A quen votan os parados e paradas?

Manifestación da Asemblea de Desempregados de Ferrolterra © CIG

Quen votan os parados e paradas? Pois, esencialmente, votan o mesmo que os ocupados e ocupadas. É a conclusión dunha investigación publicada pola Fundación Alternativas, realizado polos profesores Miguel Caínzos (USC) e Carmen Voces (Uned), e que analiza a través dos estudos postelectorais do CIS o comportamento electoral de desempregados e traballadores nos comicios xerais celebrados en España dende 1979. O estudo conclúe que estar en paro non modifica o sentido do voto, de xeito que as preferencias electorais dos desempregados son indistinguibles das dos ocupados, descartando a hipótese de que os parados poidan realizar habitualmente un certo voto de castigo aos partidos gobernantes. O que si detectou a investigación foi unha menor participación electoral das persoas sen emprego, próxima aos dez puntos inferior á media, e que si podería ocultar unha desafección activa.

"O feito de que haxa un paro tan elevado preocupa tanto a todo o mundo que inflúe no voto de todos"

"Parece bastante plausible esperar que os parados utilicen o seu voto para castigar ao partido ou partidos que están no goberno, pero non é tanto que o voto dos parados non se vexa afectado polo feito de estar en paro, senón que o feito de que haxa un paro tan elevado preocupa tanto a todo o mundo que inflúe no voto de todos", destaca o profesor Miguel Caínzos. "Polo tanto" -continúa- "a peculiaridade que poderían presentar os parados queda difuminada. Algo que é razoable, tendo en conta que hai moita xente que non está en paro, pero que ten membros da súa familia ou amigos no paro, ou que estivo en paro recentemente, ou que ten medo de estalo". O voto económico retrospectivo pode ser egocéntrico, cando os votantes responsabilizan ao goberno da súa propia situación persoal e votan en consecuencia, ou sociotrópico, cando teñen en conta a situación económica do país. Polo que parece, en España a meirande parte dos cidadáns votan valorando a situación xeral do país, e non tanto as súas circunstancias persoais. 

"É razoable, tendo en conta que hai moita xente que non está en paro, pero que ten membros da súa familia ou amigos no paro, ou que estivo en paro recentemente, ou que ten medo de estalo"

Os autores do estudo sinalan que "en momentos en que o nivel de paro é relativamente baixo, este tema podería ser irrelevante electoralmente debido a que quen o padecen non perciben a súa situación como reflexo dun problema colectivo, senón que a explican apelando a factores individuais". Pola contra, cando o desemprego aumenta por encima de certo limiar "podería ser politizado non só polos parados, senón tamén por moitos electores a quen non afecta de maneira directa".

O estudo descarta algunhas outras hipóteses que tamén se podían presupoñer, ou que se podían dar por feitas en análises políticas. Por exemplo, que os parados de esquerda son máis críticos cos gobernos de esquerda que os parados de dereitas cos gobernos de dereitas. Nun e noutro caso o seu comportamento é semellante ao que en cada elección tiveron os ocupados de esquerda ou de dereita, agás nas eleccións de 1986, nas que si se detecta un certo voto de castigo ao PSOE por parte dos desempregados de esquerda. Tamén se descartou a idea preconcibida de que os parados e paradas voten máis ou menos a un partido en función de que se pense que esa forza política é máis eficaz á hora de loitas contra o desemprego.

En España produciuse un cambio a principios da década do noventa, momento no cal o desemprego deixou de ser un tema forte do PSOE para pasar a mans do Partido Popular

Os datos de enquisa acerca da percepción que os cidadáns teñen dos puntos fortes e débiles de cada partido, fan pensar que en España se produciu un cambio a principios da década do noventa, momento no cal o desemprego deixou de ser un tema forte do PSOE para pasar a mans do Partido Popular. De ser así, o modelo de voto económico baseado na atribución de sensibilidade e competencia en relación co tema do paro levaría a esperar que os parados apoiasen en maior medida que os ocupados ao PSOE nas eleccións celebradas nos anos oitenta e ao PP nas eleccións posteriores. Pero non é así.

 

Os parados e paradas votan menos

Os parados teñen unha probabilidade de absterse significativamente maior que os ocupados, cunha diferenza que rolda os dez puntos con respecto á porcentaxe xeral de abstención

O estudo si detecta unha diferenza importante no que respecta á participación electoral. O texto asegura que "os parados teñen unha probabilidade de absterse significativamente maior que os ocupados", cunha diferenza que rolda os dez puntos con respecto á porcentaxe xeral de abstención; ocorre así en sete do dez eleccións, todas salvo as celebradas entre 1993 e 2000, nas que a diferenza é inferior. Isto pode suceder por varios motivos, comezando pola "retirada do espazo público, en particular do político", que se dá en moitos parados.

A baixa participación tamén se pode explicar por unha falta de confianza en que as institucións e na política, cando menos na súa capacidade para resolver o problema do paro

Porén, a baixa participación tamén se pode explicar por unha falta de confianza en que as institucións e na política, cando menos na súa capacidade para resolver o problema do paro. É dicir, o feito de estar no paro levaría a unha rebaixa das expectativas, á diminución das perspectivas de cambio e, en definitiva, ao fatalismo. Segundo o estudo, en termos políticos, "isto conducirá facilmente aos parados ao sentimento de que o sistema político no seu conxunto (non o goberno ou este ou aquel partido) é insensible ou incapaz de dar resposta aos seus problemas máis perentorios, o cal, loxicamente, fará que a opción de utilizar o voto para castigar ao goberno ou para buscar unha solución política a aqueles problemas sexa pouco atractiva". Polo tanto, en certa medida é esa baixa participación a que, en ocasións, limita a posibilidade de que exista un voto de castigo.

En palabras de Miguel Caínzos, a pesar de que España é un país no que a xente espera moito dos seus gobernos, "a xente é escéptica con respecto á capacidade dos gobernos de facer fronte ao problema do paro. Este é un factor que podería ir en aumento, na medida de que a marxe de actuación dos gobernos en política económica é moi limitada, sobre todo na UE". Para Caínzos, ademais, "o feito de que non haxa participación pode estar contribuíndo a que non haxa castigo", pois "aqueles que poderían ser máis propensos a facer un voto de castigo, adoptan unha posición fatalista, asumen que non paga a pena, que non se vai conseguir nada e non votan".

"A xente é escéptica con respecto á capacidade dos gobernos de facer fronte ao problema do paro. Este é un factor que podería ir en aumento, na medida de que a marxe de actuación dos gobernos en política económica é moi limitada, sobre todo na UE"

Sobre a posibilidade de que estas tendencias muden no futuro, por mor do endurecemento da crise e do debilitamento do bipartidismo e que si se comece a detectar un significativo voto de castigo ao partido de Goberno, cun trasvase de apoios dirixidos a terceiras ou cuartas forzas políticas, Caínzos lembra que "o momento de máis forza do bipartidismo deuse no 2008, e o voto conxunto a PP e PSOE descende xa en 2012". "Non é que o debilitamento do bipartidismo abra unha oportunidade para un maior castigo, senón que é unha consecuencia dun castigo que xa se estaría producindo", sinala. De igual xeito, deixa unha porta aberta a que este voto de castigo por mor da crise económica se produza nas eleccións europeas do 25 de maio: "Parece razoable que nunhas eleccións como as europeas si haxa un compoñente de voto de castigo moito maior, pola percepción que teñen os votantes de que son unha eleccións que se poden usar máis para castigar en clave interna, máis que para facer eleccións a nivel europeo".

 

Que votan os parados e paradas galegas?

En Galicia nos dous últimos comicios as persoas desempregadas votaron máis a forzas de esquerda e centroesquerda, independetemente de que estivesen no goberno ou non

Analizando os datos dos estudos postelectorais do CIS relativos ás dúas últimas eleccións ao Parlamento galego, atopamos un comportamento moi semellante ao descrito na investigación de Caínzos e Voces. É dicir, a participación das persoas sen emprego é menor e non se detecta un voto de castigo ao Goberno, cando menos en 2009; as diferenzas, tanto nunhas eleccións coma nas seguintes parecen estar máis ben na ideoloxía: en Galicia nos dous últimos comicios as persoas desempregadas votaron máis a forzas de esquerda e centroesquerda, independetemente de que estivesen no goberno ou non.

Nas eleccións de 2009, segundo o estudo postelectoral do CIS votaron o 79% dos parados, fronte a unha media de case o 85% (todo segundo as respostas dadas á enquisa, non en relación cos datos reais de participación). En 2012 a diferenza foi mesmo maior: o 70% dos parados entrevistados dixo ter votado, fronte ao 79% do total.

En 2009 non só non fixeron un voto de castigo cara ás forzas do goberno bipartito (PSdeG e BNG) ou do Goberno central (PSOE), senón que os apoiaron en maior medida que ao PP

En canto ás forzas políticas a quen foron dirixidos os votos, en 2009 os parados e paradas non só non fixeron un voto de castigo cara ás forzas do goberno bipartito (PSdeG e BNG) ou do Goberno central (PSOE), senón que os apoiaron en maior medida que ao PP. O 27,5% dixo ter votado ao PSdeG-PSOE, case tantos coma ao PP (28,3%), e un bo número afirmou ter apoiado ao BNG (19,3%). Porén, os datos do estudo postelectoral (semellantes aos reais), amosan unha clara vantaxe dos populares (37,5%) sobre o PSdeG (24,9%) e BNG (12,2%). En 2012, de novo os parados apoiaron menos ao PP (no poder en Santiago e Madrid), cun 28,4% fronte ao 37,8% que lle outorgaba o total de enquisados. En cambio, os votos para as forzas de esquerda foron maiores: 16,6% para o PSdeG-PSOE (13,8% no global da enquisa), 13,6% para AGE (12,3%) e 9,5% para o BNG (7,2%).

Oficina de emprego en Pontevedra CC-BY-SA Adrián Estévez
Manifestación da Asemblea de Desempregados de Ferrolterra © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.