A Asemblea Nacional da Mocidade Nacionalista Galega, referente xuvenil de Máis Galiza, decidiu este sábado abandonar as mocidades do BNG, Galiza Nova, e iniciar "un proxecto autónomo e independente". Co 92% dos votos, a MNG opta por unha marcha vinte e catro horas antes de que +G debata en asemblea sobre a mesma cuestión. En caso de que a corrente ata agora dirixida por Carlos Aymerich, que este domingo se converterá en partido, opte pola permanencia, a MNG reformularía a súa presenza na nova formación.
Nomeadamente, o secretario xeral da MNG, Paulo Carlos López, indica que se as resolucións aprobadas por Máis Galiza supoñen unha "contradición flagrante" coas da organización xuvenil, "o protocolo de relación" entre ambas organizacións debería ser revisado. En calquera caso, subliña, a Mocidade Nacionalista Galega anima "á participación" no cónclave no que "instarán a que +G tome a mesma decisión ca nós".
Nesta liña, cando a MNG convocou esta asemblea, a comezos de febreiro, dende a súa dirección asegurouse xa que "as propostas sobre o futuro do BNG" se decidirían "co resto da militancia de Máis Galiza, non como lobby", aínda que tentando crear "unha corrente de opinión" favorable á marcha. Ata agora, este colectivo viña traballando no seo de Galiza Nova como corrente organizada defindíndose como "nacionalistas, galeguistas, progresistas, republicanos e de esquerdas". Na actualidade, sinalan, contan cuns 200 militantes.