A trama de Fexuga comeza a deixar ver as súas costuras

Presentación da candidatura da Coruña a se converter en Capital Europea da Xuventude 2016. Francisco González Mariño é o primeiro pola esquerda © Concello da Coruña

O pasado 19 de agosto o concelleiro de Cultura de Vilagarcía, Francisco González Mariño, presentou a súa dimisión, despois de meses de polémicas con respecto á asociación xuvenil Dobre Espacio, da que foi presidente durante anos, e por non ser quen de xustificar o destino de importantes cantidades de diñeiro público que o colectivo recibira durante anos, ao redor de 150 mil euros durante oito anos, segundo o PSdeG-PSOE. O seu mandato estivo marcado ademais pola polémica tras a súa decisión de establecer un canon polo uso das instalacións culturais pertencentes ao Concello.

As críticas socialistas nos últimos meses centrábanse nos case cinco mil euros recibidos para a organización dun Feirón Solidario en xullo de 2011

As críticas socialistas nos últimos meses centrábanse nos case cinco mil euros recibidos para a organización dun Feirón Solidario en xullo de 2011. Na memoria presentada pola asociación para xustificar o cobro desta subvención asegurábase que a actividade se celebrara na Peixería de Vilagarcía, a ela acudiran 274 escolares de toda a comarca, cun número total de participantes de entre 727 e 777 persoas, e mesmo se incluían fotografías dalgún dos postos supostamente participantes.

Segundo o PSdeG-PSOE, a asociación xuvenil recibiu 150 mil euros en oito anos

Porén, ninguén na vila arousá tivera constancia da celebración deste feirón, nin veciños, nin centros de ensino, nin os medios de comunicación. E Francisco González tivo que acabar recoñecendo que se producira "un erro" á hora de cumplimentar a memoria, e que o evento en realidade se realizara en Lalín. Outra das críticas socialistas referíase a outra subvención que o colectivo recibira para a contratación de persoal, poñendo en dúbida o destino correcto dos cartos, pois a devandita asociación ten a súa sede na casa dos pais do edil dimitido.

Os socialistas acusaron reiteradamente a González dun delito de malversación de diñeiro público. Finalmente Francisco González comprometeuse a devolver os cartos ingresados irregularmente, despois de que a Xunta abrise unha investigación. O Goberno galego sinalou que a devolución dos cartos levará ao arquivo do caso, renunciando a investigar a irregularidade.

Os socialistas consideran que a subvención cobrada ilegalmente por Dobre Espacio pode ser apenas a punta do iceberg dun mecanismo de financiamento irregular do PP

Máis aló da importante cantidade de cartos públicos recibidos por Dobre Espacio nos últimos anos e da súa limitada actividade, e da relevancia da dimisión dun concelleiro nunha cidade como Vilagarcía, o caso podería ficar nunha polémica local. Pero non é así. O PSdeG tamén investiga a relación de Francisco González con Fexuga, Federación de asociacións xuvenís e prestadoras de servizos á xuventude de Galicia, da que foi presidente, unha responsabilidade que, asegura, abandonara ao converterse en concelleiro. Porén, González representou a Fexuga na presentación da candidatura da cidade da Coruña para ser Capital Europea da Xuventude 2016, unha iniciativa sufragada con cartos públicos e xestionada pola federación. Os socialistas consideran que a subvención cobrada ilegalmente por Dobre Espacio pode ser apenas a punta do iceberg dun mecanismo de financiamento irregular do PP a través dunha sopa de letras de organizacións xuvenís de escasa ou nula actividade.

Fexuga non é unha entidade moi coñecida e os 32 colectivos e asociacións que a compoñen non teñen unha actividade moi destacada. Pero aínda así, como adiantou Praza Pública en marzo, cobrou a terceira parte das axudas entregadas pola Xunta para organizacións xuvenís, 55 mil euros en 2011, e ao redor de 30 mil en 2012, xa cos orzamentos xerais moi recortados. Algunhas destas asociacións son Acción Social, O Vinculeiro, Arrecó, Dagda, Dumbria Xoven, Observatorio do Tambre, Raiña Lupa, A Crega, Axuma, Cruce de Camiños, Dobre Espacio, Xoecer, A Sombriza, As Minas, O Castelo, AMA Galicia, Sementeira, Terra Celta, A Eira, Eiravella, San Carallás, Apoio ou Amigos do Camiño de Santiago da Peroxa. Varias delas nin sequera teñen unha páxina web e mesmo na propia páxina de Fexuga non se poden atopar os seus datos de contacto, os seus responsables ou a actividade que realizan. Porén, entre as que si ofrecen información atópanse algunhas coincidencias. Moitas delas están vinculadas dun ou doutro xeito co Partido Popular.

Esta relación era evidente no caso do máximo responsable de Fexuga, Francisco González Mariño, pero tamén en varias das restantes asociacións: a presidenta da Asociación Cultural O Vinculeiro C.D.SAR é Elena Romero Fabeiro, concelleira popular en Padrón; a presidenta de Dagda é María González Gómez, concelleira do PP en Ames (agora no grupo mixto); o presidente de Dumbría Xoven é Manuel Louro Díaz, número 2 do PP en Dumbria; o presidente de Observatorio do Tambre é Alexander Doval responsable de Novas Xeracións en Oroso; o presidente de Raiña Lupa é Pascual Villaverde, da Novas Xeracións de Boqueixón; o presidente de Axuma é Pablo Novas Caballero, concelleiro do PP en Marin; a máxima responsable de Cruce de Camiños é Rocío Blanco Mosquera, presidenta de NNXX na Estrada. E o mesmo tipo de coincidencias atopámolas en Xoecer (Lalín), As Minas (A Pontenova), O Castelo (Alfoz), Ama Galicia ou Cultura e Deporte (Ourense).

O PSdeG xa investiga en varias comarcas as entidades e asociacións que compoñen Fexuga, revisando os expedientes e as súas memorias de actividade para decubrir ilegalidades coma as demostradas en Vilagarcía

"Parece que tocamos un punto importante destapando as irregularidade de Dobre Espazo", din dende o PSdeG-PSOE, que aseguran que en numerosas comarcas e concellos a distintas agrupacións locais comezaron xa a investigar as entidades e asociacións que compoñen Fexuga, revisando os expedientes e as súas memorias de actividade para decubrir ilegalidades coma as demostradas en Vilagarcía. De momento, a web de Fexuga leva inactiva dende que se puxo ao descuberto esta polémica.

Presentación da candidatura da Coruña a se converter en Capital Europea da Xuventude 2016. Francisco González Mariño é o primeiro pola esquerda © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.