A participación igualou á de 2012 pero as zonas urbanas seguen a votar menos que nas xerais

Dominio Público Praza Pública

A participación nas eleccións deste domingo foi do 63,75%, practicamente idéntica á de hai catro anos (63,8%), caendo unhas décimas con respecto aos datos de 2009 (64,43%). Na provincia da Coruña creceu unhas décimas, mentres que nas tres restantes houbo pequenos descensos. A estabilidade dos datos mantense comarca a comarca, con variacións moi pequenas entre a participación de 2012 e a actual. Tan só cómpre destacar a importante caída na mobilización na comarca do Carballiño (pasou do 70,61% ao 64,94%). Outras zonas, como Fisterra, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, O Morrazo ou A Limia tamén rexistraron caídas de case dous puntos. Pola contra, na Paradanta (+5) ou Terra de Melide (+3) déronse os maiores incrementos.

Na provincia da Coruña creceu unhas décimas, mentres que nas tres restantes houbo pequenos descensos. Por comarcas, tan só cómpre destacar a importante caída na mobilización no Carballiño (pasou do 70,61% ao 64,94%)

Ao igual que en anteriores convocatorias, chama a atención a gran diferenza existente entre a porcentaxe de votantes nas zonas urbanas entre as eleccións xerais e as galegas. Con respecto ás xerais de xuño, o descenso é de 4 puntos de Compostela, 5 en Ourense, 6 en Lugo, 8 en Vigo ou Pontevedra e 9 puntos na Coruña ou Ferrol, e con respecto ao 20D a participación chega a caer 12 puntos na Coruña e Vigo. Votaron 134 mil galegos e galegas menos que o 26X (58 mil só nas sete cidades) e 216 mil menos que o 20D (86 mil nas cidades). Esta diferente mobilización nunhas e noutras convocatorias repítese en concellos das áreas metropolitanas: en Arteixo a participación caeu 11 puntos dende xuño (15 dende decembro), en Oleiros 10 (13 dende o 20D) e en Redondela ou Cangas 7 (11 dende o 20D). Pola contra, nas zonas rurais apenas hai diferenza entre un e outro tipo de elección.

 

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.