A mocidade de Compromiso 'emigra' para denunciar a "fuga de cerebros"

Membros da MNG, durante a acción en Lavacolla CC-BY-SA CxG

"Tres licenciaturas? Entón, tres anos fóra do país! E a política de Aeroliñas Populares". Este foi un dos diálogos que se puido escoitar na mañá deste sábado no aeroporto compostelán de Lavacolla. Alí un grupo de membros da Mocidade Nacionalista Galega (MNG), o referente xuvenil de Compromiso por Galicia (CxG), acudiron con cadansúas maletas para, en compaña do candidato da formación galeguista á Presidencia da Xunta, Xoán Bascuas, escenificar as dificultades da xente nova para atopar emprego e, nomeadamente, denunciar "a fuga de cerebros" que sofre o país".

Ataviados coas camisolas que están a empregar durante esta campaña electoral e portando os característicos globos de banda deseñada nos que resumen as súas propostas, os mozos de Compromiso especificaron nas súas maletas os estudos que cursaron e amosaban un particular billete. Nel, sinalábanse as condicións da viaxe: "embarque o antes posible", "só un vulto por parado", "a maleta poñémola nós -en referencia ao agasallo que a Xunta lles entregou aos alumnos que recibiron os premios de fin de carreira do pasado curso-" e "billete só de ida, volta bloqueada ata que Galicia volva ter uns niveis de paro normais".

Bascuas: "A mocidade galega máis preparada da historia vese abocada a emprender o mesmo camiño que os nosos pais"

Esta representación, que espertou a curiosidade de medios de comunicación estatais e a inquedanza dos axentes de Policía que custodian o aeroporto, pretende, en verbas de Bascuas, amosar que "o vindeiro día 21 é a oportunidade de frear" a devandita "fuga de cerebros" que, di, "está a provocar o PP". "A mocidade galega máis preparada da historia vese abocada a emprender o mesmo camiño que os nosos pais", o da emigración, pero "cunha dificultade engadida: que non se lles requiren só as mans, senón unha boa formación académica". Na mesma liña, o cabeza de lista de CxG por Lugo, Iván Marrube, amósase convencido de que o labor de Goberno de Feijóo "está botando os mozos de Galicia" nun contexto no que se o "investimento" en educación "non queda no país, convértese nun gasto". "Galicia está a financiar a formación dos futuros profesionais alemáns", lamenta.

Nesta liña afondaba tamén, a pé de terminal, o secretario xeral da MNG, Paulo Carlos López: "Estamos a vivir unha situación dramática" que "xa non é cuestión de cifras", subliña, xa que "por tras de cada número hai un mozo ou unha moza que ten que volver á casa dos pais" tras rematar os seus estudos ou despois "de emanciparse". Diante desta situación López garante que "Compromiso e a MNG" presentan "solucións concretas", como "un plano de emprego xuvenil sustentado en políticas activas" co que pretenden "non só crear postos de traballo para menores de 35 anos", senón tameń "demostrar que non somos todos iguais e que existe outro tipo de políticas", conclúe.

Bascuas e membros de CxG, no aeroporto CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.