dos 754 existentes. Tamén mellorarían as representacións de Euskadi e Catalunya "e mesmo a do resto do actual Estado español". Ademais, subliñan, "o cambio de estatus significaría asemade representación directa no Consello e na Comisión".

"Galiza sería a nación máis beneficiada" dunha eventual ampliación da UE a 34 estados, sinala o estudo

A Alianza Libre Europea difunde este estudo nun momento no que, destaca o seu autor, Matthew Bumford, existe unha "dinámica emerxente do recoñecemento da autodeterminación de novas nacións". Non en van, subliña, "nos últimos 20 anos os membros das Nacións Unidas pasaron de 153 a 193, nha tendencia que se albisca tamén con clridade en Europa, onde Escocia e Catalunya poderían celebrar referendos en 2014. Para a Fundación Galiza, Sempre, que preside Xesús Veiga Buxán, "nun momento en que a incapacidade europea perante a crise acentúa a necesidade de procurar alternativas institucionais, este tipo de estudos e reflexións deben ser incluidas nos debates sobre perspectivas e intereses estratéxicos da nación galega, habitual e históricamente mal defendidos en Bruxelas polo Estado español", conclúe.

Ana Miranda no debate sobre o ACTA na Comisión de Comercio Internacional do Parlamento © BNG
Media de habitantes representados por cada eurodeputado (2011) © Centre Maurits Coppieters

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.