"Esta reforma local acabaría de matar o rural; de consumarse quedariamos abandonados, condenados a desaparecer". Así de contundente fala David Rodríguez, alcalde de Manzaneda, un concello duns mil habitantes que ve tamén como a ameaza do proxecto que prepara o Goberno central para os municipios do Estado pon en perigo a súa subsistencia. Coincide o rexedor de Anova co socialista José Luis Raposo, alcalde de Pedrafita polo PSdeG, ou con Severino Rodríguez, de Monforte polo BNG, no seu rexeitamento frontal a unha modificación lexislativa que pon en perigo unha morea de servizos para os cidadáns, así como a autonomía local dos concellos.
"É a última pelexa que nos queda no rural; se non gañamos, acabarán por aniquilalo", di David Rodríguez
"Esta é a última pelexa que nos queda no rural porque se non gañamos acabaran por aniquilar as aldeas e vilas do rural", insiste David Rodríguez, que, malia todo, mantén a esperanza de que o rexeitamento maioritario dos rexedores das localidades de menos de 20.000 habitantes -incluídas as gobernadas polo PP- e a mobilización que están a levar os alcaldes dos diferentes partidos consigan que o Executivo central "dea marcha atrás". "Despois de comprobar o que suporán todas as medidas que nos queren impoñer e de ver tamén como alcaldes populares se mostran claramente en contra, creo que o Goberno terá que recapacitar", engade.
Fala o rexedor de Manzaneda da eliminación masiva de servizos que sufrirán os cidadáns de moitas vilas, tamén os de Manzaneda, un dos concellos con menos habitantes de Galicia, así como da privatización e posterior perda de calidade destes. E pon exemplos, como o da residencia de maiores do seu municipio ou a atención á dependencia. "Atendendo ao que marca a lei, a xestión da residencia recaería na deputación que, loxicamente, apostaría pola privatización e poría en perigo os postos directos de traballo que se manteñen na localidade, así como a calidade do servizo prestado aos cidadáns e as condicións laborais dos que queden traballando nela", advirte.
Porque esa é a filosofía da reforma local. Se o custo efectivo dun servizo que non é competencia do Concello e que é prestado por este é superior ao que pode ofrecer outra administración, suprímese este servizo. No caso dunha competencia do Concello, se o custo efectivo do servizo é superior, será asumido pola Deputación no caso de que o municipio ten menos de 20.000 habitantes
"A reforma local potencia as deputacións, que son redes clientelares e caciquís"
Ademais, David Rodríguez denuncia "o reforzamento e potenciación" das deputacións que se pretende facer cunha reforma local "recentralizadora" que aposta por unhas administracións "que adoitan ser redes clientelares e caciquís, pouco eficientes e afastadas da realidade da xente". "É un organismo obsoleto pero que manexa, como no caso da de Ourense, máis de 100 millóns de euros de orzamento", asegura o alcalde que, como no caso de moitos outros, reclama que eses cartos sexan repatidos entre os concellos da provincia para que sexan eles mesmos os que os xestionen. "Quen nos dese que así fose", insiste.
Por outra banda, Rodríguez tamén alerta de que a situación que pode provocar a posta en marcha desta reforma local aínda é máis grave en Galicia por ser un país "cunha dispersión poboacional moito máis elevada que a do resto do Estado e cun envellecemento moi superior tamén", o que implica a necesidade duns servizos eficientes e achegados ao cidadán, algo que corre serio perigo. "Nos concellos do rural xa estamos vendo como o sector primario tende a desaparecer, como os desastres ecolóxicos nos afectan máis ou como o noso medio de vida cada vez o é menos; parece que o fin último de todo é que desaparezamos", quéixase, tras repetir a necesidade dunhas mellores condicións de vida para uns cidadáns que aínda poden saír peor parados coa proposta que chega de Madrid.
"Parece que o fin último do Goberno é que desaparezamos"
"Calquera xestión, calquera servizo que unifiquen con outros concellos suporía, no noso caso, unha distancia duns 50 quilómetros... Iso non pode ser", reflexiona, tras advertir de que "calquera competencia ou servizo asumido polo concello está en perigo". "Pretenden restar os municipios de calquera capacidade para loitar contra os problemas que xa temos", conta, tras lembrar, como o resto de alcaldes, que os municipios de España tan só supoñen arredor do 3% da débeda total do Estado e que desa débeda, o 40% recae en grandes cidades como Madrid ou Valencia.
"Imos conseguir parar a reforma porque a última loita que nos queda; incluso grandes cidades como Pontevedra e Ourense apóiannos porque son sabedoras do que supón", remata David Rodríguez, que advirte de que tanto el como moitos outros veciños "seguirán pelexando por subsistir no rural".