15.000 xornais gratuítos repartidos en trinta puntos da cidade. Esa foi a forma que escolleu a Marea Atlántica para presentar o seu programa electoral á cidadanía da Coruña. Un xeito "sinxelo, directo, traballador, serio e amable" para trasladar á xente as "99 propostas para o 99%" da plataforma cidadá, tal e como explicou o seu candidato, Xulio Ferreiro, na presentación á prensa destas medidas.
É, segundo o candidato da Marea, un "programa diferente" presentada tamén nun "formato diferente". A través da publicación O 15, "o xornal do ano do cambio" que tamén se pode ler e descargar a través de Internet. "É un programa diferente, eminentemente participativo, froito das achegas das diferentes mareas de barrio e sectoriais", dun banco de ideas e perfilado "a través do encontro aberto" celebrado hai unhas semanas na Coruña. Así o lembrou Xulio Ferreiro, que ve nestas propostas uns obxectivos "realizables" baseados na idea de "abandonar a vella política de obras, cemento e promesas incumpridas".
A Marea elixiu un xornal gratuíto -O 15- para presentar o seu programa á cidadanía
"Apostamos por un modelo de cidade diferente, co máis democracia, participación e transparencia", engadiu Ferreiro, que resumiu os "cinco eixos" nos que se dividen esas 99 medidas deste programa electoral. O primeiro deles baséase na "radicalidade democrática" e no que se inclúen algunhas propostas xa adiantadas como a redución dun 50% no custo do goberno muncipal, a implantación dos orzamentos participativos, a auditoriaía e fiscalización das concesións municipais, a instauración de mecanismos revogatorios para os concelleiros da Marea que incumpran o programa ou sufran unha "imputación motivada" ou o respecto á "laicidade da institución municipal".
A segunda parte do programa céntrase no modelo territorial e urbano e incúe propostas para tomar "un camiño diferente" ao marcado pola administración local e que prevé unha revisión do PXOM, "poñer os espazos públicos ao servizo da cidadanía" así como o fortalecemento do transporte público ou a posta en marcha de roteiros prioritarios para peóns e bicicletas. "Non se pode apostar pola construción de 20.000 vivendas cando xa hai case outras 20.000 baleiras na cidade", destacou Ferreiro, que avanzou tamén as propostas no ámbito da "xustiza e cohesión social", que inclúe a creación dunha renda social municipal, a rebaixa das taxas da auga ou unha estratexia de inclusión laboral para os colectivos en risco de exclusión.
A plataforma cidadá di propor 99 medidas "realizables" co obxectivo de "abandonar a vella política"
En canto ao modelo económico e enerxético, a Marea aposta por un "radicalmente diferente ao que pon o automóbil como transporte prioritario ou prioriza os centras comerciais". "Queremos reactivar a economía local a través dos mercados municipais, de redes de comercio local e de formas de economía social e cooperativa", ademais de impulsar o I+D+i, o software libre e a colaboraicón coa Universidade. Para a cultura, memoria e dientidades, a plataforma cidadá propón, entre outras cousas, "ampliar e propagar a programación de Viñetas desde o Atlántico", a activación dun plan de residencias artísticas, o fomento da lingua galega, a eliminación da simboloxía franquista ou a celebración en 2016 do Ano das Irmandades da Fala.
A Marea destaca a boa acollida da campaña de doazóns: "Só imos responder diante da cidadanía e non ante lobbys nin grupos de presión"
O programa debullado, xunto con entrevistas co candidato Xulio Ferreiro, artigos de Manuel Rivas, Ada Colau ou Íñigo Errejón e un repaso ao camiño trazado pola Marea inclúese no xornal O 15 que, tal e como quixo destacar, foi froito "do traballo voluntario de ducisas de persoas ilusionadas cun cambio" Ademais, o líder da plataforma destacou tamén a campaña de achegas aberta á cidadanía para financiar a campaña electoral e que suma xa preto de 3.000 euros a través de 93 mecenas. "É un orgullo, vai moi ben e é unha proba de que hai marea", explica, tras aclarar que "é esencial chegar ao Concello sen hipotecas porque é a única forma de facer política para o cidadán". "Só imos responder diante da cidadanía e non ante lobbys nin grupos de presión", rematou.