Dende hai varios anos a Xunta ten como un dos eixos da súa política de comunicación a tentativa de ligar a marca Galicia calidade non só cos produtos e servizos de determinadas empresas do país, senón tamén coa xestión do Goberno galego, especialmente no ámbito económico. Esta aposta, que xa deu lugar a, cando menos, dúas campañas de publicidade, semella non ter tradución directa na percepción que a cidadanía ten das institucións públicas no país. Isto é, cando menos, o que cabe tirar do Índice Europeo de Calidade do Goberno (EQI, polas súas siglas en inglés), un estudo realizado por segunda vez no ano 2013 e que vén de ser publicado. Os seus resultados sitúan a Galicia no último posto do Estado español.
A edicición do 2013 deste estudo, publicada na revista Social Indicators Research polos profesores Nicholas Charron, Lewis Dijkstra e Víctor Lapuente, foi elaborada a partir dunha enquisa a un total de 85.210 persoas en 212 territorios de 24 Estados europeos. Os investigadores, explica Charron nun artigo científico da universidade sueca de Göteborg, atenderon a variables demográficas e socioeconómicas da poboación enquisada pero, sobre todo, á súa relación cos servizos públicos e os gobernos en cada rexión europea. Desta análise é da que se tiran unhas puntuacións nas que o 1,10 é a banda máis alta e o -1,50, a máis baixa. O resultado galego é de -0,404, mentres que en 2010 era 0,667.
No inicio do inquérito as persoas consultadas tiveron que responder se, no último ano, tiveran relación cos servizos públicos de saúde e educación, de competencia autonómica no caso galego, así como cos tribunais de xustiza. Esta variable de partida, sinalan, é importante eporque "ter contacto directo cun servizo dá credibilidade á opinión", toda vez que se trata dunha "percepción baseada na experiencia de primeira man", xusto o que procura o estudo. Con estes datos na man -máis do 80% tiveran contacto cos servizos sanitarios, case o 40% coa educación e algo máis do 20%, coa Xustiza- os autores desenvolveron o resto do cuestionario.
O inquérito céntrase na igualdade no acceso a educación, sanidade e xustiza e na percepción de corrupción
Nesa batería de preguntas a poboación enquisada tivo que amosar o seu grao de acordo con afirmacións como "certas persoas teñen vantaxes especiais na educación na miña área" ou "todas as persoas son tratadas con igualdade no sistema público de saúde". Tamén tiveron que sinalar se cren que a corrupción "predomina" na escola, na sanidade ou nos tribunais e expresar a súa opinión sobre a frecuencia na que os subornos serven "para obter vantaxes" dos Gobernos aos que certas persoas "non teñen dereito".
Os resultados, sobre o mapa
Unha vez sistematizados os resultados os profesores plasmáronos sobre o mapa de Europa. Dun primeiro golpe de vista pódese observar que nos territorios do centro e o norte do continente a percepción cidadá sobre a calidade dos gobernos é alta, especialmente nos países nórdicos, e que esta descende a medida que se descende cara ao sur e ao leste. Así, por exemplo, os maiores valores atópanse en territorios de Suecia ou Dinamarca e, a continuación, sitúanse os gobernos territoriais de Gran Bretaña, Irlanda, Francia ou Alemaña. Nesa banda media sitúanse tamén algunhas comunidades autónomas do Estado español entre as que na primeira edición do índice tamén se atopaba Galicia, algo que non sucede, nin de lonxe, no segundo estudo.
Charron, Nicholas, Lewis Dijkstra e Victor Lapuente. ‘Mapping the Regional Divide in Europe: A Measure for Assessing Quality of Government in 206 European Regions’. Social Indicators Research. DOI: 10.1007/s11205-014-0702-y
A puntuación de -0,404 obtida por Galicia fai do país unha illa no conxunto do Estado e sitúao nunha banda semellante ao de, por exemplo, algunhas rexións italianas ou polacas. As comunidades autónomas que están nunha franxa de puntuación media, como Catalunya, Castilla-La Mancha ou Valencia son, segundo os autores do estudo, comparables ao norte de Portugal ou a algunhas rexións de Bulgaria. Pola súa banda, as autonomías mellor puntuadas do Estado -Asturias, Cantabria, La Rioja, Murcia e Euskadi- presentan valores parecidos aos de boa parte de Francia ou o Reino Unido, por exemplo.
"O bo goberno é o camiño para conseguir sociedades máis ricas, con maior calidade de vida e menos desiguais"
Alén das conclusións en clave política outro dos autores deste índice, Víctor Lapuente, indica nun artigo en Eldiario.es que a "percepción da calidade do goberno" debe "importar" tamén en no ámbito económico. "Algúns estudos -explica- amosan que, a longo prazo, a riqueza das rexións depende da calidade do goberno". Ademais, o propio índice EQI está "altamente correlacionado con todo tipo de bos resultados en termos socioeconómicos", do que cabe deducir que "o bo goberno é o camiño para conseguir sociedades máis ricas, con maior calidade de vida e menos desiguais".