A Igrexa fica blindada contra o IBI que comezaba a pagar en Galicia

Rajoy, co arcebispo de Santiago © Goberno de España

O pasado xaneiro o xulgado do contencioso administrativo número 2 de Ourense dáballe un desgusto á Igrexa católica. A diocese ourensá presentara un recurso contra un acordo plenario do Concello de Allariz que a forzaba a pagar o imposto de bens inmobles (IBI) polos seus edificios non dedicados ao culto. A sentenza era inapelable e á institución relixiosa non lle quedaba, polo tanto, máis saída que cumprir coas súas obrigas tributarias. O alcalde da vila, Francisco García, do BNG, congratulábase pola decisión, que creaba "un precedente". Diversos concellos seguiron a Allariz no intento de facer pasar por caixa á Igrexa nunha operación que semella quedar frustrada definitivamente por obra e graza do Tribunal Constitucional.

O TC tomba a norma navarra a instancias do Goberno central

Mentres municipios galegos ían dando pequenas batallas neste ámbito o pasado marzo o parlamento de Navarra dáballe luz verde a unha norma que estendía o mesmo precepto para o seu territorio: a Igrexa debía pagar por todos os seus inmobles agás polos templos. Pero a norma bateu co Constitucional, que non actuou de oficio, senón a instancias do Goberno central. O gabinete de Mariano Rajoy deu en recorrer a lei porque "incumpre os compromisos do Estado coa Igrexa Católica e coas comunidades evanxélica, israelita e islámica" e reclamaba que o TC preservase este "beneficio fiscal". O pasado verán o tribunal suspendía a aplicación da lei e o pasado xoves, na véspera do Día da Constitución, o Constitucional vetábaa definitivamente.

Intento de que o Supremo se pronunciase

O pronunciamento do TC, declarando inconstitucional este cobramento, frustra tamén o proceso legal iniciado ante o Tribunal Supremo polo alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino (PSdeG). Despois do ditame favorable ao goberno de Allariz e mentres varios municipios do Bloque, como Mondoñedo ou Monforte, se dispuñan a cobrar tamén o IBI sobre as propiedades eclesiásticas nos seus territorios, Villarino dirixíase en febreiro ao TS para tentar que dotase os xulgados do contencioso administrativo dun criterio común para estes casos.

Tras a sentenza favorable a Allariz, concellos de BNG, PSdeG e PP tentaron que a Igrexa abonase estes tributos

En representación da Mancomunidade de Santa Águeda, que agrupa a dous concellos gobernados polo PSdeG e outros tantos polo PP, o socialista reclamaba unha saída para os ditames xudiciais que se viñeran contradicindo neste ámbito xa que, por exemplo, o contencioso número 1 de Ourense déralle a razón a diocese ourensá nun caso semellante ao de Allariz. No escrito presentado ante o Supremo a mancomunidade explicaba que "os bens inmobles propiedade da Igrexa católica só han de estar exentos do pago do IBI a condición de que estean destinados ao culto, residencia de bispos, cóengos e sacerdotes con cura de almas, oficinas da curia diocesana ou parroquiais, formación do clero e universidades eclesiásticas que impartan ensinos propios de disciplinas eclesiásticas, ou primordialmente a casas ou conventos das ordes, congregaciones relixiosas ou institutos de vida consagrada".

"Na conxuntura económica na que nos atopamos, cun déficit público disparado" e "nun marco no que as administracións locais apenas ingresan suma ningunha polo imposto sobre construcións, instalacións e obras", "non poder contar cos recursos que debería achegar a Igrexa católica" supuña un "agravamento" da situación económica dos concellos, sinalaban os concellos. Pero semella que ningún destes argumentos é tido en conta polo TC, que libera de impostos non só a templos e conventos, senón tamén a leiras, tendas, pisos ou calquera outro inmoble que teña á Igrexa como titular.

Sede do Tribunal Constitucional CC-BY K3T0

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.