A sombra da privatización e da "liquidación" volve ao histórico Centro Galego de Bos Aires

Centro Galego de Bos Aires © PSdeG

Volve a polémica a arrodear o histórico Centro Galego de Bos Aires (CGBA). A difícil situación pola que pasa esta institución clave na historia galega provocou nos últimos anos importantes crises e varias denuncias polos intentos de "privatización" que tería levado a cabo o goberno de Núñez Feijóo desde 2009. Desde aquela, a intromisión da Administración na súa xestión e as diferenzas entre as diferentes correntes políticas teñen provocado unha problemática interna engadida á económica que agora conta cun novo capítulo. 

O PSdeG advirte da substitución da obra social do Centro Galego por unha mutua privada creada 'ad hoc'

O Boletín Oficial de la República Argentina do pasado 2 de setembro, e tal e como denunciou o PSdeG, publicou unha resolución na que se dá conta da decisión da Xunta e do Goberno de España de afastar o Centro Galego da xestión da Obra Social dos Inmigrantes Españois e os seus Descendentes Residentes (Ospaña), creada en 2007 para dar saída económica á institución e formada polo propio centro e as administracións galega, española e arxentina para dar cobertura sanitara a todos os inimgrantes españois e descendentes a través do histórico hospital do CGBA. Substitúese así por unha mutua privada creada ad hoc e na que a centenaria institución non tería cabida. 

"Deixa de ter voz nin voto na toma de decisións", aclara Marisol Soneira, voceira socialista de Emigración, polo que Ospaña pasa a "converterse nunha obra social máis das tantas que hai en Arxentina". Para a deputada do PSdeG, a Xunta está a provocar a "liquidación" do CGBA e o "saqueo" do seu patrimonio para "deixalo en mans particulares", o que suporía "unha traizón á nosa historia e á nosa  historia" por parte dun Feijóo ao que acusou de practicar un "patriotismo de boquilla". 

O Centro Galego deixaría de ter voz nas decisións e o PSdeG acusan a Feijóo de preparar a "liquidación" da centenaria institución

Soneira advirte da posta en dúbida da supervivencia do propio Hospital e do Centro Galego e o seu patrimonio, entre o que se atopan obras de todos os galegos no exilio, unha biblioteca de 20.000 volumes ou unha fonoteca con gravacións históricas de dirixentes nacionalistas e galeguistas, ademais do "patrimonio inmaterial" do centro hospitalario no que faleceu Castelao e que estaría "pendente dun fío". 

Denunciou que o Goberno galego dera o “visto e prace” a “liquidar” o Centro Galego constituíndo unha mutua “creada ad hoc para quedar gratis total co patrimonio galego” en “beneficio duns poucos particulares a custo cero”. Ademais, Soneira situou no epicentro da operación ao delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro Dobarro, tamén presidente do PP de Arxentina e vicepresidente de Ospaña.

Marisol Soneira cre que "ningún presidente de Galicia se atreveu nunca a tanto" como Feijóo que "pediu a desaparición do Centor Galego", unha entidade coa que hai unhas enormes diferenzas logo de que o candidato oficialista da Administración perdera as eleccións  internas e despois de que as diferentes correntes políticas amosasen nos últimos anos as súas diferenzas. 

A parlamentaria socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que se pide á Xunta que "preste todo o apoio político, técnico e económico que fose necesario para que o Centro Galego de Bos Aires siga sendo o referente hospitalario, cultural e social da cidadanía residente na República Arxentina e uns dos sinais de identidade de Galicia”. Esixe tamén "garantir a presenza do CGBA nos órganos de representación política de Ospaña” para garantir deste xeito “a súa supervivencia como centro hospitalario de referencia da cidadanía galega residente na República Arxentina”. Tamén reclama promover dende a dirección desta entidade “todas as accións precisas para a súa fiscalización e control e o cumprimento dos seus fins fundacionais e non como plataforma de intereses escuros”.

Os intentos de "privatización" coa chegada de Feijóo á Xunta

A crise económica e as polémicas políticas levan anos enlamando a traxectoria do histórico CGBA. Foi en outubro de 2007 cando se puxo a andar Ospaña, a obra social destinada a solucionar os problemas de fondos coa achega do propio centro, o Goberno de España, a Xunta a través da Fundación Galicia Saúde e máis a colaboración das autoridades arxentinas. 

Os intentos de "privatización" do CGBA foron moi criticados en 2009 polos emigrantes, que cualificaron a actitude da Xunta de "mafiosa e chantaxista"

Desde aquela, e tras a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, diversos socios e dirixentes do CGBA censuraron o abandono da institución e do seu hospital e os intentos de privatización por parte da Administración galega. A polémica estoupou cando no outono de 2009 o Goberno galego presentou unha proposta de nova xestión para facer fronte ao importante déficit. Foi un intento por privatizar o Centro e unha actitude por parte dos cargos públicos, en especial do daquela secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, que os emigrantes cualificaron de "mafiosa e chantaxista". 

Tal e como desvelara Xornal de Galicia, a proposta supoñía que o grupo privado 3A Recoletas xestionase durante cando menos 13 anos o histórico centro da emigración coa axuda dunha importante subvención da Xunta de 3,1 millóns de euros anuais e para colaborar en paliar a difícil cistuación econóimca. A empresa limitarías a achegar 8 millóns de euros a razón de 615.000 euros ao ano, mentres a emigración deixaba de xestionar o seu histórico Hospital e a Administración galega de dirixir o proceso. Xa que logo, o Goberno galego poría case 28 millóns de euros fronte aos 8 da firma privada

A proposta de hai seis anos consistía en ceder a xestión a un grupo privado ao que a Xunta achegaría case 28 millóns de euros

Aquel intento foi paralizado, a xustiza arxentina interviu a entidade e a Fundación Galicia Saúde acabouse por disolver. Desde a oposición política ao PP, tanto en Galicia como na Arxentina, acusouse aos populares de "interferencias intolerables" nos procesos electorais do CGBA e dun continou "abandono e desprezo" da histórica entidade. Agora, o PSdeG acusa a Xunta de preparar a "liquidación" do Centro e a través dun mecanismo que lembra moito ao que se denunciara hai seis anos. 

O PPdeG culpa o bipartito da situación do CGBA e critica a "demagoxia e ignorancia nas acusacións" de Marisol Soneira

Desde o PPdeG, a portavoz de Emigración, Paula Prado, asegura que “a responsabilidade última da situación na que se atopa o hospital e o Centro Galego é dos graves erros do goberno bipartito” e critica a "demagoxio e ignorancia nas acusacións" da deputada socialista Marisol Soneira. Segundo os populares, foi o propio CGBA quen rompeu en 2010 o acordo con Ospaña "co argumento de que había máis de mil perceptores de prestacións de nacionalidade española, de idade avanzada,  que impedían a súa viabilidade económica”.

Ademais, Paula Prado engade que “os únicos que puxeron en perigo o patrimonio do Centro Galego foron os xestores do Partido Socialista, acumulandounha débeda ata o ano 2009 de máis de 20 millóns de euros”

Centro Galego de Bos Aires © PSdeG
Marisol Soneira, deputada do PSdeG © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.