A heteroxénea dirección de Anova obriga ao entendemento entre sectores

Votación nunha asemblea de Anova Dominio Público Praza Pública

"Tiñamos o terreo de xogo e agora, tras a asemblea, temos pintadas as liñas do campo e un cadro de xogadores. Agora hai que perfeccionar a estratexia, combinar e compenetrar ben o equipo e xogar ben". Con este símil futbolístico define un dos novos membros da coordinadora nacional de Anova o resultado do primeiro cónclave da formación nacionalista, celebrado esta pasada fin de semana en Compostela.

Houbo debate (moito e intenso) e claras diferenzas entre a vella e resistente cultura política e unha nova que se reafirma en optar por formas alternativas ás coñecidas na tradición da esquerda en Galicia. Así o reflexionan diversos afiliados de Anova e membros dunha coordinadora nacional plural e variada na que non houbo sector ningún que se fixese co poder da dirección, o que obrigará ao entendemento entre as diferentes posicións.

O resultado da asemblea e da composición da dirección mantén as diferenzas entre a vella e a nova cultura política

O sector histórico de Encontro Irmandiño (EI), nucleado arredor de Mario López Rico ou Luís Eyré, Palleiro, reuniu apoios pero máis da metade dos membros da coordinadora semellan situarse máis claramente a prol desa "nova cultura política" na que se xunta xente da FPG, independentes, representantes de movementos sociais e incluso de sectores locais que conforman unha masa heteroxénea entre a que saíu reforzado Martiño Noriega. O alcalde de Teo e responsable de Acción Institucional de Anova recibiu 376 votos, case un cento máis dos acadados, por exemplo, polos históricos beiristas, pero fóra da dirección quedaron figuras como David Fernández ou Raúl Asegurado, malia os intentos tamén do seu ámbito por incorporalos á dirección.

"A nova coordinadora nacional reflicte o desexo da militancia: unha dirección máis plural e un poder máis socializado"

"O que pasou foi o que se demandaba: a socialización dun poder máis compartido e unha maior capacidade de decisión para a militancia. A nova coordinadora nacional reflicte este desexo; a xente quería unha dirección máis plural e un poder máis socializado e esa é a foto fixa deste momento", di un dos elixidos para a nova dirección, que cre que agora a clave "e única solución" é "buscar o equilibrio" e que "ninguén se instale na marxinación dun grupo". "Ninguén sobra, pero faltan moitos aínda", insiste.

A confrontación xurdiu sobre todo á hora de decidir o sistema de elección da coordinadora. O sector histórico de EI non agochou a súa oposición ao método das listas abertas condicionadas (cun máximo de 36 membros a elixir dun total de 75), o que evitaba que un sector puidese controlar a dirección. Desde logo, ese control é agora imposible. Ningunha forza é hexemónica e a unanimidade só chegou á hora de elixir o portavoz nacional, na figura dun Xosé Manuel Beiras cuxo liderado "fixouno nunha posición moi por riba do debate e cun apoio total", tal e como destaca Martiño Noriega, que ve "moi positivo" que a figura do voceiro non provocase confrontación ningunha.

Martiño Noriega recoñece "certa cultura de resistencialismo" nalgúns sectores, pero louva "unha organización viva e non esquematizada"

Para o alcalde de Teo, "a intensidade do debate é algo bo" porque significa que Anova "é unha organización moi viva e non esquematizada, libre de grandes aparatos burocratizados". "Temos o reto dunha nova cultura política, sen renunciar á carga ideolóxica, sobre todo na maneira de relacionarse coa sociedade e a asemblea reflectiu iso: que hai vocación de conectar coas cuestións que se reclaman desde os movementos sociais, como a horizontalidade e a participación", engade.

"A propia militancia decidiu o sistema de elcción da coordinadora, ratificou que o voceiro se elixise de forma directa polos afiliados e chegamos a unha síntese sobre a política de alianzas", resume Noriega para destacar os aspectos positivos do cónclave, aínda que non agocha o que considera negativo. "Percibín  unha certa cultura de resistencialismo e de non abandonar posicións hitóricas da esquerda tradicional en canto á organización", di, tras lembrar que "discrepar non é estar contra o outro, senón algo normal e natural".

 

Reconto dos votos na asemblea de Anova © Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.