O pacto que rexeu a coalición de Goberno entre PSdeG e BNG entre 2005 e 2009 comprometíase ao "establecemento dunha regulación transparente e obxectiva das relacións" da Xunta "coas empresas privadas de comunicación". No programa electoral co que Feijóo chegou á Presidencia da Xunta o PP prometía que "a política de axudas aos medios de comunicación" ía ter "soporte legal, como sucede na maioría dos países europeos", con subvencións e achegas económicas rexidas sempre pola "transparencia". Ambas lexislaturas remataron e esas modificacións legais quedaron sen facer mentres ambos gobernos mantiñan, en boa medida, as inercias da era Fraga no que atinxe ás axudas aos medios. Neste contexto é no que se inscribe o debate mantido este mércores no Parlamento no que, durante a presentación dos Orzamentos da Secretaría Xeral da Presidencia, as tres forzas da oposición coincidiron en reprocharlle á Xunta que "merque información" nos medios.
Despois de que nos últimos meses o Goberno galego continuase a achegar importantes montantes económicos a diversas empresas de comunicación pola vía do convenio e só unha pequena parte a través de convocatorias públicas PSdeG, AGE e BNG reclaman un cambio de rumbo. Tendo en conta que, malia ao recorte xeralizado, a Secretaría Xeral de Medios apenas perde capacidade orzamentaria, a vicevoceira de Alternativa, Yolanda Díaz, coida que o proxecto de contas públicas vén dicir que "hai que administrarlle as mentiras á cidadanía e ocultarlle á verdade", porque senón "o pobo non sería quen de dixerir o que están a facer". "Están faltando ao principio fundamental de termos dereito a unha información obxectiva e rigorosa" e isto sucede porque "empregan toda a maquinaria que teñen, aderezada coa TVG, para publicitar as súas accións agresivas para as clases populares", di.
Díaz: "Páganlles aos medios para publicitar as súas accións agresivas para as clases populares, cunha maquinaria tipo Goebbles"
O Goberno galego, sinala Díaz, "está a dicir" que estas axudas "cumpren dous obxectivos: favorecer os medios que potencien o uso da lingua galega e defender a nosa cultura". "Non sei como non teñen vergoña de poñer estas cousas nun documento serio", censura, xa que "teñen no seu balance a desfachatez de ter pechado todos os xornais que se difundían en lingua galega". Do mesmo xeito, abonda, "puñan como condición" para as subvencións "que os medios de comunicación non despedisen traballadores e traballadoras", pero "poden ver cantos xornalistas temos no noso país nas ringleiras do paro" mentres os seus medios "están a recibir cuantiosas cantidades" que "serven para mercar información". "Páganlles aos medios para que, cunha mentira repetida mil veces, consigan difundir a súa mensaxe". "Puxeron a funcionar a maquinaria tipo Goebbles", incide, en referencia ao ministro nazi de propaganda.
O PP acusa a oposición de dicir que "os xornalistas se están vendendo"
Tamén a socialista Marisol Soneira lamenta a inserción nos medios de espazos gobernamentais presentados como información. "Isto custa cartiños e é manipular e enganar", resume para criticar prácticas que, lembra, "incluso as denuncia o Consello de Contas". "Curiosamente", sinala, nestas relacións de axudas "hai grupos [de comunicación] que non aparecen". "Son grupos que non se teñen destacado por darlles xabrón", afirma. "Tamén é curioso -sinala-. como pode haber liberdade de prensa cando, nalgúns medios, o maior ingreso que teñen é do Goberno de Galicia". Con esta análise concorda tamén a nacionalista Tereixa Paz, para quen as contas da Presidencia en xeral e de Medios en particular son "paradigmáticas da orientación" política da Xunta: "evidencian que a única preocupación deste Goberno segue a ser a propaganda".
Diante destas críticas o secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez, rexeitou que a intención destas achegas económicas fose a denunciada pola oposición. Non obstante, a resposta máis belixerante chegou da voceira do PP, Paula Prado, para quen o resto de grupos e, nomeadamente, a vicevoceira de AGE, "acusa os xornalistas de Galicia de venderse", pero "cando un xornalista dá unha información non se está vendendo". Por iso, di, Yolanda Díaz debera "rectificar". "Non vou rectificar poque avalo as miñas palabras con feitos reais", retrucou a parlamentaria de AGE. "Non dixen que os xornalistas se vendían", porque "os que mercan a información son vostedes, con cartos públicos", resolve.