A tentación de trasladar a política aos tribunais

Feijóo, no seu escano rodeado de conselleiros © Parlamento de Galicia

Non son poucas as ocasións nas que unha controversia ou acusación política deriva cara aos tribunais de Xustiza. Pero non son poucas, tampouco, as veces en que esa derivación queda polo camiño, ficando nunha advertencia ou amago que alimenta durante uns días o fogo partidario e pouco máis. Botando a vista cara a atrás tan só un chisco é posible atopar na política galega exemplos diversos de ameazas ir 'ao xulgado' que non chegaron a se cumprir. A principal novidade dos últimos tempos é que esta práctica, máis ou menos habitual nas formacións ás que lles corresponde o labor de oposición, se estendeu tamén ao Goberno e ao partido que o sustenta.

Nos últimos meses o PP galego ofreceu, cando menos, dous exemplos desta práctica. O primeiro chegou en maio, en plena treboada política a conta das fotos que amosaban ao presidente da Xunta na súa etapa como secretario xeral do Sergas no barco do narcotraficante Marcial Dorado. Nun dos períodos de maior tensión parlamentaria que se lembran e despois de que o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, o cualificase como "chulo de barra americana", Alberto Núñez Feijóo asegurou estar "chegando á conclusión" de que a oposición "está buscando a imaxe de verse co presidente nun xulgado" e por iso "sobre pasa todos os límites".

Feijóo considerou que a oposición estaba a "buscar a imaxe de verse co presidente nun xulgado"

Dende o atril de San Caetano o xefe do Goberno explicou que lera "diferentes artigos de opinión" e escoitara "algunha xente que me di que emprenda accións xudiciais pola imputación de delitos que algún deputado lle está formulando ao presidente do Goberno", sinalaba, para considerar que "esa posibilidade" comezaba a "ser razoable". Ao seu xuízo a oposición en xeral e Alternativa en particular estábanlle a adxudicar "un delito tipificado no código penal" como "o narcotráfico", e "un presidente do Goberno non pode ser narcotraficante". Por iso, sinalaban o presidente e o seu entorno, estaban pensando en denunciar a Beiras. Polo momento, nada se sabe desa denuncia.

A segunda destas ameazas tivo a súa orixe na Presidencia do Parlamento e como destinataria, tamén a AGE. Produciuse cando a coalición que encabezan Beiras e Yolanda Díaz decidiron facer pública parte da documentación que a comisión de investigación das caixas declarou "reservada" só cos votos do PP. "Á vista" destas "actuacións", o gabinete de Pilar Rojo apelaba ao "deber xurídico de confidencialidade previsto no Código Penal" e aseguraba estar a "valorar" a posibilidade de "remitir" aos tribunais a actuación de AGE que, segundo Feijóo, se podía estar a meter "nun grave problema" coa publicación dos papeis. Tres meses despois non transcendeu que esa demanda se producise e, mentres, parte deses documentos confidenciais son empregados na Cámara como papel reciclado na impresora da sala de prensa.

Os amagos da oposición

O PSdeG lanzou varias advertencias de ir á Xustiza que polo momento non foron concretadas

As advertencias sobre acudir aos tribunais non son patrimonio exclusivo do PP e do Goberno. Así, por exemplo, os grupos opositores tamén aseguraron estar a ponderar a posibilidade de acudir á Xustiza cando, por exemplo, a presidenta do Parlamento decidiu limitar a asistencia de público aos plenos. Polo momento, non hai noticia de que esa posibilidade se concretase como tampouco a hai da advertencia do PSdeG no mesmo sentido pero a causa da modificación da normativa de comedores escolares. O aínda secretario xeral dos socialistas, Pachi Vázquez, anunciaba en marzo a súa intención de remitir ao Tribunal Constitucional aspectos do decreto como a obrigatoriedade de pagar o comedor para o alumnado que usa o transporte escolar. Ese anuncio reiterouno a pasada semana no Parlamento, se ben a dilación permite deducir que será a nova dirección do partido a que decida.

Da banda socialista chegaron, cando menos, dúas apostas máis por ir á Xustiza que, polo momento, non chegaron a realizarse. Unha delas produciuse en abril, despois de que o deputado do PP Alberto Pazos acusase o conxunto do PSOE, durante un debate parlamentario, de "aplicar a pena de morte" nos seus anos de Goberno no Estado. A outra chegou ante a resistencia do Goberno, que aínda se mantén, a facilitarlle á oposición os documentos relativos aos contratos da Administración galega coas empresas de Marcial Dorado. A Xustiza segue a esperar por todos estes asuntos.

Feijóo, no seu escano rodeado de conselleiros © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.