A proposta de bonificar o IBI para as rendas baixas, primeira iniciativa aprobada nesta lexislatura

Vista do primeiro pleno da lexislatura © Parlamento de Galicia

"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a acordar coa Fegamp unha solicitude conxunta ao Goberno do Estado para impulsar a reforma do artigo 74.2 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais para os efectos de incluír unha nova bonificación potestativa da vivenda habitual de ata o 90 % da cota íntegra do imposto a favor daqueles suxeitos pasivos que acrediten unha situación económica de insuficiencia de rendas familiares, modulable en función do valor catastral do inmoble". Este é o texto exacto da primeira proposición non de lei aprobada no Parlamento nesta lexislatura, a primeira unanimidade acadada e a raíz dunha iniciativa de En Marea. 

O Parlamento insta a Xunta a acordar co Fegamp unha solicitude conxunta ao Estado para poder bonificar o IBI ás rendas baixas

En resumo, a Cámara galega insta a Xunta de Galicia a acordar coa Fegamp unha solicitude conxunto ao Goberno central para poder modificar ese artigo da lei reguladora das facendas locais. O propósito desta proposición é que os concellos poidan aplicar unha bonificación de até o 90% do Imposto de Bens Inmobles (IBI) a favor das familias en situación de maior precariedade, aquelas con rendas familiares máis baixas e a través dun sistema modulable en función do valor catastral do inmoble. 

A proposta pretende que os concellos poidan aplicar unha bonificación de até o 90% do IBI a favor das familias con menos recursos

Esta iniciativa foi a primeira aprobada nesta lexislatura recentemente iniciada logo de que En Marea aceptase a emenda formulada polo PP, na que se pedía un acordo previo coa Federación Galega de Municipios e Provincias. “Estando de acordo no fondo da proposición, consideramos que se debe levar adiante negociando previamente os termos da mesma coa Fegamp, que é a lexítima representante do municipalismo galego”, advertiu o deputado popular Alberto Pazos, que entende que así a Cámara sería "máis respectuosa coa autonomía local, de pretender dotar aos concellos dunha maior capacidade autoorganizativa, introducindo un novo elemento co que elaborar os seus orzamentos”.

En Marea aceptou unha emenda do PP para chegar a un acordo previo coa Fegamp para levar a cabo a petición conxunta 

"Parece acaído que se o que imos realizar é unha declaración de carácter político institucional, non a fagamos de costas aos principais afectados pola mesma, que non son outros que os concellos galegos”, engadiu Pazos, que aproveitou a súa intervención para criticar os gobernos municipais das mareas na Coruña, Compostela e Ferrol. 

En Marea asegura que a súa iniciativa vai destinada a "protexer as capas sociais máis desfavorecidas", xa que, segundo recolle o propio texto presentado, “a recadación do IBI foi o instrumento máis utilizados para facer fronte á caída de ingresos dos concellos e resulta moi prexudicial para os suxeitos pasivos que teñen unha peor situación económica”.

O encargado de defender a iniciativa, o deputado Antón Sánchez, denunciouque  as políticas do PP “consolidaron un sistema fiscal inxusto e regresivo, que nada ten que ver co que se recolle no Artigo 31.1 da Constitución” e destacou que a reforma fiscal da denominada Lei Montoro beneficiou sobre todo as rendas altas.

Antón Sánchez, viceportavoz de En Marea no Parlamento CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.