A polémica polo cambio nas listas aviva a crise no PSdeG

Abel Caballero, nun acto electoral © PSOE Vigo

A crise no PSdeG continúa logo das modificacións das listas de cara ás autonómicas. Logo de rexistrárense as candidaturas ao 25-S coñeceuse que cinco candidatos vinculados ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, renunciaran a ir nelas e obrigaron a xestora do partido a buscarlles substitutos a última hora. Non ocupaban postos de saída, pero si quixeron poñer de manifesto o seu rexeitamento aos cambios decididos pola dirección galega e a estatal. 

Cinco candidatos afíns a Caballero renunciaron a ir nas listas; ningún deles estaba en postos de saída

As intencións de Delfín Domínguez, ex concelleiro en Ponteareas, e Cid Novoa, dos socialistas de Cangas, eran coñecidas, pero a eles uníronse tres candidatos máis. José Ángel Santoro, do PSOE vigués, renunciou tras ser rebaixado do número cinco ao once; Bárbara Domíguez, da Guarda e que ía de dez; e Isaac Araújo, da executiva de Redondela. 

O rexistro das listas en Pontevedra e Ourense que confirmaron os cambios feitos pola xestora en contra da direccións provinciais non fixo máis que avivar o lume. E mentres, Abel Caballero, insiste en non sentirse apoiado polo partido. "Agora, por razóns que descoñezo e non admito, o PSOE non atendeu a posición lexítima desta cidade", asegurou, tras denunciar que o partido "non atende os que gañan as eleccións". 

Caballero insiste nas críticas e nin tan sequera asegura a súa participación na campaña

Nin tan sequera asegura Caballero a súa participación na campaña tras criticar os cambios "nos despachos" e "contra o apoio das bases e dos que gañaron as eleccións". Ademais, insistiu no discurso local para dicir que antepón "Vigo ante todo". "Non é retórico para min; xa on estamos na época na que se decidía nun despacho e punto; os alcaldes somos os representantes xenuínos da xente", dixo. 

Sacristán acusa a Caballero de "estar todo o día dando a vara coas súas críticas"

Ao tempo, Leiceaga intenta non aumentar a polémica, pide "mente aberta" aos críticos e "respecto" a Caballero, pero a crise non cesa. E no fondo, unha división territorial que se encargou de encirrar Santos Héctor, secretario xeral dos socialistas de Pontevedra. "Os tempos nos que A Coruña decidía e Pontevedra calaba acabáronse para sempre", dixo en resposta a Sacristán, secretario provincial na Coruña, que acusou a Caballero de estar "todo o día dando a vara coas súas críticas"

En Ourense, María Quintas, secretaria de Organización do PSdeG provincial, asegurou que eran moitos os militantes que se sentían "defraudados e estafados" e insistiu en non ver "razón obxectiva para o cambiazo". Desde Ferrol, a tenente de alcalde, Beatriz Sestayo, cualificou de "erro" que a dirección provincial colocase o representante ferrolán no posto número 12 malia dar por "pechada" a polémica. 

Abel Caballero, nun acto electoral © PSOE Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.