A RedeOU intensifica en Ourense a coooperación das candidaturas cidadás xurdidas no 24M

Presentación da Rede de Candidaturas Veciñais de Ourense © RedeOU

Rede de Candidaturas Veciñais de Ourense (RedeOU). Ese é o nome co que se vén de constituír formalmente a plataforma que xunta 16 agrupacións cidadás municipalistas da provincia. Un ámbito de "apoio e coordinación" de diferentes iniciativas electorais de nova implantación que naceron tamén nos últimos comicios locais do 24M e que "beben do espírito das mareas das grandes cidades". 

A Rede xunta 16 agrupacións cidadás impulsadas polo 24M e que "beben do espírito das mareas das grandes cidades"

A plataforma "xorde do movemento que se está a dar en Galicia e do espírito das mareas das grandes cidades", tal e como aclara un dos seus voceiros, e é un paso máis na colaboración en rede das diferentes candidaturas cidadás e de confluencia que agromaron con forza tras o 24M. Á colaboración que manteñen Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común e á integración de varios membros destas listas municipalistas á candidatura En Marea súmase agora RedeOU. 

Agrelsan (Sandiás), Ribeiro en común (Ribadavia), Cambio Intelixente (Punxín), Son de Trives, Veciños de Piñor, Son do Pereiro de Aguiar, Ourense en Común, Veciños de Monterrei, Anova-Son de Manzaneda, Agrupación de Electoras Xuntos por Lobeira, Candidatura Veciñal de Taboadela, Agrupación Independente de Leiro, Fai o Irixo, Alternativa Veciñal do Carballiño, Alternativa por Beariz, Anova-Son de Toén. Estas son as 16 candidaturas -case todas elas con representación institucional nos concellos- que forman parte de RedeOU e na que se integran dous alcaldes, o de Manzaneda e o de Sandiás. 

A plataforma procura a "coordinación, información e apoio mutuo" dos concelleiros e está aberta a máis candidaturas 

"É unha iniciativa das candidaturas de nova implantación, un proxecto de coordinación, información e apoio mutuo no traballo dos concelleiros na procura dunha liña de actuación conxunta cara ao futuro", explica o voceiro do colectivo e concelleiro de Anova-Son de Toén, Carlos Lorenzo, que aclara que a Rede "está aberta" a máis candidaturas que compartan principios e obxectivos ou mesmo que aínda estean por formarse. "Trátase de que teñan unha porta onde bater e ten unha clara vocación de chamada", insiste quen pon o énfase na "transparencia e a participación cidadá" como principios fundacionais da asociación. 

"Forzas políticas emerxentes que beben do espírito das mareas das grandes cidades e coa vocación de que as veciñas e veciños participen activamente na política municipal e de xeito asembleario", explicaba a RedeOU no seu comunicado fundacional, no que aposta por unha "cobertura supramunicipal" a nivel provincial "para conquerir unha maior eficacia na xestión e no aproveitamento dos recursos". 

A asociación de candidaturas nace tamén como contrapeso ao poder da Deputación e co obxectivo de recuperar autonomía municipal

A Rede advirte tamén da necesidade de "explorar novos vieiros de participación política perante o despotismo que practica un organismo sen mandato directo da cidadanía como é a Deputación, especialmente na nosa provincia". A espallada e influente presenza do organismo provincial é tamén clave na aparición da Rede, un dique de contención ante o poder de Baltar.

"Temos xa de raíz un problema de representación pública dunha institución que non pasa por filtro ningún de contro nin exerce un mandato directo; precisamos que o poder público estea máis achegado á cidadanía e que teña un control público", asegura Carlos Lorenzo, que cre que "o ideal sería que a Deputación non existise e que se recuperase parte da autonomía municipal que se trasladou a outras administracións". E aquí, a Rede debe decidir aínda a súa postura común respecto de hipotéticos acordos ao estilo do que manteñen as mareas na da Coruña. "Hai quen dubida entre participar e intentar cambiala desde dentro ou non", di. 

As candidaturas que forman parte da RedeOU "impulsarán políticas públicas que procuren a xustiza social que garantan a vida digna das persoas, a equidade de xénero, unha economía xusta e sustentable e a defensa dun proceso de renovación democrática asentado nos principios de participación veciñal e transparencia absoluta". E a Rede prevé "actuar como ferramenta analítica de avaliación e contacto dos diferentes concellos integrados na mesma". 

Presentación da Rede de Candidaturas Veciñais de Ourense © RedeOU
Logotipo da RedeOU © RedeOU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.