"A Marea de Vigo suma o espazo máis amplo da esquerda política e social da cidade"

Rubén Pérez, Xosé Lois Jácome e Margarida López, da Marea de Vigo © Marea de Vigo

A Marea de Vigo afronta as vindeiras eleccións locais convencida de que será "determinante á hora de formar o goberno municipal". Ante unhas enquisas que lle dan a vitoria ao actual alcalde, Abel Caballero, e cun panorama amplo de opcións entre as máis de 15 candidaturas que se presentan, o espazo de confluencia de boa parte da esquerda da cidade advirte que "existe un voto crítico, de esquerda, que aínda está instalado na indefinición". Será ese, principalmente, o que intenten conquistar nunha campaña que consideran clave para definir os resultados electorais finais. Falamos cos tres primeiros membros dunha lista elixida nas primarias celebradas no pasado mes de marzo: Rubén Pérez, Xosé Lois Jácome e Margarida López. 

Vigo conta con 17 candidaturas, moitas delas no espazo da esquerda ou do progresismo, non é unha excesiva fragmentación para o voto alternativo? Reduce isto as expectativas?

Rubén Pérez: Para nada. A Marea suma sen dúbida o espazo máis amplo da esquerda política e social de Vigo. Suma a parte substancial de AGE, organizacións como EU, Os Verdes e a FPG, que xuntas xa significaran o 7% do voto nas municipais en 2011. Ten o apoio de máis de 2.500 asinantes do manifesto, levamos máis de 100 achegas cidadás ao programa con máis de 1.450 votos ás propostas. Consideramos que como proceso de construcción da unidade popular a responsabilidade de construír colectivamente non podía pasar por un pacto de lista, como algún espazo dos que finalmente quedaron fóra da Marea esixía, o proceso de primarias abertas era para nós irrenunciable e a transparencia no proceso de toma de decisións, absolutamente definitorio.

"Na Marea conflúe todo o significativo e con incidencia social da esquerda viguesa; si se deu o proceso de confluencia"

Por que a Marea de Vigo non logrou a confluencia que si se logrou noutras plataformas cidadás? Por que tampouco se logrou un acordo global con outras plataformas do mesmo ámbito?

Rubén Pérez: Na Marea conflúe todo o significativo e con incidencia social da esquerda viguesa, polo que si considero que se deu ese proceso de confluencia. Sempre existirán proxectos persoais que devengan en candidaturas que se din cidadás, ou autoexclusións que se plantexan como provocadas, pero o proceso da Marea constrúese sobre debates colectivos e con estruturas políticas e sociais que sexan representativas da realidade da cidade.

Comparte a Marea ese discurso común noutras candidaturas de confluencia de "non ser de esquerdas nin de dereitas"?

Rubén Pérez: En absoluto, querer xogar a centralidade do taboleiro no ideolóxico é querer optar a captar voto sociolóxico da dereita rebaixando proposta e artellando un programa ambiguo e sen utilidade para a maioría social. Un proceso de construción da unidade popular ou é de esquerdas, con conciencia de clase e tomando como referencia que a contradición principal que vivimos no capitalismo é a contradición capital-traballo, ou será unha fraude para a poboación agredida pola crise. Ese discurso non é nada novo, xa o vivimos co PSOE no 79 e 82 para desprazarse cara ao voto da UCD.

"Un proceso de construción da unidade popular ou é de esquerdas ou será unha fraude para a poboación agredida pola crise"

A polémica arrodeou moitas das actuacións de Abel Caballero e a súa política social -entre outras- é moi criticada, por que aínda así as sondaxes lle seguen a dar a vitoria?

Rubén Pérez: O que apreciamos nalgúns traballos demoscópicos é un notable traslado de voto tradicional do PP ao PSOE, evidenciando outra dimensión, esta institucional, dese discurso ambiguo que antes comentabamos de "nin de esquerdas nin de dereitas só pensamos en Vigo", como se fose un ente abstracto. O que amosan as enquisas é o que existe un voto crítico, de esquerda, que aínda está instalado na indefinición. É certo que a Marea de Vigo xa é coñecida, as enquisas a colocan xa no consistorio, pero é preciso que o espazo que queremos representar recoñeza na Marea cun instrumento eficaz para outro modelo de municipalismo.

Que sería o máis urxente que tería que afrontar a Marea de Vigo no caso de gobernar ou formar parte dun goberno na cidade? O paro é se cadra o principal problema, cales son as capacidades da administración local para mellorar as cifras de desemprego?

Margarida López: Faremos, ou proporemos, unha auditoría pública de vivenda ademais de impulsar políticas de xestión do solo público para a construción de vivendas protexidas. Tamén se porá en marcha un plan de vivenda municipal de aluguer a prezos asequibles. Comezaremos a tramitar a remunicipalización dos servizos públicos e farase todo o posible para eliminar a situación de extrema precariedade e desamparo na que se atopan as persoas usuarias dos colapsados servizos sociais do Concello. Para reducir o desemprego, aínda que non compete só ao Concello esa tarefa, promoveremos plans de formación específica para poñer en marcha novos proxectos de autoemprego. 

A creación de  distintas empresas municipais que se crearán para xestionar os servizos públicos que pretendemos remunicipalizar, así como, un aumento de prazas nos servizos sociais, que agora mesmo non están cumprindo a ratio de traballador/a por habitante, ademais da revisión dos concertos das empresas que traballan con estes servizos, dirixindo a política cara á municipalización das mesmas.

"Queremos unha cidade racional, solidaria e cuns recursos que se redistribúan para garantir as necesidades básicas da cidadanía antes cós proxectos de luxo"

Que modelo de cidade, resumindo, propón a Marea de Vigo?

Margarida López: Queremos xestionar dun xeito dixtinto o público redifinindo as prioridades e facendo visible o que se pretende invisibilizar. Queremos unha cidade racional, solidaria e cuns recursos económicos que se redistribúan de forma que garantan as necesidades básicas da cidadanía antes cós proxectos de luxo. Ademais, a cultura é esencial na riqueza dunha sociedade, e consideramos que a cidadanía de Vigo merece que se respecte e  garanta a pluralidade cultural e lingüística. Tamén queremos unhas institucións laicas non vinculadas á relixión dominante e que, como mínimo, se cumpran as leis de igualdade. Tamén nos gustaría vivir unha cidade verde, que respecte e que potencie as zonas verdes tanto do centro como dos arredores, promovendo a produción e a venda de productos vexetais. Que haxa mercados, tanto cubertos como ao aire libre nos distintos barrios. Queremos que a vida estea no centro da política, a sustentabilidade consiste en facilitar e facer posible a vida.

De que forma se achegará a cidadanía ao Concello?

Margarida López: Garantindo estruturas de participación estable para a sociedade vinculadas a todas as áreas municipais, pondo en marcha mecanismos para que as persoas responsables do goberno municipal debatan as propostas concretas que cheguen dende a cidadanía. Garantindo, polo menos periodicamente, plenos en horarios e lugares distintos aos habituais, para facilitar á cidadanía o acceso a eles cando os temas tratados sexan do interese dunha área ou colectivo determinado. Xeralizar o uso de consultas populares para aquelas decisións nas que unha parte da poboación afectada o solicite. E  fomentar tamén o uso das novas tecnoloxías para que desde o Concello se poida responder a suxestións e propostas.

"O barco da rotonda de Coia é un dos moitos agasallos envelenados que deixa Abel Caballero"

Que farían co polémico barco da rotonda de Coia?

Xosé Lois Jácome: Este é un dos moitos agasallos envelenados que deixa o noso actual alcalde. Deixando de lado o absurdo do investimento e as maneiras absolutistas de levar a cabo a actuación, a cuestión é que o barco xa está alí, entón teremos que actuar con responsabilidade. Haberá que estudar canto custa realmente o mantemento antes de tomar unha decisión. Deixando tamén claro que estamos en contra da actual redacción do PXOM e que estamos certos de que non é posible o seu desenvolvemento, é curioso que nesa rotonda está planificado un túnel que de levarse a cabo faría necesario retirar o barco. O que temos moi claro é que Vigo precisa un espazo onde poñer en valor o seu patrimonio marítimo e industrial e o problema non é a falta de espazos nin de fondos, xa que un espazo así tería retorno económico, senón que é unha cuestión de vontade política. O señor Abel prefire gastar en formigón antes que en cultura.

Hai algunha posibilidade de pacto post-electoral co PSOE en Vigo? E con outras forzas?

Xosé Lois Jácome: Nós empezaremos a facer política dende o mesmo momento no que entremos no Concello. As nosas primeiras propostas, que non as decidimos as concelleiras senón a cidadanía través do programa colaborativo da Marea de Vigo, serán entre outras, camiñar cara a remunicipalización do servizo de transporte e de auga. Penso que a pregunta é que forzas políticas van apoiar estas iniciativas, cando o saibamos saberemos que posibilidade de pactos pode haber.

"Camiñaremos cara a remunicipalización do transporte e da auga; cando saibamos que forzas apoian iniciativas como estas, falaremos de pactos"

Coas limitacións que ten unha plataforma, como se afronta a campaña? Como se financia?

Xosé Lois Jácome: Pois con puro voluntarismo, non temos ao noso dispor os recursos económicos dos que dispoñen outras forzas. Temos que tirar do tempo e dos cartos das persoas que forman parte da Marea. Confiamos en que a cidadanía nos axude, aproveito para dicir que calquera achega é ben recibida! Unha doazón de moi pouca cantidade ten un valor inmenso cando se fai colectivamente, as persoas que queiran axudar poden facelo coa información que atopara no Facebook da Marea de Vigo.

"O actual alcalde non terá maioría e a Marea de Vigo confía en superar por moito as enquisas"

Cales son as expectativas electorais da Marea? Atrévense a un prognóstico?

Xosé Lois Jácome: Pois penso que está todo por decidir, dependerá moito da campaña que sexamos capaces de facer para dar a coñecer as nosas propostas tanto programáticas como de funcionamento. O que temos claro xa é que imos ser determinantes á hora de formar o goberno municipal. Confío en que imos superar por moito as enquisas que se deron a coñecer ata o momento. Se queredes un prognóstico, apostando sobre seguro, dígovos que o actual alcalde non vai ter maioría.

Membros da candidatura da Marea de Vigo © Marea de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.