A nova Lei do Solo pode restarlle terreos ao Concello da Coruña en beneficio da Autoridade Portuaria

Unha imaxe do porto da Coruña © Santi Villamarín

A pasada semana o Goberno galego presentou no Parlamento o seu proxecto de reforma da Lei do Solo, aprobando en solitario a súa toma en consideración para o inicio do seu debate e atopando un rexeitamento frontal por parte de todas as forzas da oposición. Entre os numerosos elementos que provocaron as críticas a este proxecto de lei, hai un que podería implicar un grave prexuízo para os concellos. 

No artigo 18 da Lei do Solo actualmente en vigor determínase que os propietarios de solo urbano están obrigados a cederlles aos concellos o 10% dos aproveitamentos urbanísticos, especificándose que "o aproveitamento urbanístico dos propietarios do solo urbano será (...) o aproveitamento resultante de referir á súa superficie o 90% do aproveitamento tipo da área de reparto correspondente", sinalando apenas dúas excepcións, referidas a "terreos incluídos en polígonos para os que o plan impoña cargas especialmente onerosas relativas á rehabilitación integral ou á restauración de bens de interese cultural ou inmobles catalogados".

Este artigo implicaría un gran prexuízo para as administracións locais cando se emprenda un proxecto urbanístico en terreos propiedade doutra administración ou empresa pública

Na reforma proposta polos populares e que está agora mesmo en fase de debate a regra xeral non varía; mesmo se especifica o deber do propietario de solo urbano non consolidado de "ceder obrigatoria, gratuitamente e libre de cargas ao concello o solo correspondente ao 10% do aproveitamento tipo da área de reparto" (artigo 17-d). Porén, o artigo 18 introduce unha importante salvidade no referido á categoría de solo urbano non consolidado, determinando que "no caso de actuacións urbanísticas promovidas por administracións públicas ou outras entidades do sector público, cuxo obxecto principal sexa a construción de vivendas protexidas, vivendas de promoción pública, equipamentos públicos ou a creación de solo para facilitar a implantación de industrias e outras actividades económicas, o beneficiario da cesión do 10% será a administración ou a entidade actuante".

Esta excepción refírese ás actuacións urbanísticas realizadas por administracións públicas distintas aos concellos, dende o Estado central á Xunta de Galicia, pero incluíndo tamén outras entidades públicas, como Portos ou Adif, por poñer dous exemplos. Ademais, as actividades sinaladas no artigo (vivenda, equipamentos públicos, actividades económicas...) abranguen practicamente todas as actuacións urbanísticas posibles. Se finalmente a nova Lei do Solo é aprobada con esta redacción, este artigo implicaría un gran prexuízo para as administracións locais nos casos nos que se emprenda un proxecto urbanístico en terreos propiedade doutra administración ou empresa pública. 

Por lei na actualidade o Concello ten dereito a recibir o 10% dese espazo. Coa nova Lei do Solo, "o beneficiario da cesión do 10% será a administración ou a entidade actuante"

Un exemplo teriámolo na Coruña, no proxecto da Autoridade Portuaria para o desenvolvemento urbanístico dos terreos do porto, no que un total de 433 mil metros cadrados de terreo que na actualidade son dominio público portuario serían desafectados, para construír alí vivendas, hoteis, zonas comerciais e oficinas. Por lei, na actualidade, o Concello ten dereito a recibir o 10% dese espazo (ademais doutros, imprescindibles para a construción e mantemento de infraestruturas e servizos públicos). Coa nova Lei do Solo, "o beneficiario da cesión do 10% será a administración ou a entidade actuante".

O proxecto de lei reitera esta excepción no seu artigo 26, cunha redacción case idéntica, no que subliña que "no caso de actuacións urbanísticas promovidas por administracións públicas (...) a totalidade do aproveitamento urbanístico será atribuído á administración actuante". De igual xeito, no artigo 38.6 determínase que "o plan xeral cualificará como solo dotacional os terreos que fosen destinados efectivamente a tales fins, os elementos funcionais das infraestruturas de transportes e as instalacións adscritas á defensa nacional". Porén, especifica que "malia o anterior, mediante convenio entre a administración titular do ben, a consellería competente en materia de Urbanismo e ordenación do territorio e o concello, poderán ser destinados polo plan xeral a outros usos distintos e atribuírselles ás persoas propietarias o 100% do aproveitamento tipo, de conformidade co establecido nesta lei, coa finalidade de facilitar o financiamento de infraestruturas públicas". Artigos que semellan feitos á medida da Autoridade Portuaria e do seu proxecto para financiar a débeda xerada polas obras do Porto Exterior da Coruña.

 

O convenio de 2004

O convenio para o desenvolvemento urbanístico dos terreos do Porto da Coruña foi asinado en xullo do ano 2004 polo alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, o ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, e o daquela conselleiro de Política Territorial da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, detallando o espazo dedicado a vivenda, oficinas, dotación e zonas comerciais e de ocio. O acordo foi modificado en outubro dese mesmo ano 2004, xa co PSOE no Goberno central e Magdalena Álvarez como ministra, incrementando ata un 50% a porcentaxe de vivenda protexida.

No convenio de 2004 o Concello da Coruña comprometíase a cederlle á Autoridade Portuaria ese 10% se os ingresos que o Porto obtivese a partir dos terreos non acadasen unha terceira parte dos custes da rada exterior

No texto inicial facíase referencia á obrigatoria cesión ao Concello da Coruña do "solo correspondente ao 10% do aproveitamento tipo non patrimonizable". Pero sinalaba que o Concello se comprometía a cederlles ese 10% "aos titulares dos terreos obxecto de ordenación" se fose "necesario" para "acadar os fins do presente convenio" e "á vista das especiais cargas de rehabilitación que supón a urbanización de todas as zonas desafectadas".

O convenio sinala que "se entenderá que a devandita cesión é necesaria no caso de que, á vista do Plan Financeiro que se prepare para a construción do novo Porto Exterior, os recursos que se obteñan pola Autoridade Portuaria dos terreos a desafectar, non sexan suficientes para acadar un terzo do valor dos custes globais".

O Concello da Coruña defende a necesidade de negociar un novo convenio

En calquera caso, o Concello da Coruña, así coma o resto dos grupos municipais agás o PP, defende a necesidade de negociar un novo convenio, modificando completamente o contido do proxecto inicial, atendendo a un contexto de moita menor demanda e cunha expectativa de ingresos moi inferior.

Vista aérea do porto da Coruña © Porto da Coruña
Unha imaxe do porto da Coruña © Santi Villamarín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.