A Marea de Vigo colle forza e inicia os contactos coas forzas políticas

Xuntanza da Marea de Vigo © Marea de Vigo

"Fronte aos nefastos recortes dos servizos públicos, fronte ás políticas que provocan o desemprego, a miseria e a emigración, debemos unirnos para dar unha resposta democrática e solidaria en prol da xustiza social (...) En Vigo, coma na Coruña e noutros moitos concellos de Galicia, cada vez máis homes e mulleres xuntamos as nosas forzas nunha gran Marea cidadá para mudar esta situación de caos e sufrimento, ata o punto de que podemos sentir que regresou a dignidade". No pasado mes de agosto, e cun manifesto fundacional, a Marea de Vigo poñíase a andar na procura dun espazo de confluencia de cara ás vindeiras eleccións municipais. Ao igual que noutras cidades galegas, e ao ronsel da Marea Atlántica, esta plataforma comezou un traballo que colle folgos agora espallándose polos barrios e arredor xa das 1.000 sinaturas de apoio.

Con arredor de 1.000 sinaturas de apoio, a Marea de Vigo espállase agora polos barrios e suma apoios cara á "confluencia"

"Somos un movemento pola confluencia, pola rebelíón democrática e a recuperación da soberanía municipal", explica Xavier Bértolo, un dos voceiros dunha Marea de Vigo que agroma como espazo de confluencia na cidade entre outras pequenas iniciativas que non acaban de arrancar. Logo de dúas asembleas xerais e da formación de dous grupos de traballo, a semana pasada celebrouse o primeiro plenario tras o que se empezou a traballar nas diferentes xuntanzas que espallarán o movemento polos diferentes barrios.

"Pularemos pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria", deixaban claro no manifesto.

Procura, como a Marea Atlántica,Ourense en Común ou Guanyem Barcelona, un espazo de confluencia na que "a cidadanía sexa a protagonista" e coa que se busca "o empoderamento cidadán e a recuperación de todo o que nos quitaron". Buscarán o apoio da esquerda alternativa, das organizacións políticas e dos movementos sociais -"todas menos as do réxime do 78", aclaran- pero non como partidos senón como cidadanía "que se dilúe" nesta Marea que "sae a gañar". Desde EU a Anova pasando por Podemos e outros moitos movementos e mantendo reunións con toda a esquerda (verdadeira) e allea ao PSOE.

De feito, nos vindeiros días comezarán xa a rolda de contactos con organizacións sociais e políticas para buscar esa confluencia que cada vez está maís asentada noutros lugares e que aspira a cambiar o panorama municipal das principais vilas e cidades galegas. "Non só cremos que a confluencia é necesaria, senón que cremos que, máis tarde ou máis cedo, vaise producir", din confiados desde o proceso, que insiste en que tan só supón "unha ferramenta para a xente".

O movemento comezará nos vindeiros días os contactos coas organizacións políticas e sociais

O obxectivo e a ruta é clara. Logo de espallarse polos barrios en diferentes mareas, onde se recollerán propostas, apoios e iniciativas de toda a cidadanía, analizarase a fórmula legal coa que concorrer ás eleccións. E seguiranse a recoller sinaturas co obxectivo de alcanzar as 3.000, un propósito ilusionante, "pero non vinculante". "Se as superamos, mellor, pero se quedamos en 2.500, que xa son moitas tamén, seguiremos adiante porque non podemos supeditar a unha cifra todo este proceso", lembra Bértolo.

"Debemos estar nas eleccións para a xente porque cremos que sumando podemos gañar", aseguran

Será a final de ano cando se peche esa recollida de sinaturas e xa en xaneiro cando a asemblea xeral artelle un programa común e abra as candidaturas cara a unhas primarias abertas que se celebrarán en febreiro. O obxectivo: as eleccións. "Debemos estar aí para a xente porque cremos que sumando podemos gañar; hai que facer moita pedagoxía e traballar, pero estamos convencidos de que, a medida de que se vaian achegando os comicios, a xente mobilizarase e iremos apañando apoios", conclúen.

Dominio Público Praza Pública
Xuntanza da Marea de Vigo © Marea de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.