Ata o tempo de desconto. O PPdeG comezou a súa precampaña para as eleccións do 21 de outubro proclamando candidato a Alberto Núñez Feijóo sen a presenza de líderes estatais do partido. Xa en campaña os conservadores dosificaron moi sensiblemente as presenzas de Mariano Rajoy en Galicia, e máis aínda os actos conxuntos do presidente do Goberno central co aspirante á reelección. Adiantaron ao segundo día da carreira electoral o xa tradicional mitin da praza de Touros de Pontevedra e ambos só volveron compartir escenario no mitin de peche. Mentres esta calculada distancia se convertía nun dos eixos da campaña o propio Feijóo se esforzaba en asegurar que o electorado galego sabería "distinguir". "A min váiseme xulgar polo que fixen, sería absurdo xulgar polo que fixeron outros". "Eu non subín os impostos", chegou a afirmar. Pero esta dinámica foi invertida en canto rematou o escrutinio na noite electoral.
Poucas horas despois de afirmar, tras depositar o seu voto, que "o partido" se estaba a xogar nun único "campo", que era Galicia, un Feijóo triunfante presentaba os seus 41 deputados como aval á acción de Rajoy dende La Moncloa. Facíao esa noite e abondou no mesmo discurso o pasado martes, cando debullou os resultados electorais ante a xunta directiva do PPdeG, onde pasou da distancia prudencial á adhesión inquebrantable a respecto de Rajoy. Mentres en Madrid se especula xa sobre a posibilidade de o presidente galego poida chegar a golfiño do seu homólogo español Feijóo proclamaba que "sen o presidente Rajoy isto [a vitoria electoral] non sería posible". O titular da Xunta en funcións ve "normal" que existise unha "paréntese de escepticismo" a respecto dos recortes, pero nada máis.
Feijóo pasou de insistir en que "o partido se xogaba en Galicia" a afirmar que a vitoria "non sería posible sen Rajoy"
A mudanza véndea o xefe de filas dos conservadores galegos explicando que Rajoy asumiu o goberno "con máis problemas ca ningún outro presidente" a causa da xestión de Zapatero, a quen "xulgará a historia polo que fixo". Pero, cos seus 41 escanos no peto, Feijóo salta á pista do "partido" que antes negara e, valéndose dunha metáfora baloncestística, explicoulles aos seus que para Rajoy "aínda non rematpou o primeiro cuarto do partido". Igual que "cando xoga o Obra, o OAR ou o Ourense", ilustra, "quen pode dicir cantas canastas vai meter cada equipo" a estas alturas de partido?, pregúntase.
A vitoria galega, ariete en Madrid
O feito de que o PP volva admitir que o devandito "partido" tamén se xoga en Madrid foi aproveitado practicamente de inmediato dende o Goberno central. Así, por exemplo, o que Feijóo define como unha vitoria "moito máis ampla dende o punto de vista democrático" ou un apoio "da maioría social" -o PP perdeu 135.493 votos- é para a secretaria xeral do partido, María Dolores de Cospedal, un "triunfo histórico" que debe ser interpretado como un "apoio ás políticas do PP de toda España", "responsables" e que "ofrecen solucións reais aos cidadáns".
De Cospedal e Montoro xa presentan a vitoria en Galicia como un "apoio" aos recortes
Na mesma liña o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, sacou tamén a pasear os resultados galegos durante o debate de orzamentos no Congreso dos Deputados. O electorado "nunca dá un cheque en branco a ninguén" pero "sempre dan unha cota de confianza a alguén" e isto, afirma, é o que lle aconteceu o PP en Galicia mentres que a "postura política" do PSOE, opoñéndose ás "medidas duras pero necesarias" que, ao seu xuízo, Galicia vén de avalar, é "dicir que non ten ningunha capacidade de diálogo" e por iso fracasa electoralmente, afirma.