Asistencia social, centros de día, escolas infantís, colexios, instalacións deportivas... Son só algúns dos servizos que na actualidade dependen, en boa medida, da xestión dos concellos e que a reforma da Administración local que impulsa o Goberno de España pon en cuestión. Coa práctica totalidade dos municipios do país en pé de guerra contra o proxecto, o BNG disponse a emprender unha campaña informativa centrada nos concellos que goberna pero coa vista posta en toda Galicia. Trátase, din, de informar de primeira man sobre o "severísimo recorte de prestacións" que a cidadanía vai sufrir se o gabinete de Mariano Rajoy non muda a súa intención.
Unha presentación "expansiva" o vindeiro día 14 en distintas localidades será o punto de arranque dunha campaña na que, resume o portavoz nacional da formación frontista, Xavier Vence, se trata de dar detalles sobre "un paquete de medidas nefasto para a calidade dos servizos públicos", enmarcado no plan de recortes "da troika" que procura "adelgazar o Estado do Benestar" e "centralizar" a toma de decisións". A xuízo de Vence tombar esta reforma é "vital para a cidadanía", toda vez que a "redución de competencias municipais" é sinónimo de "redución de servizos públicos".
Vence augura que a centralización nas deputacións vai vir "acompañada dunha privatización dos servizos que queden"
Redúcense servizos e redúcese, a xuízo dos nacionalistas, tamén a democracia. A reforma prevé centralizar boa parte das competencias dos concellos de menos de 20.000 habitantes -só vinte e dous en toda Galicia- nas deputacións provinciais o que supón, de facto, di o líder do Bloque, "reforzar as institucións menos democráticas", toda vez que non responden á elección directa da cidadanía. Esta centralización, abonda, "temos claro" que vai vir "acompañada da privatización dos servizos que queden", agora aglutinados en "paquetes" que serán máis gorentosos para as grandes empresas e inaccesibles para pequenas organizacións, con ou sen ánimo de lucro.
Neste escenario, a formación tentará que a súa campaña sirva para contrarrestar a "propaganda do PP". Coa reforma vén unha "redución do benestar, privatizacións e recentralización", sintetizan, nun momento no que Vence saúda que o representantes do PP no ámbito local galego vencesen as súas "resistencias iniciais" no ámbito da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O "consenso de mínimos" acadado nese foro permite que os concellos galegos teñan, en conxunto, unha "posición crítica" nun asunto que vai moi alén dunha "redución da autonomía municipal", conclúe.