A Garda Civil incauta documentos retirados do Concello da Cañiza tras perder o PP a alcaldía

Imaxe dos arquivadores requisados pola Garda Civil nas oficinas da Policía Local da Cañiza © PSdeG

Os socialistas denuncian uns feitos ocorridos o xoves xusto tras comunicarlle ao ata agora rexedor o pacto que o apartou do cargo

O Concello da Cañiza, no que sempre gobernaron alcaldes da dereita, conta desde o pasado sábado cun rexedor do PSdeG, Luis Piña, apoiado por Ciudadanos. O acordo entre as dúas formacións foi comunicado ao ata agora alcalde, o popular Miguel Domínguez, no mediodía do xoves e xusto a continuación, segundo denuncian os socialistas, ducias de arquivadores comezaron a ser sacados do edificio do Concello e cargados en varios coches particulares aparcados nas inmediacións. Os socialistas chamaron á Garda Civil e os axentes precintaron os arquivadores na oficina da Policía Local para, un día máis tarde, e tras presentar unha denuncia o PSdeG, recollelos por orde xudicial. 

Un coche con arquivadores que segundo o PSdeG foron sacados do Concello da Cañiza © PSdeG

Segundo denuncian os socialistas, nas etiquetas dos arquivadores, que estaban a ser cargados en tres coches, un do rexedor popular e os outros dous de traballadores municipais, podíanse ler referencias como “dietas alcaldía 2006 (...) 2010” ou “memorias económicas 2002 (...) 2005” e no interior dalgunhas caixas había “documentos co selo de entrada do rexistro municipal, ou listas de nomes e apelidos”.

O rexedor popular asegurou aos socialistas que as caixas que estaba a subir no seu coche eran obxectos persoais e que descoñecía o que había no resto

O popular, pola súa banda, asegurou tanto aos socialistas como a varios medios de comunicación que as caixas que estaba a subir ao seu coche eran obxectos persoais seus e que descoñecía o que había nos arquivadores que foran sacados do Concello por outras persoas. Segundo os socialistas, un dos vehículos “arrancou con destino descoñecido antes de que se puidese aclarar que documentación se atopaba dentro dos arquivadores”.

Arquivadores cargados nun coche xunto ao Concello da Cañiza © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.