A lei Montoro deixa de ser "escusa" para non impulsar a normalización do galego desde os concellos

Marta Fernández-Tapias, Valentín García e Anxos Sobriño, na presentación do informe © Xunta

A lei Montoro xa non será o atranco nin servirá de escusa para non impulsar a normalización do galego desde os concellos. É a principal conclusión que se tira do informe presentado este martes pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a Dirección Xeral de Administración Local, que determina que esta función normalizadora é competencia tanto da Xunta como dos municipios e non unicamente do Goberno galego.

O informe determina que a normalización lingüística é competencia tanto da Xunta como das administracións locais

A aclaración é clave para o futuro do traballo e das iniciativas de normalización que se impulsan desde os concellos, moitas menos e con escasos recursos nos últimos anos, non só pola evidente falta de pulo desde a Xunta, senón tamén polas leis de contracción de gasto impostas desde o Goberno central do PP a partir da crise económica. A Lei 27/2013 de racionalización e sustentabilidade da Administración local, coñecida como lei Montoro, e a Lei 5/2014 de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da lei estatal anterior establecen que as entidades locais só poderán exercer novas competencias "cando non se poña en risco a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda municipal [...] e non se incorra nun suposto de execución simultánea do mesmo servizo público con outra administración pública". 

A lei Montoro impedía o gasto extra na normalización desde os concellos por entender que non era competencia propia da administración local

Con este argumento, foron moitas as intervencións e secretarías dos concellos que elaboraron informes que aludían á duplicidade de competencias entre concellos e Xunta nesta función normalizadora e atendían á esixida sustentabilidade financeira para condicionar ou impedir a contratación de persoal técnico de normalización ou mesmo da creación dos propios servizos de normalización lingüística (SNL) ou mesmo reforzalos. Lémbrao a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CTNL), presente tamén na presentación do informe a través da súa presidenta, Anxos Sobriño, e que foi a entidade que solicitou o documento que clarexase as dúbidas. 

A interpretacion que se facía era que a normalización lingüística, ao non estar entre as competencias municipais propias na Lei das bases do réxime local, era unha competencia só da Administración autonómica. Xa que logo, que a exercese un concello supuña duplicar competencias, o que estaba prohibido pola lei Montoro e a súa derivada, a non ser que non se puxese en risco a sustentabilidade financeira municipal.

Moitos concellos facían unha "interpretación restritiva" da lei, impedindo ou atrancando as actividades de normalización desde os municipios

"Era unha interpretación restritiva da lei, pola que se impedía aos concellos gastar diñeiro en contratación de persoal ou en actividades de dinamización se supuña un gasto extra cando se refería a competencias que non eran propias, pero as competencias son compartidas coa Xunta", explica a Praza.gal Anxos Sobriño.

O informe é claro na súa conclusión, ao especificar que "as entidades locais galegas comparten coa Xunta o mandato legal de promover a normalización da lingua galega, e que estas a veñen desenvolvendo e a teñen atribuída con anterioridade á entrada en vigor da Lei 5/2014". En definitiva, a Dirección Xeral de Administración Local informa de que "a prestación do servizo de normalización lingüística polas entidades locais galegas non require da emisión do informe de duplicidade nin sustentabilidade financeira tal como esixe o artigo 3 da citada Lei 5/2014 para o caso de exercicio de novas competencias distintas das propias". 

"O que fai o informe é confirmar que tanto as administracións locais como a Xunta teñen competencias propias para a normalización, polo que non é necesario emitir eses informes específicos sobre a sustentabilidade financeira no caso da duplicidade de competencias cando se queira contratar un técnico ou impulsar un SNL porque non existe tal duplicidade", explica Sobriño, que aclara que, "malia non ser xeneralizado", si houbo moitos casos de concellos nos que "intervención ou secretaría facían informes negativos que impedían a contratación de persoal". "Ao interpretarse que non era competencia propia, non se permitía gastar máis diñeiro", engade. 

A lei Montoro serviu de "escusa" ou "desculpa" en moitos concellos para vetar contratacions ou labores de normalización

Foi, en moitos casos, a "escusa" ou a "desculpa" da que tiraban moitas administracións locais que, a través destes informes negativos, mesmo condicionaban que fosen efectivas as axudas externas que deputacións ou a propia Xunta achegaba para os SNL. "Agora non existe esa desculpa e agardamos que os interventores teñan en conta e fagan caso do informe da Dirección Xeral de Administración Local", insiste Sobriño, que confía tamén en que o ditame deste informe supoña "un impulso" na normalización e que "deixe de haber impedimentos e se tomen decisións políticas para a creación de servizos de normalización máis ambiciosos". 

Asemblea xeral da CTNL, en Santiago de Compostela / © CTNL

"Que sirva para mellorar o traballo en normalización desde os concellos"

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, asegurou na presentación do informe que este aclara que "calquera actuación en materia de normalización lingüística desde as propias entidades locais non require do informe previo da Administración autonómica por se considerar que isto se fai en exercicio das propias competencias da administración local”. 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, pola súa banda, aclarou tamén que “de acordo coa lexislación aplicable en materia lingüística, nomeadamente a Lei de normalización lingüística e a Lei de Administración local, disponse que o galego [...] é a lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da Comunidade Autónoma, que a Xunta ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego e que o galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración local". 

Para difundir o informe entre as administracións implicadas, a Dirección Xeral de Administración Local enviarállelo a secretarios e secretarias das entidades locais e aos responsables políticos a través da Fegamp, entidade que tamén foi informada sobre o texto na Comisión Galega de Cooperación Local reunida o pasado 7 de maio.

"Esperamos que este documento sirva para mellorar o traballo en normalización lingüística desde as administracións locais, ás cales recomendamos exercer con eficacia a competencia que lles é propia por medio de departamentos técnicos que planifiquen, xestionen, executen e avalíen accións para promover o uso e o prestixio da nosa lingua", remata a CTNL. 

Panxoliñas para os pequenos nunha escola de Narón © Apego
Alcaldes e alcaldesas de concellos adheridos ao programa Apego Dominio Público Apego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.