"A reforma local tamén quere evitar que se leven a cabo políticas alternativas"

Francisco García, alcalde de Allariz © BNG

Francisco García, alcalde de Allariz e vicepresidente da Fegamp, recórdalle aos deputados galegos do PP que "terán que aclarar porque van en contra" do rexeitamento unánime á lei que os seus alcaldes acordaron co resto de municipios do país. Ademais, o rexedor do BNG asegura que a norma "cébase" especialmente con Galicia e que forma parte dunha estratexia máis ampla "enmarcada dentro do rescate ao Estado e das condicións impostas por Europa".

A lei da reforma local segue adiante o seu trámite no Congreso malia o rexeitamento masivo de concellos e oposición...

É lamentable que o PP estea modificando substancialmente o Estado de Benestar con medidas que van afectar dun xeito moi importante aos cidadáns. Faino sen consenso e forma parte dunha política sen complexos que ten a súa raíz na modificación constitucional que impulsou o goberno do PSOE e na lei de estabilidade orzamentaria posterior con todos os procesos de limitación de gasto público que provocan. Trasladan a súa filosofía ao ámbito municipal con demagoxia, reducindo o número de concelleiros, pero o sobre todo a través dunha modificación moi profunda do réxime local na que poñen por riba de todo a estabilidade orzamentaria, incluso cargándose servizos públicos fundamentais, sen facer nada por un correcto financiamento dos concellos e cebándose especialmente en Galicia.

Por que especialmente con Galicia?

Aquí en Galicia ese financiamento é especialmente inxusto porque non ten en conta criterios tan obxectivos como a dispersión da poboación ou o número de núcleos habitados, o que é fundamental á hora de prestar ben os servizos.

"A reforma local segue o modelo do que o PP fai en sanidade, educación ou mercado laboral"

É tan negativa esta reforma local para os concellos?

Esta reforma  local afecta as competencias municipais e a autonomía local, impoñendo unhas políticas que van limitar a capacidade dos concellos e afondando na centralización e nunha administración vertical onde o papel do Ministerio de Facenda, a través de secretarios e interventores, pasa a ser fundamental mediante informes e un control estrito, rachando con calquera tipo de iniciativa propia. Ademais, refórzanse unhas institucións como as deputacións e invádense competencias recollidas no Estatuto. Antes, a competencia do Estado era establecer as bases, pero agora entran de cheo nunha regulación que elimina calquera posibilidade de que a Xunta poida fixar a forma de asentamento no territorio tan peculiar que temos os galegos. En definitiva, esta reforma non é nin máis nin menos que o que o PP está facendo noutros ámbitos como a sanidade, a educación ou a través da reforma laboral.

Atacar os servizos públicos?

Insírese nun conxunto de reformas de calado que teñen modificado a lexislación de dereitos e servizos públicos e onde se impoñen prexuízos. Pártese da idea de que os concellos pequenos van prestar servizos moito máis caros que os grandes, cando o grande endebedamento está nas grandes cidades e ademais gobernadas maioritariamente polo PP, como no caso de Madrid ou Valencia. E iso que teñen un financiamento moito máis acaído e beneficioso que o dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Ademais de invadir as competencias galegas non se axusta para nada á realidade de Galiza e ábrelle unha vía de negocio ás grandes corporacións para a privatización de servizos a partir das deputacións. Para a maioría dos concellos galegos creará unha situación tremendamente negativa que afondará nos problemas do rural no país e que converterá moitos cidadáns en cidadáns de segunda.

"Medidas como esta reforma enmárcanse dentro do rescate ao Estado e das condicións impostas por Europa"

Pero a pesar de todo, a lei segue adiante.

As medidas enmárcanse dentro do rescate ao Estado español e das condicións impostas por Europa que noutros países, como en Portugal, provocaron importantes cambios na estrutura local. A razón desta reforma local é esta e instaurar menos autonomía, menos democracia e quitarlle servizos á cidadanía.

Os alcaldes do PP en Galicia rexeitan a reforma local, pero o PP non emenda a lei en Madrid e emite un comunicado a favor da lei en nome de todos os seus rexedores...

Os argumentos en contra desta lei expresados por moitas forzas políticas foron moi claros, así como os que unanimemente trasladou a Fegamp. E é aquí onde hai unha clara contradición porque unha boa parte do corpo social e institucional do PP non acepta esta reforma, esta supresión de competencias municipais, nin o reforzo das deputacións nin esta imposición de medidas como o custo efectivo dos servizos como regra absoluta e que provocará que os cidadáns deixen de recibir moitos servizos fundamentais. Agora serán suprimidos de facto por esta lexislación.

"Os deputados galegos do PP terán que aclarar porque van en contra do que os seus alcaldes acordan na Fegamp"

Pero esta posición do PP a nivel estatal causará un conflito en Galicia? E na Fegamp?

Iso terao que aclarar o PP e os deputados e senadores elixidos por Galicia á hora da votación deste texto no Congreso e no Senado. Hai a consideración practicamente unánime en contra da reforma por invadir competencias propias de Galicia, por reducir a autonomía municipal, por non solucionar o grave problema de financiamento que temos os concellos... Son datos de peso e agardamos que a posición dos deputados e senadores do PP galegos sexa congruente coa postura amosada na Fegamp, que ademais lle foi trasladada ás diferentes formacións con representación galega en Madrid.

Pero hai un apoio maioritario á reforma no PP?

Este texto, agás Montoro, presidentes das deputacións provinciais e eses alcaldes que saíron na foto en Madrid, non conta con ningún tipo de apoio. O PP, igual que noutros ámbitos como a reforma laboral, o copago, a reforma laboral ou a Lomce, pode que faga caso omiso destas voces críticas, pero é inaudito que se faga unha reforma como esta sen a anuencia dos alcaldes e sen unha seguridade incluso xurídica de permanencia.

"O texto, agás Montoro e algún alcalde que foi facer a foto a Madrid, non conta con ningún apoio; pero o PP non fai caso"

Como afectaría esta reforma local a un concello como Allariz?

Non se modifica para nada o financiamento que os concellos galegos debían recibir. Recibimos por habitante moito menos do que nos correspondería e ademais non se teñen en conta variables que encarecen a prestación de moitos servizos. Non é o mesmo prestar un servizo de recollida de lixo nun concello de Castela ou Estremadura, cun único núcleo de poboación, que facelo en máis de 90 núcleos como ten Allariz. Xestión da auga, saneamento, locais sociais... Ademais, os servizos que quedan establecidos como servizos mínimos son ridículos para os que hoxe en día está atendendo un concello como o noso. Do que nós estamos a facer agora, con esta reforma non habería instalacións deportivas, nin servizos sociais, nin promoción económica, nin oficina de información e Turismo, nin casas da mocidade... Queda en nada o capital social básico e a calidade de vida dos cidadáns. Estes servizos poderán ser cuestionados en calquera momento porque non son servizos mínimos obrigatorios pero, iso si, os obrigatorios ofrécese a que poidan ser xestionados pola Deputación e que poidan ser negocio de grandes operadoras, como por exemplo no caso do tratamento de residuos ou do saneamento.

"Con esta reforma, queda en nada o capital social básico e a calidade de vida dos cidadáns"

Outra da queixa recorrente dos alcaldes é a perda de iniciativa política nos concellos.

Ademais, nós estamos dispostos a asumir o copago farmacéutico ou os comedores escolares cando a Xunta os deixa. E podémolo facer en base a un artigo da lei de bases de réxime local que nos permitía poñer en marcha actividades complementarias doutras administracións. Agora iso é suprimido, pero non no caso das deputacións provinciais, que son reforzadas e que poderán facer o que queiran en base aos informes dese interventor que impón o Goberno, polo que hai un límite absoluto a poñer en marcha calquera política alternativa á deseñada en altas instancias.

Visto o rexeitamento xeral da reforma e os graves problemas que provocaría, confía en que o PP dea marcha atrás?

Moito me temo que non porque é un compromiso ante a UE que ten que ver co rescate para salvar o sector financeiro. Ademais, ten unha orientación clara de favorecer ao sector privado e destila unha fobia tremenda á iniciativa pública, todo froito dun sesgo ideolóxico absoluto. Temo que isto vai primar e que se vai facer o mesmo que en sanidade, educación ou no mercado laboral. Queren evitar a toda costa que se leven a cabo políticas alternativas.

Francisco García, alcalde de Allariz © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.