A Mesa pide aos partidos seis medidas urxentes en favor do galego tras o 25-S

Marcos Maceira, presidente da Mesa CC-BY-SA A Mesa

Impulso ao papel normalizador da TVG e posibilidade de captar a RTP; ensino, administración e rótulos en galego; e que a Xunta condicione as súas subvencións ao uso efectivo da lingua propia, son medidas que reclama de inmediata aplicación

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de enviar aos principais partidos que concorren ás eleccións autonómicas do 25 de setembro unha carta na que lles piden seis medidas “urxentes” en apoio do galego que ao seu xuízo non son todas as que a lingua precisa pero que se poderían adoptar de xeito inmediato tras os comicios para “reverter o proceso de substitución lingüística que padece o noso idioma”. O presidente da Mesa, Marcos Maceira, subliña que “non é máis que unha batería de propostas aparentemente asumidas por todas as forzas políticas e sociais, moitas xa recollidas en acordos nacionais como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou en tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas”. Ademais, a Mesa tamén reclama un debate electoral centrado na cuestión da lingua.

“As que propomos non son todas as medidas que o noso idioma precisa, mais si, de entre elas, as que a administración galega pode pór en funcionamento con máis urxencia”, dille Maceira aos líderes dos partidos na súa misiva. E acompáñaa dun documento no que se debullan esas medidas: impulso ao papel normalizador da CRTVG para aumentar os contidos de todo tipo en galego e en clave galega; inmersión lingüística na educación infantil e eliminación dos límites impostos á lingua propia en Primaria e Secundaria; emprego prioritario do galego en todas as administracións en Galicia; sinalización en galego e uso exclusivo da toponimia legal nos transportes públicos; posibilidade de captar a Radio Televisión Portuguesa (RTP) en toda Galicia e de que a CRTVG chegue a Portugal; e condicionar todas as subvencións da Xunta á utilización efectiva do galego.

Para a Mesa, “asumir a aplicación inmediata destas seis medidas é a mellor maneira de demostrar verdadeira intención de cumprir co acordado no Plan Xeral de normalización da Lingua Galega, ratificado por todas as forzas políticas na Declaración de Unidade a prol da Normalización da Lingua Galega asinada coa Mesa por grande parte das forzas políticas que participarán no proceso de elección do novo Parlamento de Galiza”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.