A transparencia, 'herdanza recibida' do bipartito

Xuntanza do Consello da Xunta do Goberno bipartito © Xunta

A "herdanza recibida". Este é, posiblemente, un dos recursos máis recorrentemente empregados polos principais dirixentes do PP estatal e galego para xustificar todo tipo de medidas en clave de recorte ou restrición. Así, por exemplo, o gabinete de Mariano Rajoy amparou o incumprimento de boa parte do programa electoral co que gañou en 2011 nos datos de déficit "herdados" de José Luis Rodríguez Zapatero e do seu equipo. Do mesmo xeito, Alberto Núñez Feijóo apelou con teimosía ao "buraco" que, aseguraba, "herdara" do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, para aplicar as primeiras tesoiradas en Galicia. Así e todo, e aínda dando por boas as explicacións dos dirixentes conservadores sobre o pasado, existen outras herdanzas moito menos apeladas por eles. A presenza de Galicia nos primeiros postos do Estado no referido a transparencia é unha delas.

A organización non gobernamental Transparencia Internacional facía público hai poucos días o seu índice de transparencia dos concellos, no que analiza diversos parámetros sobre a relación dos municipios coa súa veciñanza. Na base de datos desta entidade atópase tamén o índice de transparencia das comunidades autónomas correspondente ao pasado ano 2012, exercicio no que un ano máis a Xunta está nos primeiros postos, concretamente no sexto, cunha puntuación de 90 puntos sobre 100 igualada por Castilla y León e só superada por Navarra (91,3), Andalucía (92,5), Cantabria (95), La Rioja (97,5) e Euskadi (97,5). Esta boa puntuación non é nova. Concretamente, o Goberno galego vena recibindo dende 2006, ano da entrada en vigor da Lei de Transparencia e Boas Prácticas, que saída adiante cos votos de socialistas e nacionalistas.

O PP consideraba "ridícula" a Lei de Transparencia cando se aprobou en 2006

O Executivo de coalición aprobara a normativa en solitario entre duras críticas do PP, que tiña á fronte a Feijóo dende poucos meses antes. O daquela voceiro popular na Cámara e actual alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, asentaba a posición do seu grupo é que consideraba a norma "ridícula" e insuficiente nos seus preceptos. De feito, abondaba, ben podería ser considerada como a "lei da páxina web da Xunta", caricaturizaba. Á marxe daquel tirapuxa a lei, aínda que ficou notablemente curta en moitos aspectos, puxo en vigor preceptos que ao propio PP lle resultaron incómodos ao regresar a San Cetano. Dende aquela é obrigatorio, por exemplo, facer públicos os salarios de todos os altos cargos do Goberno, pendurar en Internet os convenios que asinan as diversas consellerías e publicar todos os contratos da Administración, tamén os negociados sen publicidade.

Lugo, concello máis transparente

Unha das limitacións da lei do bipartito é que o seu ámbito de aplicación se cingue só ás institucións autonómicas e non lles afecta a outras entidades, como deputacións e concellos. Deste xeito, os índices de transparencia das entidades locais varían notablemente, tal e como é posible observar no último ránking de Transparencia internacional, no que a organización avalía áreas como a "información sobre a corporación municipal", as "relacións cos cidadáns e a sociedade", "transparencia económico-financeira", "transparencia nas contratacións de servizos", "transparencia en materias de urbanismo e obras públicas" e os "indicadores da nova lei de transparencia" que está a tramitar o Goberno central.

Só Vigo e Pontevedra fican por baixo da media de transparencia dos concellos analizados

Baseándose neses criterios a organización analiza os 110 principais municipios do Estado, entre eles os das sete cidades galegas. O rexistro estatal está encabezado por Alcobendas (Madrid), con 100 puntos sobre 100, se ben a maior parte das cidades galegas se atopan por riba da media, situada no 70,9. Para atopar o primeiro municipio galego hai que descender ao posto cuadraxésimo terceiro, no que se atopa Lugo, goberno municipal ao que lle corresponde un 86,3. Cerca do concello lugués atópase A Coruña, cun 81,3, Santiago (80), Ferrol (18,8) e Ourense (75). Só quedan por baixo da media os concellos de Vigo e Pontevedra, aos que lles corresponderon unhas puntuacións de 65 e 61,3, respectivamente.

 

Reunión do actual Consello da Xunta © Conchi Paz
Xuntanza do Consello da Xunta do Goberno bipartito © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.