O pasado mes de febreiro a Presidencia do Parlamento convocou a todas as deputadas da Cámara para protagonizaren unha foto de familia que elevou á categoría de "histórica". Por primeira vez había máis mulleres que homes no lexislativo galego, 38 fronte a 37. Naquela imaxe non estiveron todas. Participaron con entusiasmo as 21 representantes do PP e con dúbidas as 6 do BNG. Non o fixeron as 11 do PSdeG. As socialistas xustificaron a súa ausencia aludindo ao motivo que estaba por tras da maioría feminina: o espectacular corremento das listas do Grupo Popular, que tras as sucesivas eleccións -autonómicas, municipais e xerais- fora situando os deputados -maioritariamente homes- dos primeiros postos das súas candidaturas en postos gobernamentais. Deste xeito, entraran no Pazo do Hórreo moitas máis mulleres, aínda que ocuparan os últimos postos nas listas dos conservadores en 2009.
No Parlamento configurado o 21-O a presenza feminina fica nun 38%
O sucedido na pasada lexislatura non é máis ca un síntoma dunha realidade que aínda está afastada da paridade de representación no Parlamento. Así, o período lexislativo 2009-2012 comezou con 30 mulleres sentadas nun total de 75 escanos ou, o que é o mesmo, o 40%. Así e todo, a esta proporción contribuían máis uns grupos ca outros. Malia á Lei de Igualdade que estipula que en todas as listas ningún xénero pode estar representado en máis do 60% nin en menos do 40%, o grupo do PP quedou daquela configurado por 13 mulleres fronte a 25 homes -o 34%-, o PSdeG estivo representado inicialmente por 12 mulleres e 13 homes -o 48%- e o BNG tivo 5 de 12 -o 41%-.
Na Cámara configurada o pasado 21 de outubro a proporción, lonxe de mellorar, empeorou. Desta volta -e á espera de posibles movementos derivados da formación do Goberno- a porcentaxe de mulleres baixa no cómputo total ata o 38%. Por grupos, no PP a representación feminina sobe levemente ata o 36% -15 de 41-, no PSdeG queda no 38% -7 de 18- e en Alternativa Galega de Esquerda sitúase no 33% -3 de 9-. Desta volta só o BNG supera o devandito 40% e faino amplamente, sendo ademais o único grupo con maioría feminina, o 57% que supón que, dos seus 7 escanos, catro estean ocupados por mulleres.
O Estado español, menos igualitario
A diminución de mulleres no Goberno central fai que o Estado español caia 14 posto na avaliación do equilibrio entre sexos
Mentres isto sucede en Galicia o estudo sobre igualdade de xénero que elabora cada ano o Foro Económico Mundial (WEF) indica que no conxunto do Estado a igualdade tampouco pasa polo seu mellor momento. Así, segundo esta análise España cae 14 postos, do 12 ao 26, á hora de avaliar o grao de equilibrio social entre sexos nun total de 135 países que acollen ao 93% da poboación mundial. Tras anos de avances esta caída débese, segundo o estudo, á diminución do número de mulleres nos postos de responsabilidade ministerial. Non en van, o Executivo español pasou a estar formado por un 43% de mulleres no derradeiro gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero ao 28% que representan as catro ministras -vicepresidenta incluída- que fan parte do equipo de Mariano Rajoy.
Non é a formación de gobernos e parlamentos o único factor que ten en conta o WEF á hora de analizar a "fenda de xénero", senón que tamén atende ao acceso á saúde, á educación e á igualdade económica, nun índice que vai do 0 ao 1. Así, o Estado español fica nun 0,7266 mentres que a líder do rexistro é Islandia, cun 0,8640, seguida por Finlandia, Noruega e Suecia. Por diante da posición española están tamén países europeos como Irlanda, Dinamarca ou Holanda, así como estados doutros continentes como Sudáfrica, Cuba, Estados Unidos, Mozambique ou Burundi.