A moción de censura en Ourense, un pouco máis cerca

Pleno municipal © Concello de Ourense

Nas últimas semanas semanas vén falándose, cada vez con máis insistencia e claridade, da posibilidade de que se presente unha moción de censura no Concello de Ourense. A iniciativa partiría de Democracia Ourensana, que buscaría o apoio dos outros dous grupos da oposición (PSdeG-PSOE e Ourense en Común), sobre todo dos socialistas, para situar a Gonzalo Pérez Jácome á fronte da corporación, en substitución de Jesús Vázquez (PP). As conversas e declaracións máis ou menos tácitas dos últimos meses semellan estar dando paso a unha nova fase, na que os distintos partidos deberán poñer as cartas boca arriba.

DO remitiulles senllas cartas a PSdeG-PSOE e Ourense en Común para que "inicien un debate interno" emprazándoos a manter unha xuntanza "a tres bandas" a mediados do mes de marzo

Nas eleccións de maio Democracia Ourensana obtivo 8 concelleiros, preto dos 10 acadados polo PP, e por diante de PSdeG-PSOE (6) e Ourense en Común (3). Tralos comicios DO reclamou o apoio dos socialistas para evitar un goberno popular. Porén, finalmente os concelleiros do PSdeG-PSOE -aos que a formación liderada por Pérez Jácome criticara incansablemente ao longo da lexislatura anterior, presentando mesmo algunha demanda xudicial, por exemplo contra o líder local, José Ángel Vázquez Barquero- rexeitaron votar a favor do candidato de DO. Xa daquela Pérez Jácome anticipara a presentación dunha moción de censura contra o alcalde Jesús Vázquez a longo da lexislatura.

Dende xuño o rumor non cesou e mesmo foi incrementándose. Xa o pasado 8 de febreiro Democracia Ourensana presentou nun pleno municipal extraordinario unha moción de reprobación contra Vázquez, que contou cos votos favorables do PSdeG-PSOE e a abstención de Ourense en Común. Esta moción non ten efecto práctico ningún, pero serviu para visibilizar a situación de minoría (10 concelleiros de 27) na que se atopa o goberno municipal ourensán e funcionou en certa maneira como un ensaio dunha hipotética moción de censura. Nos días seguintes Gonzalo Pérez Jacome recoñeceu "conversas de pasillo" co PSdeG-PSOE e afirmou que "sería un suicidio político" que os socialistas non apoiasen unha moción de censura contra o goberno do Partido Popular.

Xa o pasado 8 de febreiro DO presentou nun pleno municipal extraordinario unha moción de reprobación contra Vázquez, que contou cos votos favorables do PSdeG-PSOE e a abstención de Ourense en Común

Este luns Democracia Ourensana vén de abrir oficialmente un proceso negociador de cara a presentar esa moción. Para iso, remitiulles senllas cartas a PSdeG-PSOE e Ourense en Común para que "inicien un debate interno" e "estuden e adopten un enfoque sobre como reverter a actual situación de goberno no Concello", emprazándoos a manter unha xuntanza "a tres bandas" a mediados do mes de marzo.

Ourense en Común sinala nunha nota de prensa que xa respondeu ao ofrecemento de DO para manter esta xuntanza, confirmando a súa "disposición para abrir unha canle de diálogo". "A aritmética do resultado electoral das eleccións municipais deixaron na man de DO e PSOE unha posible alternativa ao PP. Que sexan valentes e presenten unha proposta de goberno. Nese momento Ourense en Común tomará posición en base ao seu Código de bo goberno aprobado antes do 24 de maio", sinala a formación. Deste xeito, renovación democrática e a aplicación dunha axenda social serán as principais condicionantes da posición de OUeC nunha eventual moción de censura. A candidatura aclara que "non participará en ningún caso dun goberno de coalición xunto con PSOE e DO".

Renovación democrática e a aplicación dunha axenda social serán as principais condicionantes da posición de OUeC nunha eventual moción de censura

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE aínda non respondeu publicamente ao convite. Os 6 votos socialistas xunto cos 8 de DO serían suficientes para que a moción de censura tivese éxito. Jesús Vázquez fíxose tamén eco desta nova, sinalando que a posibilidade de que Democracia Ourensana presente unha moción de censura para situar a Gonzalo Pérez Jácome á fronte da alcaldía "forma parte dun delirio dunha persoa para chegar baixo calquera situación a ser alcalde".

Pleno municipal © Concello de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.