A hora da cidadanía: Galicia vota

Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo

Tres anos, sete meses e vinte días despois das eleccións que en 2009 lle outorgaron a maioría absoluta ao PP e devolveron á oposición a PSdeG e BNG este domingo 2,7 millóns de cidadáns e cidadás de Galicia están chamados ás urnas para configurar o Parlamento da novena lexislatura autonómica, que se estenderá, en principio e se non hai adiantos, ata o outono do ano 2016. Polo camiño queda o primeiro mandato de Alberto Núñez Feijóo na Presidencia da Xunta, unha brevísima precampaña e quince días de carreira electoral na que se mediron dúas aspiracións: a da continuidade, representada polos populares, e a do cambio, á que apelan esencialmente as forzas políticas situadas no abano da esquerda e do nacionalismo.

O resultado que no entorno das dez da noite anunciarán dende San Caetano o secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez, e o director xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Gonzalo Ordóñez, será desta volta o definitivo. Pase o que pase é practicamente imposible que os candidatos e candidatas, así como a cidadanía en xeral, teñan que agardar ao escrutinio do coñecido como voto emigrante para saber se todo segue igual ou se a configuración definitiva do lexislativo galego vén ditada da outra beira do Atlántico. O novo sistema do voto rogado, segundo o cal as persoas inscritas no censo de residentes ausentes (CERA) teñen que solicitar explicitamente o dereito a sufraxio, deu lugar a que apenas o 5% dos 400.000 inscritos decidisen participar.

Ás eleccións concorren vinte e seis forzas políticas, trece delas nas catro circunscricións

Mentres isto acontece no exterior, en Galicia poderanse achegar por primeira vez a votar 82.284 persoas que cumpriron 18 anos dende as pasadas eleccións. Este novo continxente de electorado, igual que o resto, poderá elixir entre ata vinte e seis forzas políticas, trece das cales presentan candidaturas en todas as circunscricións, isto é, nas catro provincias. Todas elas terán que superar o límite do 5% dos sufraxios emitidos en cadansúa circunscrición para poder obter escano nun Parlamento que, se as enquisas están no certo, deixará de ser tripartito, esquema que veu mantendo na última década.

Aínda que a organización da xornada electoral lle corresponde á Xunta é o Executivo central quen se encarga do dispositivo de seguridade da xornada electoral. Segundo datos da delegación do Goberno de España en Galicia velarán pola normalidade nas votacións 2.193 efectivos da Policía Nacional e 3887 da Guardia Civil, aos que se engaden 689 axentes das diferentes policías locais do país. As incidencias que poidan acontecer e mais os datos de participación controlaranse dende a sede central da Xunta. De ambos aspectos informará Presidencia en rolda de prensa pola mañá ás 10:15 e ás 12:30 e, pola tarde, ás 17:30.

Parlamento da VIII Lexislatura CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.