A reforma administrativa de Rajoy non convence nin á Xunta

Feijóo, nun intre do Consello deste xoves © Conchi Paz

Foi presentado como un proxecto pouco menos que histórico, un chanzo fundamental para a saída da crise pola vía da redución do gasto público, mesmo como unha ferramenta para que "os políticos", en verbas de Soraya Sáenz de Santamaría, fagan "sacrificios" unha vez que xa os fixo a cidadanía. O proxecto de reforma das administracións públicas que promove o Goberno central é un dos plans estrela do gabinete de Mariano Rajoy que, malia aos fastos cos que foi presentado, apenas atopa aliados. A oposición en pleno critícao e desta volta nin sequera a Xunta se presenta, ao xeito do que acontece habitualmente, como aliado incondicional do Executivo de Madrid. Este desmarque víñase producindo dende hai semanas pola vía das declaracións e hoxe aconteceu no Consello da Xunta.

O vicepresidente Alfonso Rueda elevou ao Consello un informe cunha "primeira análise das propostas do Goberno de Mariano Rajoy" e, a grandes trazos, vén concluír que esa marea de reformas non pasará de leve axitación das augas autonómicas en Galicia. Ese documento "destaca que Galicia cumpre ou pode cumprir oito de cada dez das recomendacións dirixidas ás comunidades autónomas" e "xa ten en marcha ou efectivizadas no seu ámbito o 90%" das propostas que o Goberno central se vai aplicar a si mesmo.

A Xunta asegura que xa cumpre o 80% das medidas propostas por Rajoy

O Executivo galego aproveita para presentarse como o primeiro da clase da austeridade para asegurar que Galicia "foi pioneira en levar a cabo unha profunda reforma da Administración" e por iso, abonda, xa meteu a tesoira no número de entes públicos, na "simplificación" de leis e trámites administrativos ou na creación de organismos que centralicen competencias como as tecnoloxías da información e da comunicación. Os comentadísimos coches oficiais ou a "centralización dos números de atención telefónica" son medidas que, sinala a Xunta, se combinaron con outras como a "xeración de sinerxias" entre "as oficinas no exterior e as embaixadas, a planificación conxunta de tecnoloxías da Xustiza ou a creación dunha xanela de información única para obter datos de axudas e subvencións a PEMES".

Valedor e Consello de Contas

Neste contexto, tampouco semella que vaian pasar por Galicia algunhas das medidas máis simbólicas das propostas por Rajoy, tales como a eliminación de certos entes. Así, o propio presidente da Xunta evidenciaba este xoves que nalgúns casos esa eliminación sería imposible, "porque decidimos non telos", caso por exemplo dos "servizos demoscópicos autonómicos" ou "axencia de protección de datos". Cuestión aparte son "os órganos estatutarios" como o Valedor do Pobo ou o Consello de Contas. É neste punto onde Feijóo mesmo insire unha crítica velada ao seu xefe de filas: "As recomendación non discriminan entre comunidades autónomas con órganos previstos no Estatuto e eses mesmos fóra do Estatuto". E isto, advirte, é "fundamental".

Feijóo "entende" que o Consello de Contas e o Valedor do Pobo "se deben manter"

Así as cousas, "a opinión do Goberno é que temos que consultarlle ao Parlamento sobr este asunto", se ben, "por se lles vale de opinión", sinalou Feijóo ante a prensa, os populares galegos "entenden" que "o Consello de Contas se debe manter e o Valedor, que é un órgano claramente de fiscalización dos cidadáns sobre a Administracións públicas" é "un servizo público que se debe de manter", o que non implica que non se poidan "reducir os custos do seu funcionamento". "Podíamos caer na tentación de que o Goberno estea a favor de que non o controlen, pero non sería moi responsable", afirma.

Ao tempo que amosa os seus receos sobre a reforma administrativa Feijóo volve, a preguntas dos xornalistas, sobre as súas dúbidas a respecto doutro proxecto de Rajoy, a reforma local. Despois de que o Consello de Estado elaborase un ditame no que deixa claro que o plan do Goberno pode colisionar coa Constitución Feijóo evita aliñarse co presidente español e faino co organismo que preside o seu mentor político, José Manuel Romay Beccaría. "O informe do Consello de Estado é un informe que  Goberno debe ter en conta" porque é "sólido e ben construído dende o punto de vista da doutrina constitucional", advirte.

Feijóo, nun intre do Consello deste xoves © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.