A Galicia minguante estrágalle a Feijóo a celebración de media década no poder

Mozos no aeroporto de Madrid CC-BY-SA Cadernos.net

Nunha das pezas que compuña o proxecto audiovisual Hai que botalos!, concibido para tentar sacarlle as cores ao derradeiro Goberno de Manuel Fraga ante as eleccións autonómicas de 2005, o personaxe que representaba o patrón da dereita española maldicía reiteradamente "á memoria", cualidade humana que lle impedía vivir plenamente na realidade que contribuíra a crear nos seus anos de poder autonómico. Algo semellante, pero mudando a memoria polas estatísticas, é o que lle está a acontecer a quen era vicepresidente daquel Goberno. Nestes días Alberto Núñez Feijóo conmemora a súa media década na Presidencia tentando facerlle ver ao país que o panorama é mellor do que herdou do bipartito, en xeral pero tamén nun ámbito particularmente sensible: a demografía, a emigración e o paro xuvenil.

Este argumentario foi o que achegou Feijóo o pasado mércores á súa cita co control da oposición, que PSdeG, AGE e BNG formularon en clave de balance. Méndez Romeu, Jorquera e Díaz reprocháronlle a Feijóo que nada está mellor que en 2009. No medio das acusacións opositoras o presidente deu en admitir que, se cadra, as cousas non están "mellor que hai cinco anos", pero agora, asegura, a mocidade "sae menos" de Galicia que cando gobernaba a coalición de PSdeG e BNG. No fragor da batalla dialéctica co voceiro do Bloque mesmo chegou a cualificar de "problema inventado" a preocupación do nacionalista polo éxodo xuvenil.

Feijóo aferrouse aos datos do padrón de 2012 e obviou os de 2013

Se ben é certo que o presidente non mentiu abertamente nesa sesión parlamentaria non o é menos que non dixo toda a verdade. Para retrucar as acusacións do resto de grupos Feijóo aferrouse aos datos do padrón de habitantes do ano 2012 e non aos máis recentes, do ano 2013, publicados hai escasos días polo INE e nos que fica claro que o país perdeu nun ano case 30.000 persoas de entre 15 e 24 anos. Non obstante, se a ollada ao panorama poboacional e migratorio se realiza cunha perspectiva un chisco máis ampla a pólvora dos foguetes polos cinco anos de mandato tende a ser humedecida polas pingas da realidade.

Entre 2008 e 2012 diminuíu a emigración xuvenil a España pero aumentou ao resto do mundo

O propio instituto estatístico do Estado deixa claro na súa análise de movementos migratorios que o retrato robot da emigración galega é o dunha persoa moza que marcha a Madrid ou a Sudamérica. Neste contexto, tan só no ano 2012 -último ano dispoñible- está acreditada a marcha de 25.000 persoas das cales en torno ao 55% tiñan entre 20 e 35 anos. Unha análise máis detallada da mesma base de datos permite coñecer que dende o ano 2008, o derradeiro gobernado integramente polo bipartito, descendeu lixeiramente a emigración de persoas de ata 30 anos que deixaron Galicia para ir a outro punto do Estado, pero aumentou máis dun 20% o número das que colleron a maleta para facer a súa vida noutro punto do mundo, cifra que superou as 4.000 en 2012.

Menos mocidade, máis persoas maiores

O preocupante retrato da poboación galega e das súas perspectivas de futuro complétaa a información completa do padrón á que parcialmente se aferra o presidente. Partindo dos últimos datos definitivos analizados polo Instituto Galego de Estatística, os de 2013, e botando a vista atrás ata o comezo da crise, en 2007, é posible tirar a conclusión de que Galicia ten agora un 11% menos de habitantes de entre cero e 34 anos. Mentres, as persoas que superan esta idade aumentaron un 6%. No caso das maiores de 85 anos a cifra incrementouse nun 25% e xa son case 100.000.

Case 14.000 mozos e mozas 'desapareceron' do padrón entre 2007 e 2013

O retrato tampouco mellora ao ollar polo miúdo a evolución dos diferentes grupos de idade nestes anos. Así, por exemplo, no ano 2007 vivían en Galicia 162.258 persoas de entre 20 e 24 anos e cinco anos despois rexítranse 156.055 de entre 25 e 29. Faltan, polo tanto, máis de 6.000 destes mozos e mozas. Algo semellante acontece ao observar a poboación de entre 25 e 29 anos en 2007, que ascendía a 213.344 persoas, e ás que en 2013 tiñan entre 30 e 34, 205.954. Neste caso, a diferenza é de máis de 7.000. Faltan, polo tanto 13.593 mozos e mozas.

Feijóo e a cúpula do PPdeG, celebrando a vitoria electoral de 2009 © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.