Dous anos, sete meses e unha semana despois, Feijóo volverá comparecer no Parlamento á marxe das sesións obrigatorias. Foi necesario un excepcional escándalo, o provocado pola publicación no diario El País das fotos do presidente da Xunta co narcotraficante Marcial Dorado para que o PP aceptase a petición da oposición en pleno, non sen resistencia e con condicións. Os conservadores asumen que o seu xefe de filas fale dende o atril do Pazo do Hórreo sobre as súas vacacións de 1995 pero, a cambio, reclaman que nese mesmo pleno non se celebre a habitual sesión de preguntas ao titular da Xunta, a tamén coñecida como sesión de control.
O inédito cambio de cromos sumiu na "perplexidade" os grupos da oposición que, non obstante, antepuxeron a aceptación acumulada das súas solicitudes de comparecencia, a presentada polo PSdeG e a formulada conxuntamente por AGE e BNG. "Pasamos da indignación á sorpresa", resume o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, quen concorda con Xosé Manuel Beiras, da AGE, en que a sesión da Xunta de Portavoces na que se deu o debate foi todo un exercicio de "surrealismo". "Foi unha especie de simposio, só faltaban os estudantes", di Beiras. Pero, á marxe das formas, o certo, di o socialista Abel Losada, é que Feijóo "comparece collido pola orella polos grupos da oposición".
A oposición ve un exercicio de "surrealismo" na actitude do PP e coida que Feijóo acode "collido pola orella"
Pero, que foi o que aconteceu? O PP dispúxose a conformar a orde do día e puxo sobre a mesa a súa tradicional negativa á petición da oposición. Houbo un "rexeitamento frontal" á comparecencia, di Jorquera, que "mesmo tentou trivializarse dicindo que carecía de sentido que comparecese para falar dunhas fotos de hai vinte anos que pertencían aos seus espazos de lecer". Ademais, argumentaban tanto o voceiro conservador como o representante do Goberno na xuntanza, os grupos xa presentaran preguntas parlamentarias ao respecto. Pero a oposición, sinala Beiras, considerou "un pitorreo" o que estaba a formoular o PP e a súa presión logrou que "aceptasen a comparecencia a condición de que retirásemos as preguntas sobre o mesmo tema". "Sen que sirva de precedente", di Jorquera, a oposición aceptou porque o obxectivo último era que Feijóo non tivese "ningún pretexto ao que agarrase" para non comparecer.
"Metáfora da súa desconexión coa realidade"
Tamén Losada considera que o prioritario é que Feijó compareza, aínda que isto veña despois de que "o PP e o Goberno sometan o Parlamento a unha chantaxe". A comparecencia, di o socialista, é necesaria porque "non estamos falando só de fotos", como di o presidente, senón "do reflexo das relacións entre o número dous da Consellería de Sanidade" naquel tempo e un narcotraficante, todo isto "nos anos nos que o principal problema" de Galicia era, precisamente, o narcotráfico.
Puy gaba o "exemplo enorme de transparencia" que, di, está a realizar o presidente
A ese debate PSdeG, AGE e BNG acudirán para reclamar máis explicacións das ofrecidas por Feijóo en rolda de prensa o pasado luns. O seu discurso, afirma Losada, é "absolutamente inverosímil". "Dicir que non sabía quen era Marcial Dorado é tomar os galegos e galegas por parvos", subliña o socialista, quen ademais non entende que Feijóo "compartise viaxes, barcos e coches con descoñecidos", dado que "non era un autoestopista". No mesmo sentido, Jorquera tampouco acredita na "memoria crebadiza" do líder popular, esa que o leva a lembrar só "que había neve, e non vou facer ningún chiste fácil", ironiza. Cómpre aclarar, engade Beiras, ata onde chegaban as "esmorgas" e "francachelas" co narco.
Ante todo o sucedido o voceiro do PP, Pedro Puy, coida que o que cómpre destacar é o "exemplo enorme de transparencia" que está a dar Feijóo aínda que "falemos de algo que non ten nada que ver co exercicio da Presidencia da Xunta. Segundo Puy o único que se puxo en cuestión pola súa banda foi "o formato" da comparecencia e non a comparecencia mesma. Así as cousas, haberá comparecencia e peticións de explicacións e tamén de dimisión, segundo avanzan PSdeG, AGE e BNG.