A participación ás 18 horas sobe un chisco en Galicia, ao igual que no conxunto do Estado

Papeletas nun colexio electoral de Santiago, este domingo CC-BY-SA Praza Pública

A participación sobe un chisco en Galicia ás 18 horas, segundo os datos que vén de ofrecer o Ministero do Interior e con respecto aos datos que se rexistraban en 2011 á mesma hora. En concreto, a participación sitúase no 58,51%% fronte ao 57,28% de hai catro anos, máis de un punto de diferenza. 

Dentro de Galicia, e sempre segundo os datos oficiais do Goberno central, a participación na provincia da Coruña tería subido en case 2 puntos a media tarde. Do 55,87% de 2011 ao 57,70% deste domingo. En Pontevedra tamén se incrementou, en case tres puntos, ao situarse no 61,03% fronte ao 58,48% de catro anos antes. Pola contra, en Lugo baixaría a participación en algo menos de dous puntos ( do 57% ao 55,47%), ao igual que en Ourense (do 59,05% ao 57,31%). 

Os segundos datos de participación, que vén de ofrecer o Ministerio do Interior, amosan unha lixeira suba da asistencia ás urnas no conxunto do Estado ás 18 horas, con respecto aos datos que se rexistraban en 2011 á mesma hora. En concreto, a participación sitúase no 58,31%, case un punto máis que hai catro anos (57,65%).

A participación medra máis nas cidades ca no conxunto de Galicia

Nas urbes a participación crece máis que no conxunto de Galicia. Máis de catro puntos na Coruña (do 53,82% ao 58,11%) e en Vigo (do 57,01% ao 61,25%), algo menos en Ferrol (do 53,61% ao 57,35%), máis de dous en Compostela (do 54,21% ao 56,64%) e Pontevedra (do 57,6% ao 60,15%) e un punto en Ourense (do 54,97% ao 55,92%). En Lugo, a participación diminúe un chisco (do 55,21% ao 55%), pero menos que no conxunto da provincia.

Ademais, e en canto os datos a nivel estatal, a participación increméntase tamén en Madrid, Comunitat Valenciana, Catalunya e Euskadi, superando os datos obtidos en 2011. 

 

Evoluciión da participación ás 18 horas nas principais cidades e vilas de Galicia

Papeletas nun colexio electoral de Santiago, este domingo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.