A sanidade, unha materia máis que pendente para Feijóo

Protesta contra a privatización da sanidade pública en Narón Dominio Público @CxGFerrolterra

Feijóo encara o Debate sobre o Estado da Autonomía coa sanidade como materia pendente. Iso é polo menos o que lle advertirán os tres grupos da oposición, logo de que no último ano e medio -desde o último exame á situación do país no Parlamento- pouco ou nada mellorase neste ámbito. Máis ben todo o contrario.

O novo copago farmacéutico asumido pola Xunta e o incremento do imposto ás gasolinas son as últimas medidas criticadas

O último copago farmacéutico asumido sen a máis mínima protesta pola Xunta ou o anuncio do incremento do imposto aplicable aos combustibles para financiar a sanidade son dúas das últimas medidas fortemente criticados por sindicatos, pacientes e profesionais dos hospitais e centros médicos galegos, que insisten na "nefasta política sanitaria" que leva a cabo o Goberno galego.

A plataforma SOS Sanidade Pública xa advertiu de que “a mellora do financiamento sanitario debe de facerse con impostos progresivos que aseguren unha maior recadación de quen máis ten e non con taxas ao consumo que afondan na desigualdade entre persoas”. "É necesario aumentar os fondos destinados á sanidade pública, pero é evidente de que este tipo de imposto sobre o consumo ten o efecto de afondar na desigualdade, pois penaliza igualmente as persoas con poucos recursos económicos que aos que os teñen moi elevados”, insistiu o colectivo, que acusa a Feijóo e o seu Goberno de "subir impostos de forma indiscriminada mentres mantén sen tocar algúns outros como os de patrimonio, sucesións ou o imposto sobre sociedades que se teñen carácter progresivo”.

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos convoca folga no Sergas contra "os recortes en medios humanos"

É a última das medidas polémicas. Moitas delas provocaron que a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (Cesm-Omega) convocase unha folga de dous días na sanidade pública galega "como último recurso ante a nefasta política" da Xunta no ámbito sanitario. Protestarán os días 9 e 10 de decembro os galenos do Sergas contra "os recortes en medios  humanos que repercuten negativamente na asistencia". E reclaman, tamén, que se paralice calquera intento de aplicación de copago en medicamentos hospitalarios, o mesmo que ten en pé de guerra a varios alcaldes que xa anunciaron que darán "a batalla social" e que acabarán asumindo os gastos derivados deste repago nos seus veciños.

Porque desde o pasado 1 de outubro entrou en vigor a resolución do Ministerio de Sanidade que instaura o repagamento nuns 50 fármacos para tratar doenzas complexas e graves que só se dispensan nas farmacias hospitalarias, aínda que os pacientes non estean ingresados. Menciñas para tratar tumores de mama, ril ou cerebrais, para facerlle fronte á leucemia ou para artrite reumatoide e a hepatite e que terán un custo para os pacientes galegos desde xaneiro de 2014. Unha iniciativa ante a que se dobregou a Xunta, como antes fixera co copago xeral nas menciñas.

"A Xunta aposta pola privatización e ten a obsesión por abaratar custos", denuncian sindicatos médicos

Para os médicos convocantes da folga, a Xunta só ten "a obsesión por abaratar custos" na sanidade a través dunha "aposta pola privatización" que empeora a calidade do servizo e que provocan "a caída na esperanza de vida". Desde os sindicatos e a oposición, acúsase o Goberno de implantar "un ERE encuberto" nos hospitais galegos.

Segundo CIG-Saúde, por exemplo, a eliminación de substitucións e a fin do Plan de Mellora da Atención Primaria foron algúns dos causantes desta drástica redución de persoal. No ano 2012-13 xubiláronse no Sergas 2.330 persoas en todas as súas áreas de actividade, pero por mor da limitación establecida polo Goberno central só se poden cubrir con novas contratacións un 10% destas prazas.

A CIG asegura que se deixaron de cubrir tres mil prazas de profesionais no Sergas nos últimos anos

A fin do Plan de Mellora da Atención Primaria empeorou as cousas. Entre 2009 e 2011 permitiu que se incorporasen ao sistema 1.049 profesionais cada ano, e non foi renovado polo Goberno de Alberto Núñez Feijoo. O Plan Galego de Saúde Mental, que tamén chegaba até o 2012, tamén foi suprimido, eliminando 154 prazas profesionais. "En total deixaron de cubrirse máis de tres mil. Só se cubriu unha parte residual", denunciaba o sindicato no verán. Ao tempo, a Xunta presume do programa piloto de atención non presencial e instaura as consultas médicas por teléfono, o que supón outro recorte en persoal.

Ademais, e segundo os últimos datos oficiais, a espera para operarse en Galicia volveu subir alcanzando os 82 días, case dous máis que nas mesmas datas do ano pasado. Mentres, o PP e a Xunta seguen adiante coa Lei de Garantías Sanitarias, o que permite pasar pacientes do Sergas á sanidade privada e, de paso, impón que se publique menos información sobre os datos.

Polo camiño, tamén o progresivo desmantelamento dos Centros de Orientación Familiar (COF) de varias cidades galegas, que atenden cada vez menos tempo, con menos medios e con escasos traballadores. Ou a centralización da xestión sanitaria en diferentes comarcas que está a empeorar os servizos e a atención dos cidadáns e que provocaron importantes protestas en diferentes vilas.

Feijóo, nun acto do Sergas © Ana Varela
Acción pola sanidade pública CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.