A oposición desbota o plan para dinamizar o galego na economía, que considera "inservible"

Valentín García, con empresarios da construción de Ourense © Xunta

"Unha aposta conxunta e decidida pola implantación do idioma na economía, como valor económico, como sinal identitario e como patrimonio de todos os galegos e galegas”. Así definiu Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, o Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Económico 2015-2020. Fíxoo na súa comparecencia en Comisión, onde debullou un documento que se atopa na fase previa á súa aprobación polo Consello da Xunta unha vez que o Consello da Cultura Galega emita o seu informe de validación. 

Valentín García advirte dun desenvolvemento en cinco anos do devandito Plan, que articula un total de 84 medidas para incrementar o uso do galego e a súa visibilidade. E asegurou que o idioma propio engade valor ás empresas e produtos galegos. Pero a oposición non confía no documento e veo como moi pouco útil para a lingua. Así, a voceira do grupo do PSdeG no Parlamento, Concepción Burgo, asegura que é un Plan "deplorable e tremendamente deficiente" e un texto “sen diagnose, obxectivos nin memoria económica”.

"É un Plan deplorable e tremendamente deficiente, sen diagnose, obxectivos nin memoria económica", denuncia o PSdeG

Pola súa banda, a deputada do BNG Ana Pontón considérao un "corta e pega" do presentado en 2004, pero coa agravente, tamén, de que "non conta sequera cunha memoria económica financeira", tras lembrar que os Orzamentos que veñen de ser aprobados non inclúen incemento ningún para a Secretaría Xeral de Política Lingüística para o Plan debullado este martes. 

Xabier Ron, deputado de AGE, recoñeceu que "agardaba algo máis" que unha "simple lectura" das medidas que pretende un documento que "non serve para defender nin mellorar a situación da lingua propia de Galicia". Así, denunciou que o Executivo galego "continúe a obviar os problemas reais da lingua galega no noso país, chegando a a recoñecer os problemas de transmisión xeracional pero sen establecer medida algunha para o evitar". 

Xabier Ron (AGE) cre que o Plan de Dinamización "non serve para defender nin mellorar a situación do galego"

“Constitúe un amplo abano de medidas e accións realizables e susceptibles de seren asumidas polos actores cos que debemos contar para a súa posta en marcha e consolidación no tempo”, advertiu Valentín García, cunha ausencia de medidas concretas que foi criticada polos grupos da oposición. 

Así, Concepción Burgo denunciou a falta de obxectivos “claros e concretos” máis alá de propostas “xeralistas sen unha relación de indicadores”, co que “non ofrece nada novo con respecto ao Plan Xeral e aínda por riba o empeora”. "É tan surrealista que non pode ser avaliado", insistiu a socialista, que cre que o documento "non ten nada novo" e que se limita a “repetir as mesmas medidas para encher páxinas e chegar ás 110”. "Veñen presentar un documento inservible para resolver os problemas creados polo propio Feijóo logo de sete anos nos que recortaron o 70% dos orzamentos para a defensa da lingua", dixo. 

"Veñen presentar un documento inservible para resolver os problemas creados polo propio Feijóo tras sete anos recordando o 70% dos orzamentos para a lingua", lembra Pontón (BNG)

Do mesmo xeito se manifestou Xabier Ron, que coincidiu con Burgo á hora de alertar de que no Plan "non se recolle de xeito concreto o dereito da cidadanía a ser atendido en lingua galega en todos os ámbitos e sectores". Pontón, pola súa banda, advertiu da pouca credibilidade dunha Xunta que destaca polos “incumprimentos” dos mandatos establecidos por lei e dos acordos parlamentarios entre os que destacou a obriga do Goberno de remitir ao Parlamento un informe de avaliación da lei Paz Andrade.

"O Goberno incumpre a lei ao igual que incumpre o Plan de Normalización Lingüística aprobado no ano 2004 por unanimidade e coa obriga da Xunta a establecer mecanismos de seguimento, control e avaliación informando con regularidade ao Parlamento; levamos toda unha lexislatura sen cumprir con esta resolución", destacou a parlamentaria nacionalista.

Tanto BNG como PSdeG repararon no feito de que a Xunta aposte agora por un plan logo dos graves retrocesos sufridos polo galego nos últimos anos. Para Burgo, o "momento de emerxencia" do idioma non pode ser resolto con este documento sen diagnose. E censurou que “en ningún momento aparece a defensa dos dereitos lingüísticos dos consumidores e dos clientes”. Explicou que “non van facer comprender ás empresas que a cidadanía ten dereito a ser atendida na súa lingua se non comprenden que a administración pública ten a obriga de atender aos usuarios en galego.

O BNG asegura que o PP aínda non rectificou un discurso "agresivo" que lle "fixo moito dano ao galego"

Pontón, ademais, reiterou que o PP aínda non rectificou un discurso "que lle  fixo moito dano a lingua galega, agresivo e que pon a vítima como verdugo” ademais de "alimentar os prexuízos contra o galego" argumentando que todas  as medidas no ámbito da normalización lingüística “son unha imposición” e que poñen en perigo o  castelán en Galicia.

"A lingua galega segue nunha situación minorizada cun goberno que durante estes sete anos lexislou contra o galego, un goberno que prohibe que algunhas materias se dean en galego,  no ensino infantil  nas cidades sitúase na marxinalidade, eliminaron o requisito do galego para acceder á función pública, as axudas para a promoción do galego nos concellos, reduciron o apoio ao libro, despediron ao persoal CELGA e constatamos como nestes anos reduciuse a presenza do galego nos medios de comunicación, algúns deles moi ben subvencionados", resumiu a deputada nacionalsita. 

Valentín García, con empresarios da construción de Ourense © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.