A oposición galega chama a rexeitar na rúa os "ataques" de Rajoy

Pontón e Jorquera presentan a petición de referendo CC-BY-NC-SA BNG

Prevíase un outono quente pero semella que o verán tamén o será. O paquete de medidas aprobado polo Goberno para recortar máis de 58.000 millóns de euros -dos 65.000 anunciados faltan 8.000, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Economía á prensa internacional- xa propiciou a convocatoria de diversas protestas, que terán un dos seus puntos álxidos o vindeiro xoves 19 e que en Galicia estarán ademais avaladas pola unidade dos tres grandes sindicatos. Neste contexto as forzas da oposición parlamentaria chaman tamén á cidadanía a expresar o seu rexeitamento nas rúas mentres continúan as súas respectivas iniciativas políticas, aguilloados ademais pola proximidade das eleccións autonómicas e, máis conxunturalmente, pola ausencia do presidente da Xunta, que continúa de viaxe en Sudamérica.

É neste contexto no que o candidato do BNG á presidencia da Xunta e voceiro da formación no Congreso, Francisco Jorquera, formalizou a que vén sendo unha das reivindicacións centrais do Bloque nas últimas semanas: a convocatoria dun referendo sobre os plans gobernamentais de recorte. Rexistrada na mañá deste luns, o nacionalista sustenta a súa reclamación en que "o PP e o Goberno español carecen de lexitimidade" e "de aval democrático para levar a cabo este programa de recortes drásticos" xa que "son medidas que non estaban contempladas no programa co que concorreu ás eleccións" e mesmo nalgúns casos "contradín abertamente os compromisos adquiridos" polos conservadores, como acontece por exemplo coa suba do IVE, que mesmo é "moito máis dura" do anunciada inicialmente por Mariano Rajoy. "O IVe pasa a equipararse co dos países da UE cos salarios máis altos e con menos paro", di.

O BNG formalizou a petición de referendo sobre os recortes por ser medidas "que non estaban contempladas no programa do PP"

A esixencia dun referendo únea Jorquera a unha apelación "a que a cidadanía se mobilice para poñerlle freo a estas políticas totalmente inxustas e impopulares" que "van agravar a crise" e supoñen un "ataque". Así, o Bloque anima a secundar non só as manifestación sindical do día 19, senón tamén a marcha que, como é tradicional, convoca a formación frontista para o 25 de xullo e que este ano, di o candidato nacionalista, pode ser "o exemplo dunha sociedade" que se rebela contra os recortes.

Tamén dende o PSdeG o seu secretario xeral, Pachi Vázquez, animaba este luns dende Madrid, onde participou na Executiva Federal do PSOE, a amosar o rexeitamento aos recortes. "En Galicia, en vésperas dunhas eleccións, eu espero que a cidadanía axude a dicirlle a Rajoy e a Feijóo que o camiño que temos que buscar" non é "o de masacrar as clases medias sen tocar os grandes patrimonios" ou sen imporlle novos tributos á banca. Os conservadores, censura, "escolleron, aparte de mentir" o vieiro de "romper a cadea polo elo máis feble".

Alternativas e a resposta do PP

Pachi Vázquez: "Galicia está sen presidente mentres hai mobilizacións nas rúas, no naval, no sector financeiro, no sanitario e no educativo"

Neste contexto Vázquez  e Jorquera cargan especialmente as tintas contra a viaxe de Feijóo, da cal a única información dispoñible é a facilitada pola propia Xunta. "Galicia está sen presidente, escapou para América" mentres no país "hai mobilizacións nas rúas, no naval, no sector financeiro, no sanitario, no educativo" e cando habería, na súa opinión, que "tomar decisións consensuadas que afronten o déficit" recortando "gastos, non democracia". Tamén o BNG censura non só a "fuxida" do presidente, senón tamén a súa postura ante as medidas do Estado. "El argumentaba que despois" de ter aplicado os seus propios recortes, as "medidas máis duras non terían que aplicarse en Galiza", pero "agora admite que todos os axustes van ter impacto" e acontece, dende o seu punto de vista, porque "antepón os ditados de Génova á defensa dos intereses de Galiza".

Mentres, dende o PP o seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, apoiábase na xa habitual apelación á herdanza recibida para explicar que o programa co que Rajoy accedeu a La Moncloa "foi feito cunha infromación facilitada polo anterior goberno", con "cifras de déficit que non se correspondían nin de lonxe co que atopou". "É certo que algunhas das medidas contradín o que dixo o PP a curto prazo" pero ese programa, xustifica, "incluí atamén un compromiso tanto de pertenza ao euro como de solución dos problemas que se están tentanto atallar", caso por exemplo "do sistema financeiro". Todo, asegura, está encamiñado a "saír do círculo vicioso" para "xerar emprego e crecemento".

Pontón e Jorquera presentan a petición de referendo CC-BY-NC-SA BNG
Pachi Vázquez, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.