A investigación das caixas aprobarase a vindeira semana e non comezará ata febreiro

Concentración de afectados polas preferentes CC-BY-SA Merixo

A comisión da marmota semella que finalmente verá a luz. O vindeiro martes o pleno do Parlamento votará de maneira acumulada as peticións de comisión de investigación sobre as antigas caixas de aforro formuladas por PP e PSdeG -únicos grupos con deputados dabondo para pedila- e os conservadores avanzan que, agora si, desbloquearán unha decisión que vetaron durante meses da pasada lexislatura, durante a cal bloquearon, con diversas argumentacións, as reclamacións presentadas polos daquela dous grupos da oposición.

O mes de xullo ou o 1 de setembro foron algunhas das datas lanzadas polos populares para encetar as indagacións sobre as antigas Caixanova e Caixa Galicia, a fusión de ambas e o nacemento de Novagalicia Banco. Todas as promesas, adiadas durante meses, esvaeron finalmente o 27 de agosto, cando Alberto Núñez Feijóo decidiu adiantar as eleccións autonómicas. Con todo, no primeiro pleno do novo mandato si que se producirá a aprobación formal e en febreiro, cando se reanude a actividade ordinaria da Cámara -o mes de xaneiro, habitualmente inhábil, será habilitado para tramitar os Orzamentos- comezarán os traballos.

Na oposición o Feijóo reclamaba que os grupos puidesen impulsar dúas investigacións por lexislatura aínda que non tivesen a maioría

Será ese o momento, cando os grupos organicen os labores da comisión, de coñecer cal é a intención do PP no relativo ao alcance da investigación. Así, por exemplo, Alberto Núñez Feijóo xa manifestou a súa disposición a acudir como comparecente, se ben persisten incógnitas sobre os altos cargos das institucións financeiras que terán que acudir a dar explicacións ante os deputados e deputadas e os temas que terán que abordar. Ademais da súa propia xestión e das indemnizacións millonarias que percibiron, os grupos da oposición xa avanzan, por exemplo, o seu especial interese en tratar con profundidade o escándalo das preferentes e esixir as responsabilidades que cumpran sobre a cuestión.

Esta comisión de investigación será a primeira que os conservadores acepten dende o seu retorno ao poder, no ano 2009. Ao longo da pasada lexislatura rexeitaron sistematicamente todas as reclamadas polo PSdeG e apoiadas polo BNG, tanto sobre as caixas como sobre outros asuntos, tales como a adxudicación da autovía da Costa da Morte. Esta posición contrasta coa mantida polo propio Feijóo durante a súa etapa na oposición. Daquela, o actual presidente apostou por unha reforma do Regulamento parlamentario segundo a cal os grupos terían dereito a impulsar dúas comisións de investigación en cada lexislatura, con independencia de que contasen ou non coa maioría parlamentaria.

Concentración de afectados polas preferentes CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.