Falar de "imposición" do galego mentres se detectaba que a súa situación nas aulas era "moi desfavorable" a respecto do castelán. Asegurar que en"máis dun 20% dos centros imparte máis dun 80% das materias en galego e máis do 60% supera o 50%" cando, realmente, se comprobaba que a lingua propia era "minoritaria" entre o estudantado, especialmente na área atlántica e nas grandes cidades. A Consellería de Educación vén de admitir, como adiantou Praza Pública, que no inicio da lexislatura e no momento de aplicar o chamado "decreto do plurilingüismo" o Goberno galego era consciente da situación de desvantaxe da lingua galega. Esa diverxencia entre o discurso público da cúpula gobernamental e os datos que en realidade manexaba é, para os grupos da oposición parlamentaria, a "constatación" definitiva dunha "monumental mentira" que, para PSdeG e BNG, deixa máis acreditada ca nunca a necesidade de mudar o rumbo da normativa lingüística da Xunta, a comezar polo propio decreto educativo.
O recoñecemento por parte da chegou, como ten relatado este diario, a través dunha vía que en escasas ocasións chega a transcender a opinión pública, a resposta dunha pregunta parlamentaria escrita, neste caso formulada polos deputados do Bloque Carme Adán e Bieito Lobeira. Tras coñecer o seu contido o voceiro dos nacionalistas en materia de lingua ve confirmado que dende o departamento que dirixe Jesús Vázquez se estivo "mentindo á mantenta". "Como recoñecen agora, sabían que a situación de partida era moi desfavorábel para a lingua", aínda que de cara a fóra "reflectían que era de imposición, que o galego era absolutamente maioritario e que o español estaba desaparecido". Todo isto, lembra Lobeira, dende o propio Executivo se acompañou "intencionadamente" coas "manifestacións públicas" de grupos como Galicia Bilingüe, "nos que falaban de marchar de Galiza porque aquí o ambiente é irrespirábel". Case tres anos despois, di, prodúcese "a constatación dunha fraude monumental", da "cobertura que utilizaron para xustificar a derrogación do anterior decreto e a imposición deste".
Bieito Lobeira: "Recoñecen que mentiron á mantenta, falaban de imposición e de que o español estaba desaparecido"
Tamén o voceiro do PSdeG para asuntos lingüísticos, Francisco Cerviño, se amosa convencido de que o Goberno faltou á verdade. O que agora admiten, di, "son datos sociolingüísticos que non nos sorprenden, que poñen de manifesto a gravidade dunha situación" que "o Goberno sempre trata de minimizar, dicindo que somos uns esaxerados e uns alarmistas". A posición minoritaria do galego entre a infancia e a mocidade é "a expresión dun problema moito máis fondo, da perda da lingua como elemento de transmisión na familia", alerta Cerviño, dende o convencemento de que a resposta parlamentaria que desvelou o duplo discurso da Consellería "se lles coou", se ben poden tentar tamén empregalo como "un intento de xustificar o mal que estaban as cousas" e todo "por culpa do bipartito". Pero con independencia da estratexia á que responda, como o que agora di a Xunta "é certo", "hai que facer todo o contrario do que fixeron".
Francisco Cerviño: "Son datos sociolingüísticos que sempre tentaron minimizar, hai que facer todo o contrario do que fixeron"
Pero, como é posible que unha resposta con este contido puidese chegar a saír da Xunta rumbo á oposición parlamentaria? Lobeira coida que isto garda certa relación co cambio de titular na secretaría xeral de Política Lingüística. Aínda que o novo secretario, Valentín García, "continúe coa mesma política" que Anxo Lorenzo "ten menos capacidade de mentir", di, dado que Lorenzo facíao "de forma obsesiva, reconvertendo unha realidade incontestábel nunha especie de paraíso lingüístico, no que non había ningún tipo de conflito". Así e todo, censura, "até o momento negáronse a modificar nada no ensino". Agora, di, "a diferenza" é que admiten que a "prohibición" que pesa sobre o galego é perfectamente "consciente". Se os altos cargos da consellería admiten que a situación para o galego é mala, sinala, o que deben é "dicir o que van facer" para revertela, algo que, avanza, o Bloque tentará forzar na Comisión de Educación do Parlamento, onde unha pregunta moi semellante a esta se volverá tratar, pero de xeito oral. Nese debate, di Lobeira, o BNG fará tamén explícito o incumprimento mesmo das ratios de presenza do galego que marca o decreto plurilingüe, "con casos moi concretos".
Ese mesmo incumprimento saliéntao tamén Cerviño quen, exceptuando os parágrafos nos que admiten o duplo discurso de comezos da lexislatura, interpreta a resposta do Goberno como unha nova mostra de "triunfalismo" mentres profesores e familias de alumnos acreditan que "o decreto se está a cumprir moi irregularmente" no que atinxe á lingua galega, circunstancia que se engade á "cesión á presión dos pijos" para que, por exemplo, as matemáticas non se poidan impartir en galego. Tampouco "é verdade", di o socialista, que estea garantido que o alumnado de infantil poida aprender na súa lingua materna, xa que esta circunstancia quedou nas mans dunha consulta ás familias. "Nós non somos anarquistas nin ultraliberais, cremos no Estado e na súa capacidade para intervir na educación dos seus cidadáns", subliña. Ademais, lembra, "tampouco se tivo en conta aos 40% dos pais e nais das cidades galegas" que "elixiron, moi sensatamente", que os seus fillos e fillas aprendesen en galego.