"A realidade española, complexa, reclama unha solución federal"

Pancho Candela, Xosé Luís Franco Grande e Víctor Freixanes © Editorial Galaxia

"A unidade europea sempre camiñou cara adiante, aínda que agora pareza paralizada. É imparable, non ten volta, cada vez será máis potente. O problema é que hoxe os líderes non son europeístas, teñen visións curtopracistas e non superaron a súa preocupación polas súas respectivas políticas nacionais". 24 horas despois da celebración das eleccións ao Parlamento europeo, Xosé Luís Franco Grande ofreceu unha conferencia en Compostela baixo o título de Repensar Galicia en Europa. A súa intervención, no marco do ciclo de relatorios organizados polo Ateneo de Santiago, centrouse nunha apaixonada defensa do federalismo como fórmula máis axeitada para a estruturación política de Europa e de España. "A realidade española, complexa, reclama unha solución federal", salientou

Franco Grande foi presentado por Pancho Candela, que destacou a "oportunidade" da charla, despois do proceso electoral vivido nas últimas semanas, e por Víctor Freixanes, director da Editorial Galaxia, onde o autor publicou recentemente a complicación de ensaios Outra política para outros tempos. Freixanes destacou a Franco Grande como un "exemplo de compromiso con Galicia" e como un pensador "heterodoxo e libre". Tamén sinalou a necesidade de escoitalo, mesmo para aquelas persoas que se atopan en posicións distintas "pois neste país é unha práctica moi habitual ignorar ou ningunear aqueles discursos que están na heterodoxia ou que non están na corrente do grupiño ao que pertencemos". "Aínda seguimos construíndo unha sociedade por parroquias, e nin escoitamos aos que non están na nosa parroquia ou na nosa relixión, porque vivimos a política como relixión, e esa é outra proba de premodernidade”, concluíu. 

Franco Grande destacou que "o federalismo é o futuro de Europa", pois "a federación é a forma política máis acaida para encaixar nela a unidade europea e para respectar as minorías"

Este luns no Ateneo falouse sobre todo de federalismo, "unha vella idea soñada tamén polos pais da CEE", lembrou Freixanes, "o federalismo como solidariedade, como espazo común, que recoñece as identidades pero se fundamenta na alianzas e nas lealdades, non como territorios isolados, sospeitando sempre do veciños, senón que espazos que na confianza son capaces de ceder para avanzar xuntos". De igual xeito, Franco Grande destacou que "o federalismo é o futuro de Europa", pois "a federación é a forma política máis acaida para encaixar nela a unidade europea e para respectar as minorías. A esencia do federalismo está no respecto ás minorías".

"O problema é que hoxe os líderes non son europeístas, teñen visións curtopracistas e non superaron a súa preocupación polas súas respectivas políticas nacionais"

Para Franco Grande, "a unidade europea sempre camiñou cara adiante, aínda que agora pareza paralizada. É imparable, non ten volta, cada vez será máis potente". E opina que "o problema é que hoxe os líderes non son europeístas, teñen visións curtopracistas e non superaron a súa preocupación polas súas respectivas políticas nacionais, como se demostrou na campaña feita por Arias Cañete ou Valenciano, na que se falou sobre todo de cuestións internas". Así mesmo, botou en falta unha maior conciencia da importancia do Parlamento Europeo e doutros organismos da UE: "A nosa vida vai estar marcada polas competencias sobre as que decide o Parlamento, que incrementou en moito o seu poder nos últimos tempos". Franco Grande cre que "os atrancos para o desenvolvemento da UE proveñen dos propios Estado, que se negan a ceder soberanía ante as institucións europeas. Pero cédena sen problema e cambian a Consitución nunha noite cando o impón a señora Merkel". 

"As nacións soberanas do pasado deixaron de ser o marco nos que se resolven os problemas"

O autor lembrou que o federalismo está na base na construción europea, presente nos escritos dos seus impulsores, como Jean Monnet, que "xa recolleu que o mundo estaba inmerso nun proceso de cesión de soberanía por parte dos Estados-Nación. As nacións soberanas do pasado deixaron de ser o marco nos que se resolven os problemas". Para Franco Grande é evidente "o fracaso do centralismo liberal" en Europa, pois "a centralización é a preparación para o despotismo". E, de igual xeito, pola cada vez maior interdependencia no mundo "está totalmente superado o nacionalismo, que deu lugar ao principio das nacionalidades e que identifica Estado e Nación". Explica que "coa crise do nacionalismo refírome unicamente á crise da organización xuridico-política do Estado, non digo que estean superadas as reivindicacións dos movementos políticos nacionalistas. Hai que poñer ao día conceptos coma o de autodeterminación, hoxe en día non se autodetermina nin Alemaña. Tamén conceptos coma o de nación ou soberanía".

Franco Grande defendeu o federalismo froito dun pacto "firme, de carácter duradeiro, e un pacto entre iguais" que "implica a participación directa dos estados federados" e no que todas as competencias que non sexa explicitamente atribuídas aos Estado Federal, corresponderán aos estados federados, "ao contrario do que suceden no estado autonómico español". Só ficarían no Estado federal as competencias de política exterior, moeda e exército. Isto evitaría ademais as "tentacións centralizadoras que impiden o desenvolvemento dos pobos, tanto na súa política educativa, defensa das linguas propias ou na política económica máis axeitada para cada territorio". 

Opina que en España "non hai cultura federal", pero "tampouco había cultura autonómica e foise creando nos últimos trinta anos"

Opina que en España "non hai cultura federal", pero "tampouco había cultura autonómica e foise creando nos últimos trinta anos". E para acadar este obxectivo cre que é precisa "unha política de longo alcance, unha política de futuro, con pedagoxía", pois "o federalismo é unha política de valores, require a implicación da sociedade". "A realidade española, complexa, reclama unha solución federal que aúne a diversidade e a unión", concluíu, nun pacto que "debe ser libre, pois a soberanía das partes é o que dá valor ao conxunto".

Franco Grande publicou recentemente a compilación de ensaios 'Outra política para outros tempos' © Editorial Galaxia
Imaxe da conferencia ofrecida por Franco Grande este luns en Compostela © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.