A Mocidade Irmandiña celebrou a súa asemblea constituínte

Imaxe da asemblea © @PabloGuimerans

A Mocidade Irmandiña, organización xuvenil do Encontro Irmandiño, aprobou os seus estatutos e tese política na súa asemblea constituínte, así coma a súa primeira Coordinadora Nacional nunha xuntanza que acolleu a Facultade de Medicina da USC. A asemblea aprobou traballar pola colaboración entre todas as organizacións xuvenís nacionalistas e toda a mocidade interesada "en organizármonos para combater este sistema depredador e acadar unha Galiza ceibe nun mundo xusto".

A súa Ponencia Ideolóxico-Política analiza a situación actual de crise afirmando que "non hai saída para a Humanidade dentro do Capitalismo, depredador da biosfera, socialmente desigual, expoliador dos bens comúns – a auga, o alimento... -, fonte de guerras, de explotación laboral, de violencia contra as mulleres en distintas formas, incompatíbel coa diversidade cultural e a soberanía nacional". Fronte a iso, a Mocidade Irmandiña reivindica "a política como mecanismo lexítimo de poder do conxunto da sociedade, como medio para a transformación social, como a arte da construción local e singular de casos de universalidade, con tres trazos principais que viñeron acompañando a historia da loita do proletariado: a igualdade, a liberdade e a súa expresión política: a fraternidade". 

A asemblea aprobou traballar pola colaboración entre todas as organizacións xuvenís nacionalistas e toda a mocidade interesada "en organizármonos para combater este sistema depredador e acadar unha Galiza ceibe nun mundo xusto"

Así mesmo, realiza unha diagnose sobre os distintos procesos electorais aos que concorreu o nacionalismo "e nos que a Mocidade Irmandiña participamos activamente dende a nosa militancia no BNG" e a súa conclusión é "fondamente crítica, cunha consolidación da caída electoral da fronte nacionalista que nós situamos na ausencia de diagnose da situación política e a consecuente ausencia dun proxecto político para a nación galega, no afastamento e mesmo desdén do BNG cos movementos sociais máis activos e críticos da Galiza, na perda do perfil de forza rupturista durante o Bipartito, na incapacidade de integrar as voces diferentes e de facer autocrítica ou na incoherencia do discurso e valores teoricamente defendidos coa práctica interna".

Finalmente, afirma que a constitución das mocidades como organización non ten "a pretensión de convertérmonos nunha estrutura captadora de novos cadros dirixentes nin coa vontade de ser unha estrutura dentro doutra estrutura ou unha ferramenta de cooptación. Non imos ser un buró que enferruxe á mocidade organizada. Pretendemos ser simplemente unha ferramenta, non un fin en si mesmo, co obxectivo de contribuír a que a xente moza volva a sentirse cómoda nunha estrutura organizada politicamente".

Imaxe da asemblea © @PabloGuimerans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.