Se ás 12 do mediodía a participación era claramente superior á que se rexistrara en 2012, ás cinco da tarde esta sitúase exactamente nos mesmos niveis que hai catro anos. A esta hora votou o 42,50% do electorado, a mesma proporción que nas últimas eleccións ao Parlamento galego (42,50%), pero cunha distribución diferente. Só unha provincia incrementa a súa mobilización, A Coruña, que pasa do 41,13% ao 41,99%. Lugo e Pontevedra descenden unhas décimas: Lugo do 43,32% ao 42,71% e Pontevedra do 42,57% ao 42,29%. Ourense é a que máis cae: do 46,18% ao 44,48%.
No que respecta ás sete cidades, A Coruña (+1,36 puntos), Compostela (+0,67) e Ferrol (+1,37) crecen, o mesmo que Lugo (+0,45) e Pontevedra (+0,81). Vigo case non varía en relación ao 2012 (+0.11). E Ourense descende punto e medio (-1.49 puntos).
Destaca o crecemento na Paradanta (+3.51 puntos) e en moitas comarcas coruñesas: Terra de Melide, Ordes, Noia, Eume, A Coruña ou Betanzos, todas con incrementos por riba dun punto. Pola contra, varias comarcas ourensás (Terra de Caldelas, O Carballiño, Terra de Trives, Terra de Celanova) e algunhas lucenses (Quiroga, Meira, Os Ancares) amosan importantes descensos.