O Goberno andaluz é un convidado habitual no Parlamento de Galicia. Así como na pasada lexislatura era moi frecuente que as peticións de explicacións por parte da oposición rematasen en alusións a José Luis Rodríguez Zapatero, na actualidade é estraño o debate no que os conservadores, xa sexa por boca do presidente ou a través doutro deputado ou deputada, non rematan por censurar a política do Executivo que preside o socialista José Antonio Griñán co apoio de Izquierda Unida. Así, por exemplo, unha crítica en materia de emprego formulada por Pachi Vázquez culmina nunha alusión sobre os datos do paro, unha proposta presentada por AGE adoita ser tamén rebatida dende o PP cunha pregunta: "o seu modelo é Andalucía, onde gobernan vostedes?", adoitan afirmar. Esas referencias a Andalucía non chegaron este martes ao debate de totalidade da Lei de Universidades. Por que?
Unha das posibles causas suxeriuna, precisamente, o voceiro de AGE no debate, quen como os seus compañeiros de grupo adoita aclarar que Alternativa non ten asento ningún no Parlamento andaluz. Ramón Vázquez advertiu aos presentes que o texto remitido á Cámara polo Goberno galego é, en boa medida, "un plaxio á baixa" da Lei Andaluza de Universidades. Isto é certo? Cando menos en parte, si. Unha lectura de ambos textos lexislativos permite comprobar que teñen redaccións moi semellantes en moitos treitos e que en case unha decena de artigos existen parágrafos exactamente iguais, nos que o único que cambia é a orde na que están situados ou, simplemente, o idioma.
O Goberno galego inclúe na lei de universidades artigos idénticos á norma do Goberno andaluz, malia criticar frecuentemente as súas políticas
Así, por exemplo, o artigo 14 da lei galega é idéntico ao 7 da andaluza. En ambos estipúlanse os "requisitos específicos para as universidades privadas" e nos dous explícase, entre outros aspectos, que estes centros teñen que "asegurar que as normas de organización e funcionamento polas que ten que rexirse a actividade e autonomía da Universidade sexan conformes cos principios constitucionais e respecten e garantan, de forma plena e efectiva, o principio de liberdade académica, que se manifesta nas liberdades de cátedra, de investigación e de estudo".
Isto mesmo acontece no artigo 20, o que regula a publicidade que poden realizar as institucións académicas. Como a Junta de Andalucía, a Xunta sinala que "non poderán obxecto de publicidade, comunicación comercial ou promoción das universidades, centros, ensinanzas ou titulacións universitarias que non conten cos requisitos necesarios para a súa creación e efectiva posta en funcionamento ou impartición, ou que perdesen a súa eficacia por revogación, falta de renovación ou extinción.
Un chisco máis adiante, no artigo 65.2, a lei andaluza sinala que "os institutos universitarios de investigación poderán ser constituídos por unha ou máis universidades, ou conxuntamente con outras entidades públicas ou privadas, mediante convenios ou outras formas de cooperación, de conformidade cos estatutos das Universidades". Ese mesmo precepto é posible atopalo en galego no artigo 24.3 da lei que este martes se debateu no Pazo do Hórreo. O mesmo acontece entre o artigo 65.5 de Andalucía e o 25 de Galicia, o 59.3 e o 67-3, ou entre o 87.2 e o 112.2, entre outros.