A oposición denuncia que a Xunta abre a porta ao cobro polo uso de estradas públicas

Autovia AG-53 Dominio Público Praza Pública

O proxecto da nova Lei de Estradas iniciou a súa tramitación parlamentaria, cos votos do Partido Popular, que rexeitou as peticións de devolución realizadas polos tres grupos da oposición. PSdeG, AGE e BNG denuncian que a norma abre a porta ao cobro de taxas polo uso das estradas públicas.

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Raúl Fernández, denuncia que esta norma supón “novas medidas de presión e perdas económicas e de dereitos para os mais débiles”

Neste senso os socialistas denuncian que a Xunta quere recadar ingresos “en base a criterios de índole política”, e lembra que, ademais de contar coa oposición do Consello Económico e Social, non inclúe o informe da Dirección Xeral de Tributos. O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Raúl Fernández, denuncia que esta norma supón “novas medidas de presión e perdas económicas e de dereitos para os mais débiles”. Para o PSdeG-PSOE a Lei utilizase "como contrapeso para agochar o forte descenso nos investimentos en materia de estradas” sufrido en Galicia dende a chegada de Feijóo. Raúl Fernández lembrou que dende 2009 os fondos autonómicos para estradas reducíronse un 50 por cento en termos reais, pasando de 491 millóns de euros en 2009 a 244 en 2013, cun descenso acumulado de mais de 550 millóns de euros.

"Neste país os grandes roubos fixéronse pola vía legal. E este proxecto de lei dálle carta de normalidade a unha modalidade excepcional que supón legalizar un roubo”

Alternativa Galega de Esquerda puxo o énfase en que o proxecto supón "risco público e beneficio privado". O deputado Antón Sánchez denunciou que esta denominada colaboración público-privada “significa mal negocio para as arcas públicas e bo negocio para as construtoras” e puxo como exemplo as obras do hospital de Vigo, que hipotecan as arcas públicas durante décadas e xeran “beneficios fabulosos para as construtoras e para a banca”. “O único que procura o PP é que se pague por todo, pola auga, polas estradas, polos comedores escolares”, afirmou Sánchez. Antón Sánchez conclúe que "detrás deste tipo de contratos público-privados hai tráfico de influencias" e que "neste país os grandes roubos fixéronse pola vía legal. E este proxecto de lei dálle carta de normalidade a unha modalidade excepcional que supón legalizar un roubo”.

Polo BNG Ana Pontón advertiu de que a lei "consolida un modelo que privatiza infraestruturas" e que con esta norma a Xunta continúa o camiño "do saqueo ao pobo". Pontón puxo como exemplo a este respecto a estafa das preferentes. Durante a intervención da nacionalista, a presidenta da Mesa do Parlamento, Pilar Rojo ameazou en varias ocasión de “retirarlle a palabra” ao que Pontón respondeu que debater sobre o proxecto de lei de estradas resultaba “unha  cuestión menor” fronte “o drama” que están a vivir miles de afectados por un produto financeiro tóxico ao que  agora lle aplicarán unha quita.

 

Autovia AG-53 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.