A intención do municipio berciano Candín de denominarse Ancares ergue a polémica en Galicia

Núcleo de Valouta, en Candín CC-BY David Pérez

A intención do municipio berciano de Candín de pasar a denominarse Ancares vén de provocar a polémica. Os concellos de Navia e Cervantes xa anunciaron que presentarán alegacións ao procedemento impulsado á outra beira do linde provincial, unha medida que foi contestada tamén por colectivos como Patrimonio dos Ancares, que ofrece unha detallada explicación da orixe do topónimo

O municipio berciano de Candín iniciou o proceso para cambiar a súa denominación a Ancares

Os alcaldes das localidades lucenses de Navia de Suarna e Cervantes teñen a intención de convocar cadanseus plenos nos que recorrerán o acordo adoptado polo corporación de Candín a mediados do pasado mes de decembro e buscarán o apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. 

Pereda de Ancares, en Candín CC-BY-SA Rubén Ojeda

Os concellos de Navia e Cervantes xa anunciaron que presentarán alegacións ao procedemento impulsado por Candín

Desde Candín entenden que o termo Ancares debería ser a denominación deste municipio de menos de 300 habitantes ao entender que fai referencia unicamente a esta localidade, onde nace o río Ancares, e non á serra compartida entre o Bierzo e Lugo. 

O acordo plenario xorde, segundo explican desde a parte berciana, dunha reivindicación social de décadas e que abrangue baixo a denominación de Ancares unha comarca de varios núcleos da parte leonesa. Desde Galicia advírtese da antiga presenza do topónimo en terras galegas ou do feito de que o Porto de Ancares, como ratificou o Instituto Xeográfico Nacional en 2017, atópase no municipio de Navia de Suarna

"Está claro que na parte galega xa existía o topónimo Ancares antes da suposta 'usurpación' do nome a partir dos anos sesenta do pasado século XX", di o colectivo Patrimonio dos Ancares respecto da reivindicación e dos argumentos de Candín. 

En declaracións á Cadena COPE, o alcalde de Candín, José Antonio Álvarez, defendeu o procedemento iniciado, "totalmente legal e transparente", e asegura que con el non se pretenden apropiar de nome ningún nin "cuestionar que Galicia empregue os nomes que a lei lle permita". "Non queremos prexudicar a ninguén", asegurou. 

Respecto dos motivos da proposta, o rexedor asegura que o obxectivo é "manter e conservar o nome dos Ancares" e di que "non é unha iniciativa que xurda agora". "Desde hai moitos anos, sempre houbo ese sentimento; é unha petición que vén circulando desde sempre", insiste Álvarez, que di que só se trata de "canalizar o sentir dos veciños" e que é "obriga" do Concello poñela en marcha. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.