A militancia de Podemos Galicia di "si" á "alianza electoral" con En Marea

Carmen Santos anuncia o resultado da consulta CC-BY-SA Podemos Galicia

"Si" a unha "alianza electoral con outras forzas políticas e sociais do cambio como Esquerda Unida, Anova ou as Mareas". Foi a opción elixida polo 75% das persoas que participaron na consulta de Podemos Galicia sobre as eleccións galegas do 25 de setembro. Cunha participación "do 44,30% do censo activo", a aposta pola confluencia xuntou 4.576 apoios fronte a 1.474 sufraxios a prol da concorrencia en solitario. Trátase, en verbas da secretaria xeral do partido, Carmen Santos, dun resultado "esmagador" que, no entanto, responde ao 'que' pero non ao 'como', toda vez que a dirección da formación morada non contempla a integración no partido instrumental de adscrición individual aprobado a pasada fin de semana pola asemblea das mareas.

Como durante todo o proceso de votación interna, Santos advirte de que a preferencia da dirección que encabeza non é outra que unha "coalición electoral á catalá", isto é, seguindo o modelo de En Comú Podem. Ao seu xuízo, o "resultado abrumador" a prol da confluencia responde tamén "en parte", á "aposta por esa fórmula", que é a defendida oficialmente pola dirección estatal do partido e tamén polos "membros da executiva" galega. Trátase, subliña, de que "o polo de Podemos" estea "presente e diferenciado dentro da candidatura de unión".

Santos aposta por unha "coalición electoral á catalá" fronte ao partido instrumental aprobado na asemblea das Mareas

Así as cousas, Santos anuncia a apertura inmediata de "contactos" co resto de membros das mareas e, ao tempo, a posta en marcha dun proceso propio de primarias para a elección de candidaturas. "Evidentemente, vai haber primarias en ambos espazos", afirma, se ben asegura que a conformación de listas non será "cuestión de cupos".

Os "criterios" da alianza, agrega, "van ser en función das maiorías sociais que existen en Galicia". "Se no proxecto común estamos de acordo, buscaremos a maneira de aunar sensibilidades da maneira máis limpa posible", especifica, nun contexto no que "non queremos nin contemplmamos unha separación dos nosos camiños".

Os críticos reclaman encabezar o diálogo

A aposta pola coalición como única vía posible e mais polo proceso de primarias paralelo ao de En Marea, que será activado este mesmo mércores, tentará ser freada no Consello Cidadán Galego polos membros críticos coa actual dirección, que actualmente, lembran, ostentan a "maioría" neste órgano. Nun comunicado feito público tras coñecérense os resultados da consulta este sector -no que se integran, entre outros, os deputados no Congreso Ángela Rodríguez e Antón Gómez-Reino- chaman a superar as "dinámicas de partido" e supeditalas "aos intereses común da cidadanía galega".

"Non ten sentido que as bases sexan representadas por quen nunca defenderon a unión", din os críticos que, resaltan, ostentan a "maioría" no Consello Cidadán

"Despois dos resultados", din, "non tería sentido" que as bases da organización "fosen representadas por quen nunca apostaron nin defenderon a unión coas restantes forzas políticas e sociais deste país". Nesta liña, argumentan, o "diálogo" para concretar a fórmula de confluencia debe recaer non na executiva de Carmen Santos, senón "nunha representación de quen defendemos no Consello Autonómico a necesidade das alianzas electorais". "É a este órgano ao que, atendendo aos resultados, lle corresponde tomar as decisións, somos as que mellor representamos as inscritas", resaltan no que definen como un momento de "urxencia", máis aínda "tras a convocatoria de eleccións para o 25 de setembro.

Carmen Santos anuncia o resultado da consulta CC-BY-SA Podemos Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.