A resistencia que impide un informe "descafeinado" das rías galegas

Mariscadoras no Burgo CC-BY-NC-SA Lúcio de Lis

O informe europeo sobre as rías galegas segue encallado. As eurodeputadas Angelika Werthmann e Tatjana Zdanoka continúan firmes na súa decisión de non aceptar o texto que este martes ía ser sometido a votación na Comisión de Peticións. Manteñen o seu desacordo cun documento que non cren que recolla a realidade sobre a pésima situación e que se contrapón ao do xefe da misión Philippe Boulland, o outro eurodeputado que visitou as rías do Burgo, Ferrol e Vigo hai xa nove meses.

Malia que a impresión dos tres parlamentarios foi desalentadora e unánime logo daquela inspección, as presións do PP -tal e como denuncian varios membros da Eurocámara- provocou que Boulland se desmarcase cun texto alternativo e que non se acadase un documento pactado e consensuado. Por iso este cuarto atraso, que provoca que as rías galegas continúen a esperar por solucións serias para o seu saneamento. A presidenta da Comisión de Peticións, Erminia Mazzoni, prevé reunirse cos tres europarlamentarios a vindeira semana para desbloquear a situación e pactar unha parte descritiva do documento que permita un acordo.

As eurodeputadas que visitaron as rías galegas non aceptan un informe que, segundo elas, non recolle a dura realidade das rías galegas

Así, o debate sobre este texto mixto non se realizou finalmente, ao queixarse a austríaca liberal Angelika Werthmann e letoa dos Verdes Tatjana Zdanoka dun texto parcial que non recollía a realidade que comprobaran na súa visita a Galicia. As súas ameazas van máis aló. Están dispostas a retirar as súas sinaturas do documento. "Se non se acepta a súa parte, votarán en contra e haberá dous informes; están sorprendidas por algún intento de manipulación, pero non van aceptar presión ningunha", denunciaba un europarlamentario a Praza hai agora un mes.

O apoio de cinco grupos á posición das dúas eurodeputadas (Socialistas, Os Verdes/ALE, GUE/NGL, reformistas británicos e liberais) na sesión previa ao debate conseguiu que se retirase da orde do día o debate sobre o informe das rías. O PP non puido impedir esta negativa ao non acudir suficientes parlamentarios.

O presidente da delegación enviada a Galicia optou por un texto que obvia as críticas ás administracións, malia que fora moi crítico nun principio

O caso é que as diverxencias que agora volven agromar non foron sempre así. Boulland, que é presidente da delegación enviada a Galicia, quedara impresionado coa situación das rías galegas, especialmente coa do Burgo. A súa idea era a de facer un informe moi crítico, tal e como advertira e tal e como lembran varios eurodeputados. Pero foi virando a posición e optou por redactar o seu texto sen contar coas outras europarlamentarias e obviando as críticas ás administracións presionado polo PP, segundo denuncian parlamentarios que reparan nunha situación anómala, nunca vista e que provoca un atraso inédito en informes deste tipo.

O conservador Philippe Boulland achegou un documento apoiado polo PP no que se evitan críticas á xestión das administración, óbviase a súa responsabilidade e destácanse os esforzos realizados pola comunidade autónoma e as administracións locais para resolver a contaminación. No entanto, a eurodeputada Tatjana Zdanoka, de Verdes-ALE, e a liberal Angelika Werthmann foron moito máis críticas, destacando as continuas denuncias cidadáns e ecoloxistas sobre a situación das rías -en especial a do Burgo- e relatando unha contaminación que en declaracións tras a viaxe a Galicia non dubidaran en cualificar de "escandalosa" e na que falaban de "inmundicia inxustificable".

A presidenta da Comisión reunirase cos tres enviados a Galicia para intentar acadar un consenso

Mazzoni intentará lograr  un consenso para levar un texto consensuado a debate en decembro ou xaneiro e que sería commpletado con emendas nas recomendacións e conclusións, pero non no texto descritivo. De non  haber acordo, o documento podería seguir adiante coas dúas diferentes versións. As dúas eurodeputadas ameazan incluso con retirar o apoio ao documento e suprimir as súas sinaturas.

A que fora eurodeputada do BNG e agora secretaria de política internacional na formación nacionalista, que formou parte do grupo parlamentario de Tatjana Zdanoka, xa aclara que non lle importa esperar máis polo informe se o que seguen a comprobar é que se intenta seguir cun texto "descafeinado" que só pretende "lavarlle a cara ao Goberno central e á Xunta". A coordinadora nacional de EU e vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, lamenta o atraso do documento e denuncia  que o texto actual "atópase fóra da realidade da situación actual das rías galegas".

Ana Miranda, xunto a Tatjana Zdanoka. Diante, Philippe Boulland CC-BY-SA BNG
Esteiro da ría do Burgo CC-BY-SA ElBuhonº30

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.